Vicedo, O

Vicedo, O


Concello da comarca da Mariña Occidental situado no N da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia de Lugo (43° 44’ N - 7° 40’ O). Limita ao N co Mar Cantábrico, ao L co concello de Viveiro (comarca da Mariña Occidental), ao S co de Ourol (A Mariña Occidental) e ao O con Mañón (Ortegal). Abrangue unha superficie de 76 km 2 cunha poboación de 2.086 h (2007) distribuída nas parroquias de Cabanas, Mosende, Río Barba, San Miguel de Negradas, San Román de Vale, Suegos e O Vicedo. A capital é O Vicedo, na parroquia homónima. Dista 167 km de Santiago de Compostela e 105 km de Lugo. Está adscrito á diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Viveiro.
Xeografía física
Os seus trazos físicos veñen marcados pola combinación de dúas formas de relevo. Unha esténdese por toda a parte interior, e está composta por aliñacións montañosas de cumes suaves e pouca altitude (400-500 m) e a outra abarca o litoral, formado por unha pequena plataforma costeira e o curso baixo do río Sor. A área de montaña esténdese desde a parroquia de Cabanas ata as inmediacións da de San Miguel de Negradas, onde comeza a perder altitude. Estas aliñacións van paralelas ás serras de Coriscada e Faladoira, nelas destacan o Padró (509 m), Chao de Outeiro (496 m), Pena de Seixas (428 m) e Muro Novo (411 m). Nestes montes o río Sor e os seus afluentes encaixáronse e formaron vales angostos que se van ensanchando a medida que se achega á desembocadura, onde forma unha plataforma aluvial na que se atopa a illa de San Martiño. A partir da desembocadura do Sor, compartindo a ría do Barqueiro, desenvólvese por toda a liña de costa unha chaira litoral na que se atopan as praias de Abrela, Xilloi ou Caolín, só interrompida por algúns cerros con vertentes que caen abruptamente ao mar. A rede hidrográfica vén marcada polo Sor, límite natural que o separa da provincia da Coruña. Con dirección SL-NL acoden a el afluentes desde os montes do interior como o Cabanas e o Río Barba. Climaticamente o concello entra dentro do dominio oceánico húmido. A temperatura media anual é de 12,5°C. A oscilación térmica é suave, con veráns e invernos de temperatura temperada. Non obstante, cara ao interior aumenta a amplitude, facéndose máis cálidos os veráns e máis fríos os invernos, ao diminuír o efecto suavizador do mar. As precipitacións, en termos xerais, son elevadas e varían entre os 900 e os 1.400 mm anuais. Repártense de forma homoxénea ao longo do ano, con máximas nos meses invernais. Hai un aumento da costa ao interior polo ascenso orográfico dos ventos húmidos oceánicos; pero debido á orientación do relevo, existen diferenzas entre as áreas de barlovento e sotavento. Hai lugares con microclimas máis húmidos e outros máis secos e con temperaturas suaves. A vexetación natural é especialmente intensa nas áreas de montaña, onde predominan os bosques de especies de repoboación, piñeiros e eucaliptos. Ocasionalmente quedan restos de carballeiras e bosques de ribeira. Cara ao mar a intensa ocupación humana e a acción do vento reduce o número de especies, predominando unha matogueira atlántica. O concello conta cun espazo natural declarado: o Esteiro do Sor.
Xeografía humana
O Vicedo tiña a comezos do s XX unha poboación de 4.563 h. Durante a centuria pasada esta cifra foi en descenso, salvo no 1940. Non obstante, os ritmos deste despoboamento foron diferentes. Durante a primeira metade do século a marcha de persoas foi menor, e en parte compensada por un forte crecemento natural, froito dunha alta natalidade. Na segunda metade o éxodo rural foi moito máis intenso dando lugar a un paralelo proceso de avellentamento. Esta dinámica de elevada perda de poboación mantívose entre 1991 e 2001, período en que houbo unha diminución do -18,92% da poboación total. Entre 2001 e 2007 perdeu o -4,92% da poboación.O crecemento natural é moi negativo, -7,9‰ (2006), froito dunha natalidade baixa (5‰) e dunha mortalidade elevada (12,9‰). A estrutura demográfica reflicte as consecuencias desta dinámica natural. Os menores de 20 anos representan o 12,5% da poboación fronte ao 31% dos maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 56,6% da poboación. Por sexos dominan lixeiramente as mulleres co 51,19%. Existe unha concentración dos habitantes na cabeceira municipal.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 41,4% (50,8% a masculina e 32,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 36,3% (47% a masculina e 26,1% a feminina); e a taxa de paro é do 12,3% (7,5% a masculina e 19,6% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte unha superioridade do sector primario (35,3%), repartido entre a agricultura (15,9%) e a pesca, e o sector servizos (38,1%). O sector secundario ocupa o 26,6% (13% na industria e 13,7% na construción). A estrutura económica do concello camiña entre dous modelos diferentes, o do litoral e o do interior. Na costa a actividade primaria principal segue a ser a pesqueira, concentrada no porto do Vicedo, que acolle o 19,4% da poboación activa. A construción tamén se centrou principalmente no litoral, nas novas vivendas relacionadas coa actividade turística. O Vicedo, cabeceira municipal e núcleo de orientación costeira, concentra as funcións terciarias básicas. Non obstante, parte do terciario inclúese na atracción exercida pola próxima vila de Viveiro. Tamén neste espazo costeiro se desenvolveu o turismo cos correspondentes servizos que xera. No interior, pola contra, o modelo produtivo baséase nas explotacións agrarias de autoconsumo e nas modernizadas granxas bovinas dedicadas á produción láctea. A gandaría aproveita as condicións naturais de prados e pastos. A adaptación ás normas da UE aumentou o tamaño medio das explotacións ou cambiou a súa orientación cara a unha gandaría máis extensiva dedicada á produción de carne. A rede de comunicacións carece dunha vía de alta capacidade. A principal estrada é a LU-642.
Historia
Os restos máis antigos de poboación das terras deste concello remóntanse á época castrexa, como no caso da mámoa da Medorra (San Miguel de Negradas) ou os castros da Tarroeira (O Vicedo) e Suegos. Desde o s XI, serviu de refuxio a diversas ordes militares e relixiosas que fuxindo dos sarracenos se asentaron na zona e fundaron dous mosteiros, posteriormente desaparecidos, en San Miguel de Negradas, que desapareceu no s XV, agregándose ao mosteiro de San Paio de Antealtares, e en Coelleira, que estivo en mans de dominicanos e templarios. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello do Vicedo pertenceron ás xurisdicións de Viveiro, señorío real; Galdo, señorío do marqués de Alcañizas e Suegos, baixo o señorío de Manuel de Cora e Benito Bolaño, e integráronse na provincia de Mondoñedo. Coa organización municipal xurdida da Constitución de 1812 formáronse os concellos de Negradas, Val e Cabanas. Coa definitiva implantación do municipalismo en 1835 creáronse os concellos de Galdo e Viveiro. En 1840 creouse o concello de Riobarba, que desde 1953 modificou a súa denominación pola do Vicedo.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas parroquiais de Santo Estevo do Vicedo, San Paulo de Río Barba e Santa María de Cabanas, así como a capela das Angustias de Río Barba; a ponte do Porto, a casa de Alexos (San Miguel de Negradas) e a casa do Adro, en San Román de Vale. No patrimonio natural destaca o espazo da Costa da Mariña Occidental declarado Lugar de Interese Comunitario dentro do Plan Natura 2000. Celebra as festas patronais de Santo Estevo no Vicedo, da Nosa Señora en Suegos ou a de San Miguel en San Miguel de Negradas. Tamén destaca a celebración do Festival Folclórico da Mariña Lucense.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Mariña Occidental, A
Extensión 75 Km2
Poboación Total 2086 h
Poboación Homes 1018 h
Poboación Mulleres 1068 h
Densidade de poboación 27.81 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias