Vietnam

Vietnam
Nome científico: [nome oficial: República Socialista de Vietnam; annamita; Cong Hog Xa Hoi Chu Nghia Viet Nam]

Estado do SL de Asia. Limita ao N con China, ao L co mar de China Meridional, ao S con Camboxa e ao O con Laos (329.241 km2; 82.069.800 h [estim 2004]). A súa capital é Hanoi.
Xeografía física
É un país montañoso e alongado. Ao N están os macizos de Tonquín (Fan Si Pan 3.143 m), que están formados por recheos calcarios, moi soldados ás rochas grazas á auga dos ríos Sông Da, Sông Ma e Sông Nhi Ha. Fórmase un delta extenso na desembocadura do río Sông Nhi Ha, que produce unha chaira moi fértil. A cordilleira de Annam esténdese desde Tonquín ata ao S, descendendo suavemente cara ao val do Mekong polo O, e no L caen as vertentes no mar de forma máis brusca. No S caen os antiplanos de Gia Lai, Dac Lac e Lam Vien. O delta do Mekong, a chaira de Tonquín e a chaira da Cochinchina constitúen as chairas do país. As costas son pantanosas e baixas tanto no N como no S. Posúe un clima monzónico con ventos do NL entre os meses de outubro a marzo, e do SO de maio a setembro. Chove abundamente e son frecuentes ciclóns na costa. Durante todo o ano as temperaturas son altas nas zonas baixas. Ten unha vexetación típica de selva.
Xeografía económica
A agricultura é a base económica do país. O máis importante é o cultivo de arroz,   favorecido polo clima, ademais de ser a base da alimentación. Prodúcense dúas ou tres colleitas ao ano, e, aínda que o cultivo se estende polas tres cuartas partes do país, é insuficiente para toda a poboación. Tamén existen cultivos de algodón, café, caucho, soia e té. A colectivización de Vietnam do Norte acabou en 1965 e estendeuse ao S a partir de 1977. Non obstante, pequenos campesiños quedaron fóra desta debido á caída da produción en 1979. Os regadíos creceron, apareceu a mecanización e comezaron a utilizarse os fertilizantes químicos. A gandaría é bovina e porcina e tamén existen búfalos. Un sector importante é a pesca. Unha parte do territorio é bosque, aínda que está preservado. Os minerais aparecen na parte setentrional. O petróleo e o carbón son as principais explotacións, pero tamén hai xacementos de antimonio, bauxita, cromita, ferro, fosfatos e cinc. Produce a electricidade en centrais hidoeléctricas. Existe unha industria tradicional, dedicada sobre todo á seda, porcelana ou laca, e unha industria moderna, que recibe axuda exterior. O núcleo industrial máis importante é Hai Phong. As zonas industrias son a do delta de Sông Nhi Ha e o complexo de Thanh Pô Hô Chí Minh, no delta de Mekong. Son industrias do cemento, fertilizantes químicos, téxtil e electrónica. Posúe numerosas estradas (93.300 km en 1996) cuxo eixe son as de Hanoi a Thanh Pô Hô Chí Minh, que é paralela ao ferrocarril principal (2.652 km en 1997). Os ríos tamén son vías de comunicación (6.000 km), aínda que o tráfico é moi limitado. O de Hanoi e Thanh Pô Hô Chí Minh son os aeroportos máis importantes, e o porto máis importante é o de Hai Phong. Singapur, Hong Kong e Xapón son os países importadores de fertilizantes e de produtos petrolíferos; Vietnam expórtalles petróleo, carbón e arroz.
Xeografía humana
A maior parte da poboación concéntrase nos deltas (90%) e nas costas. Posúe un índice de crecemento moi elevado (no período 2000-2005 cifrouse no 1,4%). Nas chairas sitúanse as cidades máis importantes: Hanoi, Thanh Pô Hô Chí Minh e Hai Phong. A poboación urbana é o 25,7% (2003) do total.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A maioría da poboación é vietnamita (87,1%), hai tamén minorías tai (1,7%), hoa (1,5%), khmer (1,4%), khome (1,3%), muong (1,3%), nung (1,1%) e meo (0,8%). A lingua oficial é o annamita. A relixión maioritaria é a budista (66,7%), seguida da católica (7,7%), do sincretismo (5,6%) e doutras (20%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Vietnam entre os países cun desenvolvemento humano medio (112º posto mundial cun índice de 0,691). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de de 66 anos para os homes e 71 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 90,3% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 64%, e o PNB real por habitante é de 2.300 $ EE UU.
