vianés -sa
(< topónimo Viana do Bolo)
-
adx
Relativo ou pertencente a Viana do Bolo ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Viana do Bolo.
-
raza vianesa
[GAN]
Raza bovina autóctona de Galicia, que se localiza na comarca de Terra do Bolo. Está formada por animais de perfil recto a subcóncavo. O seu peso medio é de 560 kg nas femias e de 850 kg nos machos e a altura media na cruz é de 132 cm nas femias e de 138 cm nos machos. A cabeza é pequena, coa cara alongada e estreita no fociño; as orellas grandes e peludas e os cornos en gancho curto nos machos, e alongados nas femias. A pelaxe é castaña, con tonos máis escuros nos bois e máis claros nos tenreiros. Caracterízase pola rusticidade, que lle permite unha boa adaptación ao medio montañoso, e pola excelente calidade organoléptica da carne dos seus tenreiros. A busca por parte dos gandeiros de maiores rendementos fixo que se potenciaran razas máis especializadas, o que puxo en perigo a pureza da raza. Co obxectivo de recuperar, conservar e fomentala, no ano 2000 aprobouse a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Vianesa.