Verea
Concello da comarca da Terra de Celanova situado no S da Comunidade Autónoma de Galicia e no SO da provincia de Ourense (42° 6’ 20’’ N - 7° 58’ 11’’ O). Limita ao N cos municipios de Quintela de Leirado, Celanova e A Bola (comarca da Terra de Celanova), ao S cos de Bande e Lobeira (A Baixa Limia), ao L con Rairiz de Veiga (A Limia) e ao O co de Quintela de Leirado e Portugal. Abrangue unha extensión de 94,2 km 2 , cunha poboación de 1.272 h (2007), distribuída nas parroquias de Albos, Bangueses, Cexo, Domés, Gontán, Ourille, Pitelos, Portela, Sanguñedo, Santa María de Cexo e Verea. A súa capital está no lugar de Carballo, na parroquia de Verea, e dista 140 km de Santiago de Compostela e 33 km de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial de Bande e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O municipio ten unha altitude media de 1.200 m, mentres que as terras máis baixas se sitúan por riba dos 700 m. O S municipal é a divisoria de augas entre o Limia e o Arnoia. As maiores altitudes aparecen no S, na serra de Laboreiro, desde onde van descendendo paulatinamente cara ao S, onde se acadan os 980 m. As cotas máis elevadas son os montes Froufre (1.250 m), Pena-Dedra (1.023 m) e A Moa (1.010 m). A maior parte do concello presenta materiais graníticos de cronoloxía herciniana, aínda que tamén son frecuentes sectores de rochas cristalinas cámbricas e mesmo precámbricas. Os ríos nacen nas serras do S, de xeito que teñen que salvar fortes pendentes en escaso percorrido, incidindo de xeito notable no relevo, con profundos e estreitos vales encaixados. Discorren cara ao N e forman parte da conca do Arnoia. Os principais son o Ourille, o Grande e o Cexo. O clima, aínda que dentro do dominio oceánico húmido, ten uns caracteres moi próximos ao de montaña debido á elevada altitude media. A continentalización engádese á altitude para conformar unhas temperaturas moi baixas, cunha media anual de 10°C. Os invernos son fríos (3,6°C en xaneiro) e os veráns presentan medias pouco elevadas (18°C en agosto), debido á grande oscilación diúrna, que pode situarse en 30°C entre o día e a noite, en que son frecuentes mínimas de 0°Cº ou por debaixo desa cifra. As precipitacións sitúanse ao redor dos 1.500 mm, cun réxime pluviométrico que presenta un 33% das chuvias en inverno, un 27% na primavera e un 29% no outono. No verán redúcense substancialmente as precipitacións (11%), aínda que non chega a existir aridez. A neve é frecuente de novembro a marzo. A vexetación clímax de frondosas caducifolias como o Quercus pyirenaica mantén certa entidade, e existen tamén moitos sectores, sobre todo os máis elevados, ocupados fundamentalmente por matogueiras de breixos e uces.