Goberno e política
Colonia francesa, o 2 de setembro de 1945 proclamouse a República Democrática de Vietnam. Segundo a conferencia de Xenebra de 1954 dividiuse en dous estados: a República Democrática de Vietnam ao N, comunista, e a República de Vietnam do Sur, prooccidental. Despois dun longo conflito bélico, o 2 de xullo de 1976 o país reunificouse coa proclamación da República Socialista de Vietnam. Segundo a Constitución do 15 de abril de 1992, o executivo correspóndelle ao presidente da república, elixido para un período de 5 anos pola Asemblea Nacional. O poder lexislativo reside na Asemblea Nacional, formada por 498 membros que son elixidos para un período de 5 anos. O sistema xudicial baséase na teoría xurídica comunista e no dereito civil francés. A pena de morte está en vigor. O único partido legalizado é o Partido Comunista de Vietnam (PCV). Organismos internacionais: ONU e ASEAN.
Historia

Das orixes ao dominio chinés
Os primeiros vestixios de presenza humana corresponden a tribos negroides de orixe indonesia que vivían no norte e que datan do Neolítico. As tribos mongois de China introduciron o bronce. Unha destas, os hans, estendeu o cultivo de arroz, feito que mellorou a alimentación e permitiu a creación de exércitos e de auténticos reinos, como o que ocupou Tonquín, e motivou a intervención do imperio chinés, interesado en crear un estado en Indochina. O confucionismo e o budismo implantáronse no N, e o hinduísmo no S. A comezos do s III a C o gobernador chinés Trie Da independizou o reino han do delta (Reino de Nam Viet) pero en 111 a C volveron dominalo. Xurdiron novas poboacións semiindependentes nun sistema semellante ao feudalismo. A comezos do s I a C os chineses impuxeron os seus costumes, a súa lingua e a súa escritura en Nam Viet. Así, radicalizáronse as diferenzas co Reino de Champa, de cultura hindú, que se formara en Annam e en Conchinchina. O delta do Mekong pertencía aos reinos hindús de Fu-nam e de Xen-la.
Da independencia vietnamita á presenza europea
Despois de numerosas revoltas contra China e de longas etapas de independencia e semiindependencia, xurdiron as primeiras dinastías vietnamitas independentes na primeira metade do s X. A dinastía Li (ss XI-XIII) consolidou a independencia e estendeu o reino en prexuízo do de Champa. A invasión mongola permitiu o achegamento entre vietnamitas e champos. A dinastía Tran (1225-1414) continuou a expansión cara ao sur, pero unha crise dinástica converteu outra vez o Reino de Nam Viet nunha colonia chinesa (1404-1418). O xeneral Tan Hoa liberou o reino e fundou a dinastía Le (1418-1793). O Rei Le Tan Ton ocupou definitivamente os territorios de Champa (1471), pero a mediados do s XVI o reino dividiuse entre a familia Trin, ao N, e os Nguyen, ao S. A división consumouse definitivamente en 1677. Na segunda metade do s XVII a penetración vietnamita incluíu as provincias orientais de Conchinchina. En 1696 Saigón foi ocupado e o delta do Mekong repoboouse con campesiños vietnamitas. En 1765 toda Conchinchina dependía da familia Nguyen. A comezos do s XVII chegaron os misioneiros franceses, encabezados polo xesuíta Alexandre de Rhodes, que converteron unha gran parte da poboación ao catolicismo e acentuaron o nacionalismo vietnamita fronte a China. Os tonquineses ocuparon Annam e Cochinchina en 1774, pero unha rama da familia Nguyen, os Tai Son, acadou o poder, repartiu Vietnam e derrocou o derradeiro monarca Le (1789) co recoñecemento de China. Nguyen An organizou a resistencia de Conchinchina, recibiu axuda francesa, reconquistou todo Vietnam e coroouse rei co nome de Gia Long. O modelo de estado era chinés.
O dominio francés
En 1858 Napoleón III quixo crear unha área colonial francesa en Extremo Oriente e unha expedición franco-española ocupou Saigón e Conchinchina (1858-1861). En 1874, o Emperador Tu Duc recoñeceu o protectorado francés sobre Annam e Tonquín. Co apoio de China, a resistencia vietnamita mantívose ata 1885. Vietnam formou, con Laos e Camboxa, a Indochina francesa. A administración colonial preocupouse das obras públicas e das comunicacións, e tivo unha certa autonomía económica e política. Ampliáronse as plantacións de arroz, introduciuse o cultivo do caucho, intensificouse a actividade mineira e creouse unha industria téxtil. A sociedade tradicional quedou relegada e xurdiu unha nova burguesía que adquiriu terreos e creou latifundios. As grandes compañías francesas orixinaron tamén un proletariado de asalariados. A presión cultural francesa aniquilou a cultura superior vietnamita.
Da creación da República Democrática de Vietnam á división de Vietnam
O nacionalismo vietnamita estendeuse a partir da Primeira Guerra Mundial grazas á Revolución Chinesa. A partir de 1930 o nacionalismo tonquinés estivo protagonizado polo Partido Nacionalista e, sobre todo, polo Partido Comunista, fundado por Ho Chi Minh. O Viet-minh asumiu o peso da loita nacionalista. Desta maneira o nacionalismo tonquinés quedou baixo o control dos comunistas, mentres que no S adoptou un carácter semirelixioso e tradicionalista (caodaísmo). En 1940-1941 Vietnam pasou á órbita xaponesa, aínda que se mantiveron as formas coloniais. En 1945 os xaponeses expulsaron as forzas e administración francesas, coa axuda dos sectores nacionalistas, e proclamaron a independencia de Vietnam. Coa derrota xaponesa na Segunda Guerra Mundial (1945), o Emperador Bao Dai abdicou e Ho Chi Minh proclamou a República Democrática de Vietnam. O retorno dos franceses significou un recoñecemento limitado da mesma, pero non a independencia de Conchinchina. Despois de que a frota francesa bombardease o porto de Hai Pong (1946), desencadeouse a Guerra de Indochina. Os franceses ocuparon as cidades e os deltas e o Viet-minh fíxose forte no campo e nas montañas, onde iniciou unha guerra de guerrillas. Entre 1948 e 1950 Francia creou o estado independente e reunificado de Vietnam. O triunfo da Revolución Chinesa, a loita indonesia e india e a Guerra de Corea relanzaron a resistencia nacionalista do Viet-minh. A guerra estendeuse a Laos e Camboxa. Despois da desfeita francesa na Batalla de Dien Bien Phu (1954), o goberno francés comezou as negociacións. A Conferencia de Xenebra (1954) dividiu Vietnam en dous estados separados polo paralelo 17. A República Democrática de Vietnam estableceuse ao N e a República de Vietnam ao S. Unhas eleccións previstas para 1956 tiñan que decidir o futuro dos dous estados. Ho Chi Minh converteuse no máximo dirixente no N, mentres que no S, Ngo Dinh Diem instaurou un réxime ditatorial e anticomunista.
A loita pola unificación
En 1960 fundouse a Fronte Nacional de Liberación ou Viet-cong en Vietnam do Sur, que deu lugar a un goberno revolucionario provisional coa axuda de Hanoi. EE UU aumentou o apoio ao réxime de Diem. En 1963 un conflito entre Diem e os budistas motivou a morte de Diem. O xeneral Nguyen Van Tieu accedeu á presidencia e instaurou unha nova ditadura protexido polos estadounidenses. Comezou entón a Guerra de Vietnam entre ambas as dúas repúblicas. En 1969 abríronse negociacións en París que culminaron en 1973 cun acordo que permitiu a retirada estadounidense de Vietnam do Sur. Non obstante, a guerra continuou ata a rendición do réxime survietnamita (1975) e a reunificación na República Socialista de Vietnam.
O Vietnam unificado
Vietnam do Norte impuxo a súa hexemonía tras as eleccións de 1976. En política exterior Vietnam decantouse cara a unha alianza coa URSS en lugar de China, a normalización das relacións con EE UU e Francia e en 1977 ingresou na ONU. O proceso de normalización do país (eleccións xerais de 1976) chocou cos enfrontamentos fronteirizos con Camboxa (1977) que culminaron coa invasión deste estado en 1978, o derrocamento de Pol Pot e a instauración dun goberno provietnamita en Laos (1979). As relacións entre China e a URSS empeoraron ata o punto de que China ocupou temporalmente unha parte de Vietnam en 1979. Estes conflitos, ademais de illar politicamente o país, afectaron á economía e provocaron un éxodo de refuxiados. En 1980 aprobouse unha nova constitución, socialista, que estableceu a presidencia colectiva e reforzou a posición política de Le Duan que, ao morrer en 1986, foi sucedido por Nguyen van Linh. Da man do presidente Vo Chi Cong (1987) e do primeiro ministro Vo Van Kiet (1988), emprendeuse un importante proceso de reformas, entre elas a transición cara a unha economía de mercado, que estivo supervisada polo estado. A retirada das tropas vietnamitas de Camboxa en 1988 mellorou as relacións internacionais e puxo fin ao éxodo de exiliados políticos. O conflito con China pechouse en 1991 coa sinatura dun acordo de paz en Camboxa. En 1992 adoptouse unha nova constitución que mantiña o sistema socialista e de partido único pero que consideraba o dereito á propiedade privada. A Asemblea Nacional elixiu a Le Duc Anh xefe de estado e ratificou o proceso de reformas coa continuidade de Van Kiet como xefe de goberno. Coa disolución da URSS en 1991, o proceso de reconstrución económica quedou moi afectado pola redución da axuda soviética, e o réxime vietnamita compensouno coa busca de investimentos estranxeiros a través de importantes préstamos do Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e o Banco para o Desenvolvemento de Asia e cun achegamento a Xapón. As constantes críticas de Occidente de violación dos dereitos humanos non impediron o mantemento da axuda exterior, que se puxo de manifesto cando EE UU decretou o levantamento do embargo económico en 1994. Ao ano seguinte, iniciáronse as relacións diplomáticas con EE UU e en 1998 asinou un tratado de límites terrestres con China. En 1997 Tran Duc Long foi elixido presidente e Phan Van Kai primeiro ministro, cargos para os que foron reelixidos en 2002.