Verín

Verín


Concello da comarca de Verín situado no SL da Comunidade Autónoma (41° 56’ 00’’ N - 7° 25’ 40’’ O), dista 184 km de Santiago de Compostela e 72 km de Ourense. Limita ao N con Castrelo do Val e Laza (comarca de Verín), ao L con Vilardevós (Verín), ao S con Portugal e ao, con Monterrei e Oímbra (Verín). Abrangue unha superficie de 94,1 km 2 , cunha poboación de 13.991 h (2007), distribuída nas parroquias de Ábedes, Cabreiroá, Feces de Abaixo, Feces de Cima, Mandín, Mourazos, Pazos, Queirugás, Queizás, A Rasela, Tamagos, Tamaguelos, Tintores, Verín e Vilamaior do Val. A capital está na vila de Verín, na parroquia homónima. Está adscrito á provincia de Ourense, á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Verín.
Xeografía física
O relevo de Verín resólvese en dúas franxas lonxitudinais que se dispoñen de N a S. A parte máis occidental coincide coa depresión de Monterrei, e son terras de altitudes comprendidas entre os 300 e 400 m, atravesadas polo río Támega e nas que a acción fluvial deixou a súa pegada en socalcos labrados sobre sedimentos depositados polo mesmo río. A franxa oriental corresponde cos contrafortes dos sistemas montañosos asociados ás serras surorientais, que se resolven nun relevo en costa que culmina no nivel dos 600-700 m de altitude (Monte Maior, 773 m; Fraga dos Lobos, 681 m; Circo, 617 m), e incluso 900 m no extremo NL (Alto de Valdeagua, 944 m). Está situado en pleno dominio climático oceánico continental. A súa localización, no fondo da depresión de Verín, íllao da influencia mariña e adquire, en cambio, certos trazos mediterráneos propios das depresións interiores. A temperatura media anual é de 12,9°C. A media de xaneiro é de 5,2°C, e a de agosto é de 20,4°C. A amplitude térmica extrema chega aos 29,1°C. A precipitación anual media é de 683 mm, cunha distribución estacional que amosa unha notable seca estival: o 39% das precipitacións recóllense en inverno, fronte ao 10% do verán. A rede hidrográfica pertence totalmente á conca do Támega, que delimita polo L o concello; cara a el conflúen o Gondulfes, o Ábedes e o Fornos. Apenas hai especies atlánticas, polo que aparecen outras mellor adaptadas á secura e á rigorosidade térmica (sobreiras, cerquiños), aínda que a notable extensión dos cultivos limita a presenza de especies naturais nas áreas máis baixas.
Xeografía humana
A poboación de Verín medrou extraordinariamente ao longo do s XX, pois acadou en 2001 case 2,7 veces máis da que posuía en 1900. Entre 1900 e 1910 creceu a un ritmo do 1,74% interanual. Este crecemento moderouse entre 1910 e 1920, cando pasou a só o 0,33%. Entre 1920 e 1950 acelerou as súas taxas de crecemento interanual, sendo especialmente notables entre 1930 e 1940 (1,94% interanual), fronte ás máis moderadas dos períodos 1920-1930 (1,31%) e 1940-1950 (0,87%). Entre 1950 e 1960 baixaron as taxas interanuais (0,25%), o que deu paso á única etapa de perdas demográficas (entre 1960 e 1970 retrocedeu a razón dun -0,21% interanual). Entre 1970 e 1981 retomou o crecemento (1,25% interanual), que se acelerou entre 1981 e 2001 (1,63% interanual). Entre 2001 e 2007 o crecemento situouse no 8,33%. Trátase dun concello que conseguiu aglutinar gran parte da poboación do SL ourensán e que se converteu nun polo de atracción demográfico, asentado nunha vila beneficiada pola súa estratéxica situación no acceso meridional cara á Meseta e polas súas tradicionais relacións co NL de Portugal. Poucos foron os momentos en que a emigración se impuxo, porén o concello recibiu unha notable inmigración desde os concellos do SL ourensán e desde a rexión portuguesa de Tras-os-Montes, o que dá lugar a unha poboación aínda nova, pois os menores de 20 anos representan o 17,9% da poboación, e os de máis de 65 anos o 21,3%; o grupo intermedio representa o 60,8% da poboación. Por sexos predominan as mulleres, co 51,18% da poboación. A taxa bruta de natalidade é do 7,2‰ (2006) e a de mortalidade do 10,4‰, polo que o saldo natural é negativo, -3,2‰.