Xeografía humana
O concello de Verea perdeu un 60% da súa poboación desde 1887 (3.513 h) ata (1.395 h) 2001. Este acusado descenso non foi continuo, pois de 1887 a 1910 gañou habitantes a un ritmo anual do 0,22%, fundamentado nun elevado saldo vexetativo positivo, aínda que ao mesmo tempo se produciron moitas saídas emigratorias cara a ultramar. A emigración foi moito máis intensa durante a segunda década do s XX, de xeito que entre 1910 e 1920 perdeu un -0,35% da súa poboación cada ano. A crise económica internacional iniciada a finais da década de 1920 e a Guerra Civil pecharon a posibilidade de emigrar, polo que se produciu un incremento demográfico do 0,5% anual entre 1920 e 1940, ano en que acadou o seu máximo poboacional histórico (3.917 h). A partir desa data o número de habitantes xa non deixou de diminuír. Entre 1940 e 1970, período da segunda vagada emigratoria cara a América e cara ás áreas europeas máis industrializadas, perdeu un 0,97% da súa poboación cada ano. O ritmo de caída demográfica diminuíu entre 1970 e 1981 (-0,48% anual), debido á fonda crise económica internacional; a emigración dirixiuse cara a Ourense e Vigo e outras rexións españolas. A partir de 1981 de novo se disparou a perda de habitantes (-2,36% anual), xa que continuou a saída cara ás cidades galegas máis próximas e o saldo vexetativo tornouse negativo desde comezos da década de 1980. Entre 2001 e 2007 perdeu o 8,81% da poboación. A estrutura poboacional mostra un grave avellentamento, pois o 44,3% dos habitantes teñen 65 ou máis, por só un 5,8% con menos de 20 anos; o grupo intermedio representa o 49,8% da poboación. A taxa bruta de natalidade é moi baixa, 0,4‰ (2006), e a de mortalidade moi alta, 21,3‰, como consecuencia da elevadísima senectude, de xeito que o saldo natural é moi acusado (-20,91%). Por sexos dominan as mulleres (51,41%), pola súa maior esperanza de vida.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 33,1%, superando (48,4% a masculina e 21,9%a feminina); a taxa de ocupación é do 26,9% (35% a masculina e 19,69% a feminina); e a taxa de paro é do 18,6% (22,9% a masculina e 10,6% a feminina). Ata hai poucos anos dominou a actividade agrícola e gandeira, complementada co aproveitamento madeireiro do monte. Con todo, o acusado proceso de senectude vivido fixo que boa parte da poboación activa do sector primario desaparecese. O 21,5% da poboación activa traballa no sector primario. Mantense un policultivo tradicional (pataca, cereais de inverno e hortalizas) para autoconsumo, así como un armentío gandeiro ovino significativo. A industria aglutina o 13,3% do emprego. Esta actividade presenta unhas empresas de moi pequeno tamaño e centradas en boa medida na rendibilidade dos recursos endóxenos, cunha escasa produtividade. A construción conta cunha porcentaxe de emprego moi considerable (21,5%). Nela atoparon emprego moitos homes que abandonaron a actividade agraria buscando rendas máis elevadas, o que implica unha baixísima cualificación. Os servizos están sobredimensionados (43,8%), debido á caída da poboación activa agraria, pois o seu desenvolvemento é cativo. A principal vía de comunicación é a estrada OU-540 Ourense-Portugal.
Historia
Os primeiros vestixios de ocupación humana remóntanse á época megalítica (4500-2000 a C); destaca a mámoa de Mota Grande, que conta no seu interior con restos de pinturas e gravados. Do período castrexo (s VI a C - II d C) quedan restos no castro de Ourille. Por Verea pasaba a vía romana que saía de Aquis Querquenis e que penetraba no concello polo alto do Vieiro. Esta calzada foi reutilizada durante o medievo como ruta xacobea que seguía o Camiño Portugués a Santiago. A situación fronteiriza determinou a historia de Verea, pois foi lugar de frecuentes incursións e escaramuzas durante os períodos bélicos que enfrontaron a España e Portugal, sobre todo durante o século XVII. Durante o Antigo Réxime as parroquias que o integran pertenceron ás xurisdicións de Carballo de Verea, señorío do marqués de Viance, o conde de San Román e Ramón Regente; Celanova, señorío do mosteiro de San Salvador de Celanova e da orde de San Bieito; e Celme, señorío do conde de Motezúma. Coa organización municipal xurdida da Constitución de 1812 creáronse os concellos de Verea, Cexo e Orille. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, coa creación do concello de Verea.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio relixioso destacan as igrexas parroquiais de Santiago de Verea, San Martiño de Domés, San Pedro de Ourille e Santiago de Verea. No que respecta ao patrimonio natural o concello está considerado como ZEPA (2004), integrada no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, dentro do proxecto Rede Natura 2000. Celebra as festas da Natividade en Pitelos; Nosa Señora da Caridade en Bangueses; San Amaro en Albos; Santo Antón en Sanguñedo; San Mamede en Portela; e a da Ascensión en Gontán.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Terra de Celanova |
| Extensión | 94 Km2 |
| Poboación Total | 1272 h |
| Poboación Homes | 618 h |
| Poboación Mulleres | 654 h |
| Densidade de poboación | 13.53 h/Km2 |