viacrucis

viacrucis

(< lat via crucis ‘camiño dacruz’)

  1. s f [RELIX]

    Camiño que realizou Xesús coa cruz ao lombo desde a casa de Pilatos ao Calvario. Foron catorce estacións ou etapas as que marcaron este traxecto: a condena a morte de Xesús por Poncio Pilatos; a carga da cruz na que ía ser cravado; a súa primeira caída; o momento en que se atopou con súa nai, María; a axuda que lle prestou Simón para levar a cruz; Verónica limpándolle a cara cun pano; a súa segunda caída; Xesús reconfortando as mulleres de Xerusalén; a súa terceira caída; o momento en que foi despoxado das súas vestiduras; a crucifixión; a súa morte na cruz; o descendemento do corpo da cruz, posto en brazos da súa nai María; e o enterramento.

  2. s f [RELIX]

    Conxunto de catorce cadros ou cruces que representan as catorce estacións ou episodios do camiño que realizou Xesús coa cruz ao lombo desde a casa de Pilatos ao Calvario, fronte aos que se practica esta devoción. Cada unha das representacións adoita ser pendurada de xeito sucesivo nos muros interiores das igrexas, ou ben colocada nos arredores dun camiño, xeralmente nas proximidades dun santuario ou dunha poboación.

  3. s f [RELIX]

    Devoción cristiá xurdida como un intento de reproducir a antiga práctica dos peregrinos que en Xerusalén seguían piadosamente o camiño tradicional que vai do pretorio de Pilatos ao Calvario e ao Santo Sepulcro. Consistiu en percorrer o mesmo número de etapas que Xesús durante o seu calvario, orando diante de cada unha das súas representacións que existen no interior das igrexas ou nalgúns exteriores, especialmente durante a Coresma e o tempo da Paixón. O número das estacións fixouse en catorce, de acordo co texto evanxélico, ao longo dos ss XVI e XVII (antes eran oito ou dez).

  4. s f [RELIX]

    Libro que contén as oracións recitadas durante a práctica da devoción homónima.

  5. s f

    Conxunto de calamidades que alguén sofre durante un tempo prolongado.

Palabras veciñas

viábel | viabilidade | viable | viacrucis | viaduto | 1 vial | 2 vial