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 48%(58,3% a masculina e 38,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,7% (52,5% a masculina e 31,7% a feminina); e a taxa de paro é do 13,1% (9,9% a masculina e 17,6% a feminina). O sector primario só ocupa ao 4% da poboación activa. A superficie cultivada representa o 27,68% do seu territorio, cun predominio do viñedo (39,16% da superficie cultivada), amparado pola Denominación de Orixe Monterrei, seguido polos forraxes (13,90%) e o millo (8,06%). O gando apenas ten relevancia, pois os prados e pastos só representan o 9,27% do seu territorio. A industria representa o 15% da poboación activa, con empresas do sector das bebidas, dos materiais de construción, mobles, madeira, metal e téxtil, o principal motor da súa industria. A construción, co 15% da poboación ocupada, adquire gran relevancia dada a intensa actividade inmobiliaria rexistrada na vila, onde destacan algunhas empresas pola súa capacidade de emprego e facturación. Os servizos, co 65,8%, son o sector máis destacado; a centralidade do comercio e dos servizos asentados na vila acadan gran parte do SL da provincia, pois reciben incluso compradores procedentes de Portugal e da comarca zamorana do Alto Sanabria. A existencia de augas minerais, bicarbonatadas e fluoradas, con temperaturas moderaradas impulsaron a apertura de prestixiosos balnearios como o de Cabreiroá. Hoxe en día os seus mananciais teñen grandes nomes comerciais, baseados no embotellamento das augas, como Cabreiroá, Sousas ou Fontenova. Conta con numerosos servizos de alcance comarcal, como os xulgados, institutos, delegacións da Xunta de Galicia, e un hospital comarcal, rexentado por unha fundación en réxime consorciado co Sergas. As principais vías de comunicación son a autovía A-52, entre Vigo e Benavente, e as estradas N-525, de Santiago de Compostela a Benavente, e N-532, de Verín á fronteira portuguesa, e as que se enlazan Verín con Vilardevós e Maceda.
Historia
Nas terras do concello de Verín quedaron restos de poboamento neolítico e castrexo, ademais de restos romanos, polo paso das vías XVII e XVIII do Itinerario de Antonino. Ao longo da Idade Media sufriu frecuentes disputas fronteirizas entre os reinos de Castela e Portugal, en especial durante o último terzo do s XVII, como consecuencia da Guerra de Sucesión portuguesa. A proximidade a Portugal, unida ao seu carácter de centro de comunicacións e de saída cara a Castela, impusou o seu crecemento a partir dos ss XIX e XX. Durante o Antigo Réxime as parroquias que conformaban o actual concello de Verín pertencían ás xurisdicións de Monterrei e Oímbra, señoríos do conde de Monterrei; a de Verín, señorío do conde de Monterrei e de Benito Acevedo; e a do Couto Redondo de Mourazos, señorío do convento de Santa Clara de Allariz. Coa organización municipal xurdida da Constitución de 1812 formáronse os concellos de Verín e Mandín. Coa definitiva recuperación do municipalismo en 1835, creouse o concello de Verín. En 1864, cando se fixou o Tratado de Límites entre España e Portugal, perdeu a parroquia anexa de Lama de Arcos e en 1893 a parroquia de Vilelas incorporouse á de Tintores.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos cerámicos de época neolítica e dos castros de Cabreiroá, do seu Patrimonio cultural destacan o convento dos Mercedarios (Verín) e a igrexa parroquial de Santa María a Maior de Verín, a casa do Asistente ou o pazo de Acevedo, onde se hospedou Filipe O Fermoso. O concello está atravesado por dúas rutas do Camiño de Peregrinación a Santiago: a Vía da Prata e o chamado Camiño Portugués da Raia Seca, que conduce de Chaves a Verín, onde conflúen estes dous camiños xacobeos. O patrimonio natural ten como principal expoñente o espazo natural do río Támega, declarado LIC (2001) dentro do proxecto Rede Natura 2000. Celebra as festas de Santo Antón en Ábedes, a dos Remedios en Vilamaior do Val e Tamaguelos. Tamén, de xeito mensual, as feiras do día 3, 11 e 23. Especialmente destacable é a celebración do Entroido, en que destacan o xoves de compadres, o domingo corredoiro, coa saída dos cigarróns e a celebración da farelada, o xoves de comadres, e, sobre todo, o domingo Gordo, co desfile de comparsas, carrazos e cigarróns.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Verín
Extensión 94 Km2
Poboación Total 13991 h
Poboación Homes 683 h
Poboación Mulleres 7161 h
Densidade de poboación 148.84 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias