Vilagarcía de Arousa
Concello da comarca do Salnés situado no O da Comunidade Autónoma de Galicia e no NO da provincia de Pontevedra (43° 35’ 31’’ N - 8° 46’ 46’’ O). Limita ao N coa ría de Arousa e co concello de Catoira (comarca de Caldas), ao S con Vilanova de Arousa (O Salnés), ao O coa ría de Arousa e Vilanova de Arousa e ao L con Caldas de Reis (Caldas). Abrangue unha extensión de 44,2 km 2 cunha poboación de 36.743 h (2007), distribuída nas parroquias de Arealonga, Bamio, O Carril, Cea, Cornazo, Fontecarmoa, Rubiáns, Sobradelo, Sobrán, Solobeira e Vilagarcía. A súa capital é a vila de Vilagarcía, na parroquia homónima, que dista 45 km de Santiago de Compostela e 20 km de Pontevedra. É cabeceira de partido xudicial. Está adscrito á arquidiocesede Santiago.
Xeografía física
O relevo é moi accidentado como resultado da acción tectónica durante o Terciario. A ría de Arousa xurdiu por un fenómeno de subsidencia do esteiro do río Ulla, que supuxo que o mar penetrase no antigo val dese río. Do xogo de bloques afundidos e erguidos produto dos movementos tectónicos resultou a formación dun notable cordal montañoso de granitos hercinianos que pecha o concello polo L a xeito de anfiteatro, cunha cota máxima no monte Xiabre (646 m). Este batolito granítico de grandes dimensións está moi fracturado, diaclasado e desecado polos numerosos cursos de auga que baixan dos seus cumios, entre os que destacan tamén o Aguadelo (413 m), A Xaiba (280 m), Pousadoiro (220 m), Lobeira (290 m) e Renza (211 m). Desde estas elevacións o relevo descende de xeito bastante rápido en varios chanzos, quedando preto da liña de costa unha estreita franxa chaira que se fai un pouco máis ampla no sector central do concello. A Illa de Cortegada forma parte do concello. A costa é moi pouco recortada e nela ábrense bos areais, como os da Concha ou Compostela no núcleo urbano de Vilagarcía, Preguntoiro e Canelas en Vilaxoán e o de Bamio. Climaticamente pertence ao dominio oceánico húmido, e dentro das variedades galegas adscríbese ao subtipo das Rías Baixas. Presenta unhas elevadas precipitacións (1.828 mm). O réxime pluviométrico mostra un máximo invernal (38% das chuvias), mentres que no verán se produce unha acusada seca (8%), que se traduce en problemas de aridez entre xullo a setembro. As xornadas anuais de chuvia sitúanse sobre as 140. A temperatura media anual ronda os 15°C, cun inverno moi tibio (9,1°C en xaneiro) e un verán moderadamente cálido (20,5°C en agosto). O risco de xeadas é cativo e circunscríbese aos meses invernais nas maiores cotas. A rede hidrográfica está definida polo río Con e os seus afluentes. Son ríos caudalosos e de curto percorrido que teñen que salvar fortes desniveis desde o seu nacemento nos relevos do L e NL. A vexetación clímax de frondosas caducifolias (carballos e vexetación de ribeira) foi substituída por especies de crecemento rápido con fins comerciais como os piñeiros e eucaliptos.
Xeografía humana
A poboación do concello de Vilagarcía de Arousa coñeceu un forte incremento desde 1887 (11.851 h) ata 2001 (33.496 h), feito que supuxo un aumento do 182,6%. O crecemento foi continuo, aínda que a diferentes ritmos. Así, de 1887 a 1910, o colectivo demográfico medrou un 1,1% cada ano. O concello permaneceu bastante alleo á tendencia xeral de emigración a ultramar que se daba na práctica totalidade de Galicia. A vila tiña unha certa puxanza grazas á industria conserveira e da salgadura de peixe e pola presenza do porto pesqueiro e de mercadorías, o que contribuía a atraer poboación, ademais de producirse un notable saldo natural positivo. Non obstante, durante o período intercensual 1910-1920 deuse un notable estancamento demográfico (incremento do 0,02% anual) derivado da crise da sardiña. Aínda así logrou manter a poboación grazas á anexión dos concellos de Carril e Vilaxoán, que achegaron durante este decenio un crecemento demográfico dunhas 600 persoas, cando, en conxunto, o novo concello só incrementou a súa poboación en 23 persoas. Durante este segundo decenio do s XX o concello incorporouse á emigración cara a América. O leve aumento demográfico foi froito dun saldo vexetativo positivo que logrou contrarrestar a forte corrente emigratoria exterior. Entre 1920 e 1950 a vila recuperou o seu dinamismo ao igual que o conxunto municipal, crecendo ambos os espazos un 1,3% anual. A recuperación da industria conserveira e de todas as derivadas do mar, a potenciación da pesca con certa renovación da frota e a paulatina maior forza do porto de mercadorías favoreceron que de novo o núcleo urbano tivese un notable desenvolvemento. A partir de 1930, a crise económica internacional, a Guerra Civil Española e a posterior posguerra e a Segunda Guerra Mundial pecharon a posibilidade da emigración exterior, circunstancia que redundou nun maior incremento demográfico do concello. Durante a década de 1950 houbo un período de estancamento poboacional cun feble crecemento anual, 0,06%, relacionado con novos problemas das industrias vinculadas ao mar e coa nova corrente emigratoria exterior. A partir de 1960 abriuse o gran período expansivo do concello, que chega ata 2001, co crecemento continuado das funcións industriais, portuarias e terciarias do núcleo. Esta circunstancia foi potenciada polos beneficios concedidos tras a creación do Polo de Desenvolvemento (1972), que atraeu numerosos investimentos. Así, entre 1960 e 2001, a poboación medrou a un ritmo do 1,49% anual, que se incrementou na vila nun 3,31%, aglutinando a maior parte do crecemento froito fundamentalmente da chegada de inmigrantes (preto do 50% da poboación naceu fóra do concello). O crecemento continuou e entre 2001 e 2007 medrou o 9,69%. A consecuencia desta evolución é unha estrutura demográfica bastante nova, cun 19,2% de poboación menor de 20 anos e un 16,7% por riba dos 65 anos; sendo marioritario o grupo intermedio co 62,3%. O crecemento natural era positivo en 2006 (1,1‰), debido a unhas taxas de natalidade e mortalidade semellantes (9,5‰ e 8,4‰). Por sexos predominan as mulleres (51,65‰).
Desenvolvemento urbano
É un dos concellos galegos que presenta unha densidade demográfica elevada (831,28 h/km 2 ), cunha gran concentración da poboación na reducida franxa costeira, de xeito que practicamente todas as entidades de poboación se sitúan por debaixo dos 80 m de altitude. Polo que respecta á morfoloxía da urbe débese incluír como áreas da vila os núcleos do Carril e Vilaxoán, que forman co propio centro de Vilagarcía o núcleo reitor da ría de Arousa na súa vertente sur cunha posición estratéxica no límite das áreas de influencia das áreas urbanas de Vigo e Santiago de Compostela. O centro de Vilagarcía está situado no fondo dunha pequena enseada, coas praias da Concha e Compostela, rodeado polos barrios do Carril e Vilaxoán. Esta localización vese resaltada pola súa situación litoral cun porto importante que desprazou o do Carril, asolagado polos arrastres aluviais do río Ulla. Así mesmo, a súa situación nun punto determinado das comunicacións férreas de RENFE favoreceu tamén o seu despegue urbanístico e económico.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello é do 53,4% (65,3% a masculina e 42,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 44,9% (57,4% a masculina e 33,5% a feminina); e a taxa de paro é do 15,9% (12,1% a masculina e 21,3% a feminina). O concello conta cunha sólida e diversificada estrutura económica. O sector primario proporciona fundamentalmente ingresos suplementarios ás rendas obtidas do traballo noutros sectores de actividade. Aínda que a pesca e as actividades marisqueiras (4,7% dos activos) son moi significativas e xeran importantes recursos, a importancia da industria e dos servizos minimizan o seu impacto económico. No marisqueo destacan as extraccións de ameixas, mexillóns, berberechos e ostras, e dos crustáceos (nécoras, centolas e camaróns). Conta tamén con varios viveiros de marisco que se instalaron durante a última década, e en Vilaxoán está a sede do Centro de Investigacións Mariñas da Xunta de Galicia. A agricultura presenta unha cativa significación (1,2% dos traballadores), aínda que se practica para autoconsumo. A industria, pola súa banda, agrupa o 19,7% dos ocupados, e presenta unha diversificación e, en xeral, unha elevada produtividade. Destacan os subsectores de fabricación de maquinaria diversa; de produtos alimentarios, con varias conserveiras, panificadoras e de produtos de pastelaría, matadoiros e de fabricación de produtos lácteos; da madeira, con empresas que van desde a importación de madeiras nobres á fabricación de mobles, taboleiros, contrachapados ou mesmo carpintarías mecánicas e serradoiros máis ou menos tradicionais; de extracción de minerais; de carpintaría metálica; de confección; e de azulexos, cerámica e materiais para a construción. A construción conta co 13,4% dos empregos e presenta unha estrutura empresarial con algunhas grandes e medianas empresas cun elevado número de traballadores, que desenvolven o seu labor nun ámbito comarcal e mesmo autonómico, aínda que a maior parte das promocións inmobiliarias teñen lugar na vila, que coñeceu un destacado espallamento espacial nos últimos trinta anos. Os servizos son o sector maioritario (61%), tal e como corresponde a un núcleo reitor comarcal que ademais conta cun volume de poboación moi notable. Entre as actividades terciarias o comercio é a que sobresae por riba do resto, seguido da Administración Pública e seguridade, educación, servizos inmobiliarios, de aluguer e empresariais, transporte, hostalaría, sanidade e as actividades sociais e servizos persoais. Conta coas estradas PO-550 que une o concello con Pontecesures e desde aí coa N-550 a Santiago de Compostela, e a PO-531 que o fai con Pontevedra. Destacan tamén a PO-548, a PO-549, a PO-301, a PO-305 e a N-640. Conta tamén con estación de ferrocarril que conecta Vilagarcía con Santiago.
Historia
A antigüidade do poboamento nas terras de Vilagarcía de Arousa amósase nos restos megalíticos atopados, como o gravado rupestre dos Ballotes (Bamio, BIC 1974), os da época castrexa, como os castros de Carril, Castrogudín, Lobeira, San Cristovo de Alobre, Pereira e Loureiro. A romanización afectou a algúns destes poboados, aínda que tamén apareceron dispersos polo territorio municipal restos de baños, mosaicos, cerámica e moedas. Ademais, a Via XX que unía Cambados e Iria Flavia discorría por este territorio. O primeiro documento sobre estas terras data de 912 cando o bispo Sisnando as cedeu ao mosteiro de San Martiño Pinario. A fundación da vila capital data de 1461, cando o arcebispo de Santiago de Compostela, García de Caamaño e Mendoza de Soutomaior, concedeu unha carta de poboamento para a fundación dun burgo mariñeiro, tomando o nome do apelido do seu fundador. En 1654 o señor de Vista Alegre, Barrentes e Vilagarcía, Mauro de Mendoza Soutomaior e Caamaño, recibiu o título de marqués de Vilagarcía. O Carril foi durante os ss XVII e XVIII un notable porto que figuraba entre os principais de Galicia, cun tráfico marítimo que en boa medida tiña como destino final a cidade de Santiago de Compostela. Tamén no Carril tivo o seu inicio a primeira liña de ferrocarril que existiu en Galicia que unía esa poboación con Santiago de Compostela. A progresiva colmataxe sedimentaria da ría fixo que a actividade portuaria se fose desprazando pouco a pouco cara ao peirao de Vilagarcía, que tamén se viu moi beneficiado da concesión de autorización para comerciar con América e Europa en 1814, de xeito que durante a segunda metade do s XIX se converteu nun dos principais portos de carga e pasaxeiros galegos. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Vilagarcía de Arousa pertenceron ás xurisdicións de Carril, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; Rubiáns, señorío do marqués de Vilagarcía; Sobrán, señorío do conde de Maceda; Vilagarcía, señorío do marqués de Vilagarcía compartido na vila co marqués de La Sierra; e Vilanova de Arousa, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela, compartido nunha parroquia cos veciños. Coa formación dos primeiros concellos ao abeiro da Constitución de 1812 creáronse os de Rubiáns, Sobrán, Vilagarcía e O Carril. En 1835 formáronse os concellos do Carril, Vilagarcía e Vilaxoán que, segundo unha real orde de 1912, se fusionarían nun só. Unión que se realizou en 1913. En 1907 o concello do Carril cedeu a illa de Cortegada ao Rei Afonso XII. En 1979 o seu fillo, Xoán de Borbón, vendeuna a unha inmobiliaria. Abriuse entón unha polémica sobre a construción dun complexo turístico que, tras a inclusión da illa no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, cómpre destacar as igrexas de San Pedro de Fontecarmoa, de orixe románica, San Martiño de Sobrán (s XII), Santiago do Carril (ss XVI-XVII) e Santa Baia de Arealonga (s XVII). No eido da arquitectura civil destacan os pazos de Vistalegre (BIC, 1980), Golpilleira, Rubiáns, do Rial (BIC, 1995), Pardiñas e Sobrán. As vilas de Vilagarcía e O Carril están unidas polo paseo marítimo. Do seu patrimonio natural destacan, ademais da illa de Cortegada, as praias da Concha e Compostela na propia vila. Celébranse, entre outras, a festas de Santa Rita e San Roque en agosto en Vilagarcía; o Carme, o Apóstolo e San Fidel no Carril; o Carme e a Virxe do Rosario en Vilaxóan, ademais das restantes festas parroquiais. Destacan tamén o Entroido, os Maios e as “uvas” do 31 de decembro que se celebran ás 12 do mediodía. Teñen lugar tamén as gastronómicas festas da Ameixa, no Carril, e a Mostra do Albariño Artesanal en Vilagarcía, e a feria multisectorial Fexdega.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Salnés, O |
| Extensión | 44 Km2 |
| Poboación Total | 36743 h |
| Poboación Homes | 17762 h |
| Poboación Mulleres | 18981 h |
| Densidade de poboación | 835.07 h/Km2 |