Viana do Bolo

Viana do Bolo


Concello da comarca de Viana situado no SL da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia da Coruña (42° 11’ 00’’ N - 7° 06’ 20’’ O). Limita ao N cos concellos do Bolo e da Veiga (comarca de Valdeorras), ao L coa provincia de Zamora, ao S coa Mezquita e A Gudiña (comarca de Viana), e ao O con Manzaneda (a Terra de Trives) e Vilariño de Conso (Viana). Ocupa 270,4 km 2 cunha poboación de 3.442 h.(2001) distribuída nas parroquias de Bembibre, Caldesiños, Cepedelo, Covelo, Fornelos de Filloás, Fradelo, Froxais, Grixoa, Hedroso, Louzaregos, Mourisca, Paradela, Penouta, Pexeiros, Pinza, Pradocabalos, Pradorramisquedo, Punxeiro, Quintela de Hedroso, Quintela de Umoso, Quintela do Pando, Ramilo, Rubiais, San Cibrao, San Mamede, San Martiño, Santa Mariña da Ponte, Sever, Solbeira, Tabazoa de Hedroso, Tabazoa de Umoso, Viana do Bolo, Vilardemilo, Vilarmeao e Vilaseco da Serra. A capital atópase na vila de Viana do Bolo, na parroquia do mesmo nome. O concello está a 248 km de Santiago de Compostela e a 145 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Astorga e ao partido xudicial da Pobra de Trives.
Xeografía física
Situado nas serras surorientais, a complexidade orográfica é a nota máis característica da súa configuración topográfica. A compartimentación orográfica está marcada polo contraste entre macizos montañosos de materiais metamorficos (lousas e xistos) e vales cortados por profundas gargantas, pola forte impronta dos procesos erosivos glaciarios e periglaciais. Distínguense cinco partes ben diferenciadas, de L a O. En primeiro lugar, os contrafortes meridionais da serra Calva, macizo que segue unha dirección NL-SO, e do que parte á altura de Penouta unha rama con dirección L-O que delimita o N do concello; as altitudes medias deste espazo oscilan entre os 1.200 e os 1.500 m no seu sector oriental, e os 1.000 e 1.200 m na mencionada rama. Máis cara ao O está o val do Bibei, que se resolve nunha franxa de altitudes comprendidas entre os 700 e 1.000 m que ocupa o sector centroriental do municipio, seguindo unha orientación SL-NO. O S do concello está ocupado pola serra do Canizo, con altitudes medias comprendidas entre os 1.000 e 1.400 m e disposición NO-LSL. Os vales dos ríos Couso e Camba ocupan o sector SL do concello, ocupando a porción de relevo menos vigoroso e de pendentes máis suaves, con altitudes comprendidas entre os 600 e 900 m. Por último, o extremo O do concello coincide cos contrafortes finais da serra de Queixa, con altitudes comprendidas entre os 1.000 e 1.300 m. Hidrograficamente trátase dun concello complexo, integramente situado na conca do río Bibei, afluente do Sil, que percorre o concello trazando un arco de gran raio que o leva inicialmente a manter unha dirección NL-SO para, finalmente, pasar a seguir sentido LSL-ONO. Pola dereita recibe o Camba, que segue unha dirección inicial O-L para logo mudar a outra S-N tras recibir os regos das Fragas e Canela, desembocando no Bibei nas proximidades da vila de Viana do Bolo; e o Couso, que só percorre o concello durante escasos quilómetros seguindo dirección OSO-LNL. Pola esquerda recibe o río do Pontón. Na parroquia de Ramilo, parte do seu territorio pertence á conca do Xares, tamén afluente do Bibei, a través da cabeceira dos regos Coto e Fonfría que, augas abaixo, dan paso ao río Corzos. No concello atópanse os encoros de Vao e Pías, sobre o Bibei, e as presas de San Sebastián, sobre o Bibei, e das Portas, sobre o Camba. O concello está situado dentro do dominio climático oceánico de montaña. A temperatura media anual é de 9,3°C. A media de xaneiro é de 2,0°C, e a de agosto é de 17,5°C. A precipitación anual media é de 1.038 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 39% da precipitación recóllese en inverno, fronte ao 8% en verán, ficando con valores medios a primavera co 28% e o outono co 25%. A vexetación está condicionada polas desfavorables condicións vinculadas ao clima de montaña e á accidentada topografía, e destacan as masas arbóreas de ribeira e algunhas especies resistentes ao frío (bidueiros e piñeiros), e existen masas de castiñeiros e cerqueiros nos espazos de menor altitude e de menores pendentes.
Xeografía humana
A poboación sufriu perdas intensas, de feito os seus efectivos demográficos actuais son apenas o 44% dos rexistrados en 1960, data na que acadou o seu máximo demográfico con 9.062 h. Cómpre distinguir a fase comprendida entre 1900 e 1960, de evolución globalmente positiva, e a que arranca a partir desa data, afectada por unha perda poboacional que aínda continua na actualidade. Na primeira das fases mencionadas alterna etapas de estancamento (entre 1900 e 1930 o seu crecemento foi do -0,05% interanual, entre 1940 e 1950 acadou un crecemento 0) con outras de notable inctemento (entre 1930 e 1940 un 0,68% interanual e entre 1950 e 1969 un 0,78%). Ao longo da segunda metade do século distínguense anos de forte caída do seu censo (entre 1960 e 1970 un -2,98% interanual, entre 1981 e 1991 un -2,99%) que conviven con momentos de estancamento (entre 1970 e 1981 un -0,07%) e de perdas moderadas (entre 1991 e 2001, un -1,06%). Entre 2001 e 2007 a poboación descendeu un -11,5%. A poboación está avellentada superando os de máis de 65 anos (37%) aos menores de 20 anos (10,2%); o grupo intermedio representa o 52,9% da poboación. Por sexos, a poboación está levemente dominada polas mulleres (50,14%). A taxa bruta de natalidade é do 4,8 ‰ (2006) e a de mortalidade do 21,8‰, polo que o saldo resultante é negativo (-17‰).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 42,4% (53,2% a masculina e 31,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 35,7% (44,9% a masculina e 26,4% a feminina), a taxa de paro é do 15,7% (tanto a xeral como a masculina e a feminina). O sector primario é unha actividade aínda relevante que ocupa o 15,4% da poboación activa. A superficie cultivada representa o 11,09% do territorio, ocupado en gran medida por centeo (46,67%) e por forraxes (19,27%) e viñedo (8,27%), cultivo este último limitado aos terreos máis resgardados dos vales fluviais. Os prados e pastos abranguen o 21,82% do territorio. O armentío bovino está composto por 2.235 vacas (1999), preferentemente destinadas á produción de carne. O gando porcino está representado por 611 cabezas. A industria acolle o 11,7% da poboación activa, destacando só unha empresa dedicada á fabricación de prefabricados de formigón. A construción dá emprego ao 20,3% da poboación activa, fundamentalmente na edificación local ou nas vilas da Rúa, O Barco e Verín. Os servizos dan ocupación ao 52,6% dos traballadores, a capitalidade cumpre o papel dun modesto centro comercial e de servizos que abastence unha extensa área de montaña, herdanza das súas tradicionais feiras e mercados. A principal vía de comunicación é a estrada OU-533, de Lalín á Gudiña.
Historia
Os seus primeiros poboadores remóntase á época castrexa, da que se atopou unha prancha de bronce labrada. Tamén se vinculou cos bibalos e coa citania romana Forum Bibalorum. O núcleo do concello formouse a partir dunha fortaleza medieval e das terras que o circundaban, que gozaban de foros e goberno propios e que pertenceron a Fernando Osorio de Castro, da casa de Lemos, e a Pedro Enríquez, por unha doazón de Enrique de Trastámara, que a eximiu de tributos. En 1180 foi reconstruída por Fernando II, que ao mesmo tempo repoboou a vila e erixiuna cabeza de marquesado en favor de Pedro de Pimentel, fillo do conde de Benavente. Destruída durante as Guerras Irmandiñas, foi reconstruída no s XV, pero durante as Guerras Carlistas volveu ser escenario de enfrontamentos. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Viana do Bolo pertenceron ás xurisdicións de Viana do Bolo, señorío real, e Vilarmeao, señorío de Xavier Armesto e Joseph Quiroga. Coa organización municipal da Constitución de 1812 xurdiron os concellos de Grixoa, Viana do Bolo, Solveira e Rubiás que coa recuperación do municipalismo en 1835 formaron o concello de Viana do Bolo. Con posterioridade producíronse algunhas variacións parroquiais.
Patrimonio cultural
Ademais do castro coñecido como Buraco do Amaro ou Ladeira (Viana do Bolo) da torre da homenaxe da fortaleza (s XV) destacan as igrexas parroquiais, de orixe románica, de Santo André de Bembibre, Santa María de Viana do Bolo e San Pedro de Grixoa. A edificación civil está representada polos pazos de Umoso, Fradelo, Grixoa e Punxeiro. Forma parte do Macizo Central e de Pena Trevinca, dentro da proposta Rede Natura 2000. Ademais do Entroido, celebra a Festa da Androlla, coincidindo co domingo de Entroido, e as festas parroquiais de San Roque, a Asunción e o Santo Antón.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Viana
Extensión 270 Km2
Poboación Total 3442 h
Poboación Homes 1716 h
Poboación Mulleres 1726 h
Densidade de poboación 12.75 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias