Vilalba
Concello da comarca da Terra Chá situado no N da Comunidade Autónoma de Galicia e no NO da provincia de Lugo (43° 17’ 05’’ N - 7° 40’ 04’’ O). Limita ao N cos concellos de Muras e Abadín (comarca da Terra Chá), ao S cos de Guitiriz, Begonte e Cospeito (Terra Chá), ao L cos de Abadín e Cospeito e ao O cos de Xermade e Guitiriz. Abrangue unha extensión de 379 km 2 cunha poboación de 15.358 h (2007), distribuída nas parroquias de Alba, Árbol, Belesar, Boizán, Carballido, Codesido, Corvelle, Distriz, Goiriz, Gondaísque, Insua, Ladra, Lanzós (San Martiño e San Salvador), Mourence, Nete, Noche, Oleiros, Rioaveso, Román, Samarugo, San Simón da Costa, Sancovade, Santaballa, Soexo, Tardade, A Torre, Vilalba, Vilapedre e Xoibán. A súa capital, a vila de Vilalba, está a 92 km de Santiago de Compostela e 36 km de Lugo. É cabeceira de partido xudicial. Está adscrito á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Xeografía física
A maior parte do concello forma parte da Terra Chá e está situado a unha altitude media duns 450 m. A topografía é moi regular e só está quebrada pola presenza de pequenos outeiros o pola suave incisión dalgún dos ríos que conforman a rede fluvial que está organizada polo río Miño, agás unha estreita franxa setentrional que forma parte da conca do Eume. No extremo N aparece a serra da Carba, con cotas máximas ao redor dos 900 m (Monseibán, 929 m, Penas da Mosa, 906 m e Fonte Toxoso, 958 m), cordal montañoso que marca o límite da Terra Chá polo N e serve de divisoria de augas entre as concas dos dous ríos mencionados. Cara ao SO tamén aparece outra elevación destacada, a Pena do Mirador (638 m), que limita con Guitiriz. Na serra da Carba nacen a maior parte dos ríos que sucan o concello e que conflúen no Támoga ou no Santaballa. Destacan o Trimaz e o Labrada. Climaticamente pertence ao dominio oceánico húmido, aínda que dentro das variedades galegas se adscribe ao subtipo da chaira lucense. Caracterízase por un descenso nas precipitacións e uns certos matices de continentalidade nas súas temperaturas. As precipitacións mantéñense ao redor dos 1.300 mm. O réxime pluviométrico caracterízase por un acusado mínimo estival (9%) e un máximo moi marcado que abarca desde o fin do outono ata comezos da primavera (outono co 33%; inverno co 37%; primavera co 21%). As xornadas de chuvia sitúanse entre 130 e 140 ao ano. A temperatura media anual (11°C) é baixa respecto á costa. Xaneiro é o mes máis frío (5,9°C) e agosto o máis cálido (17,6°C), a amplitude anual elévase a 11,7°C. O risco de xeadas esténdese desde outubro a maio e a insolación real non chega a acadar o 50% da potencial. A aridez estival apenas se deixa notar debido ás baixas temperaturas medias mensuais. A vexetación climácica aínda ocupa extensións notables, sobre todo en manchas mixtas de carballos, castiñeiros, bidueiros e ameneiros, aínda que progresou tamén a repoboación forestal con piñeiros.
Xeografía humana
Na evolución demográfica de Vilalba destacan dous grandes períodos. No primeiro, que abarca desde a publicación do censo de 1887 (11.851 h) ata 1960, en que acadou o seu máximo demográfico (20.264 h), deuse un incremento continuado da poboación a un notable ritmo do 1,09% anual. Neste crecemento influíu notablemente o desenvolvemento das funcións terciarias da vila. As saídas emigratorias tamén foron significativas, sobre todo desde as parroquias máis afastadas da vila, pero a atracción demográfica exercida polo núcleo da vila (que medrou demograficamente durante o mesmo período a un ritmo do 1,52% cada ano) e o notable crecemento vexetativo foron suficientes para contrarrestar as saídas emigratorias exteriores. Nos anos 1950 deuse un forte estancamento demográfico (cun aumento anual do 0,04%), froito da forte corrente emigratoria cara a América. Todas as parroquias perderon poboación durante o período intercensual comprendido entre 1950 e 1960, pero a vila mantivo un crecemento demográfico continuo, aínda que máis moderado que no período precedente (0,85% cada ano). A partir de 1960 e ata 2001 non deixou de descender o número de habitantes de Vilalba, a un acusado ritmo do -0,74% anual ata 1991, para moderarse no período seguinte (-0,18% cada ano). A emigración europea e cara ás áreas españolas máis desenvolvidas foi o motivo principal deste decrecemento poboacional ata 1981, para logo facelo pola atracción da capital provincial. Entre 2001 e 2007 o concello perdeu o 0,04% da poboación. O saldo vexetativo comezou a ser negativo na década de 1980 e, progresivamente, foi aumentando. O saldo natural (2006) é amplamente negativo (-7,1‰), consecuencia dunha natalidade moi baixa (5,3‰) e unha mortalidade alta e en crecemento debido ao notable proceso de senectude (12,4‰). Non obstante, a vila seguiu medrando durante todo o período, cun incremento de poboación do 1,24% anual entre 1960 e 1991 e un 0,91 % cada ano durante o último intervalo intercensual. Deste modo a estrutura demográfica de Vilalba é bastante avellentada, cun 27,6% da poboación con 65 ou máis anos e só un 13,9% por debaixo dos 20 anos; o grupo intermedio representa o 58,4%. Por sexos dominan as mulleres (51,06%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 49,3 % (59,5% a masculina e 39,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 44,4% (54,1% a masculina e 35,2% a feminina); a taxa de paro é do 10% (9% a masculina e 11,5% a feminina). A economía do concello ata hai menos de dez anos estaba dominada amplamente pola actividade agraria, fundamentada no aproveitamento gandeiro vacún e porcino. Con todo, desde 1996 o descenso da poboación activa no sector primario foi drástico e pasou do 45% ao 24,5%. Este descenso non hai que relacionalo cun transvasamento de poboación ocupada neste sector cara aos outros, senón pola ausencia do relevo xeracional. Malia esta notable redución, o concello ten un carácter marcadamente rural cunha grande extensión de terreos dedicada a pastos (ao redor do 30% do total) para alimentar o armentío bovino ou dedicalo á produción de leite. En 1999 o concello posuía 21.889 vacas, convivindo as explotacións de carácter familiar (o 21% das mesmas tiñan menos de 5 vacas), escasamente produtivas e orientadas ao autoconsumo, coas modernas, máis competitivas e orientadas á produción para o mercado (o 21,7% das explotacións ten máis de 20 reses e o 27,5%, de 10 a 20 vacas). A explotación forestal (40% das terras) diminuíu lixeiramente en favor da superficie dedicada a pastos, pero intensificáronse as repoboacións de piñeiros para o aproveitamento madeireiro. A industria acolle o 13,8% dos ocupados e está orientada fundamentalmente á explotación dos recursos endóxenos, en boa medida dos derivados do sector primario, pois existen dúas empresas leiteiras e de produtos lácteos. Destacan tamén algunhas pequenas e medianas empresas de embutidos e xamóns, de queixos de San Simón, do subsector madeireiro, dos transformados metálicos e da fabricación de materiais de construción. A construción emprega o 14,5% da poboación ocupada, mostrando unha estrutura empresarial de pequenas empresas e uns traballadores que en xeral presentan uns niveis de cualificación bastante cativos. O sector servizos ocupa o 47,3% dos activos. Vilalba é cabeceira comarcal e concentra funcións comerciais, de transporte, hostaleiras, administrativas, educativas e sanitarias. En comunicacións conta coas estradas N-634, cara a Asturias, LU-541 (Rábade-Ferrol), eixe vertebrador do concello, e as LU-861 e LU-120.
Historia
A antigüidade do poboamento amósase nos restos megalíticos conservados no territorio vilalbés, como os dolmens de Rozas das Modias (Alba), Chan da Arqueta (Monte Rodís), Pena de Sombreiro e igrexa dos Mouros, e o menhir e as medorras do conxunto de Marco das Catro Aldeas (Vilapedre). Da época castrexa consérvanse varios castros como o de Gondaísque, Belesar, Vixil, Goiriz e Ladra. A primeira noticia documental da vila data do s VI cando se denominaba Santa María de Montenegro, pertencente á familia Montenegro. Esta vila foi destruída por un incendio no s VIII e non se volveron ter noticias ata o s XII cando se denominaba Vilarente. No s XIII formaba parte do señorío de Fernando Ruiz de Castro. Con posterioridade, Pedro I doou a vila a Fernán Pérez de Andrade o Bo, a quen Enrique II lle outorgou o señorío da mesma por axudalo na loita contra o seu irmán Pedro. No transcurso das Guerras Irmandiñas o castelo dos Andrade foi destruído. En 1486 os Reis Católicos outorgaron o condado de Vilalba a Diego de Andrade que reconstruíu o castelo. Durante o s XVIII Vilalba foi un importante lugar de produción téxtil e significativo centro administrativo e comercial para toda a comarca. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Vilalba pertenceron ás xurisdicións de Ferreira e Codesido, señorío compartido por diversos fidalgos; Oleiros, señorío do bispo de Mondoñedo; Vilalba, señorío do conde de Lemos; Árbol, señorío do cabido de Santiago de Compostela; e Samarugo, señorío do bispo de Mondoñedo e dun fidalgo. Coa formación dos primeiros concellos ao abeiro da Constitución de 1812 xurdiu o de Vilalba que se mantivo na organización de 1835. En 1845 creouse a parroquia de Soexo, segregada da de Alba.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destaca a torre do castelo dos Andrade (BIC, 1994), convertida en Parador Nacional de Turismo, a casa-torre de Codesido na Torre (s XVI), o pazo de Cazás en Goiriz (s XVIII), as casas señoriais de Pude, Folgueiras e Bodán (Costa), a casa-torre do s XVIII en Goiriz con capela anexa e cruceiro de 1507, o pazo de Arán con capela do s XIX, a torre de Lanzós (s XVIII), os restos do castelo levantado por Pardo de Cela e o pazo dos Samarugo (s XVIII). Destacan as pontes Rodríguez, da Madalena e Bermuz. O territorio está atravesado polo Camiño Norte de peregrinación a Santiago. O concello conta co Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. No patrimonio natural destacan os espazos naturais de Parga-Ladra-Támoga e da Serra do Xistral, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Ademais das festas parroquiais, destacan as de San Ramón e Santa María na capital, a Festa do Queixo de San Simón, a Festa do Capón e a Feira da Pataca.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Terra Chá |
| Extensión | 379 Km2 |
| Poboación Total | 15358 h |
| Poboación Homes | 7515 h |
| Poboación Mulleres | 7843 h |
| Densidade de poboación | 40.52 h/Km2 |