1 vide

1 vide

(

  1. s f [PLANTA]

    Planta leñosa, gabeadora, que pode acadar os 30 m de altura, pero debido á poda non adoita sobrepasar o metro de altura. Presenta tronco robusto con cortiza grosa e áspera que se desprende en tiras delgadas. As ramas novas ou vidras atópanse engrosadas nos nós, as follas son alternas, palmadas, lobuladas e lixeiramente dentadas de cor verde cos gabiáns enfrontados. As flores son xeralmente hermafroditas, pequenas, pouco aparentes, dispostas en panícula con 5 sépalos e 5 pétalos verdosos. O froito, a uva, é unha baga, máis ou menos globular, de cor variable, con polpa zumenta, onde están as sementes, e cuberta por unha especie de po fariñento . Florece de marzo a xuño ou incluso máis tarde segundo as variedades cultivadas. Cultívase en zonas de clima temperado. Crese que é orixinaria de Asia, especialmente da rexión do Mar Caspio, onde se ten constancia das primeiras viñas plantadas polo home. Ao longo da historia a especie V. vinifera evolucionou, adaptándose ás distintas zonas e dando lugar a numerosas variedades, pero só unha minoría se emprega na elaboración de viños, entre elas chardonnay, cabernet, sauvignon, pinot noir, merlot ou moscatel. En Galicia entre as variedades máis importantes están o albariño, dona branca, godello e treixadura, de uvas brancas; araúxa, bastardo, espadeiro, mencía, sousón e tintilla, de uvas tintas. Entre as pragas que máis atacan a vide está a do insecto filoxera, que no século pasado arrasou as vides europeas, e as provocadas por ácaros, caracois, vermes ou bolboretas. Entre as enfermidades destacan o oídio, a mera, a antracnose, a necrose bacteriana, a podremia, ou as provocadas por virus. Ademais da obtención de viño, tamén se emprega como planta medicinal.

    Sinónimos: videira.
  2. s f [BOT]

    vidra.

Palabras veciñas

Vidán Torreira, Manuel | vidarabina | vidarego -ga | 1 vide | Vide | Vide | Vide de Miño