Vilamarín

Vilamarín


Concello da comarca de Ourense situado no centro-S da Comunidade Autónoma de Galicia e no NO da provincia de Ourense. Limita ao N co concello de Carballedo (comarca de Chantada), ao S cos de Amoeiro e Coles (Ourense), ao L coa Peroxa (Ourense) e ao O con San Cristovo de Cea (O Carballiño). Abrangue unha superficie de 56,1 km 2 , cunha poboación de 2.281 h (2007) distribuída nas parroquias de Boimorto, León, Orbán, Reádegos, O Río, Sobreira, Tamallancos, Vilamarín e Viña. A súa capital é o núcleo de Vilamarín (42° 28’ 03’’ N - 7° 53’ 21’’ O), a 18 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Ourense.
Xeografía física
O concello está situado nun espazo de suaves pendentes, inclinado de N a S, cunha altitude media de 550 m, e cun relevo levemente ondulado. A parte N correspóndese co espazo máis elevado, no seu límite coa provincia de Lugo, formado por granitos e materiais máis duros que ficaron en resalte tras a intensa erosión, e que se alzan cunha altura máxima de 774 m (Coto de Baínte). No centro e no S aparecen as superficies de erosión residuais que descenden en altura cara ao S e SL, a través do val do Barbantiño. Os materiais son tamén granitos, pero xa cubertos con materiais aluviais cuaternarios arrastrados pola acción fluvial. Climaticamente inclúese no dominio oceánico de matiz mediterráneo, pero con características continentais, feito que se mostra non tanto nas medias térmicas anuais (13°C), senón nas invernais (5°C) e nos calorosos veráns (22°C). As precipitacións sitúanse ao redor dos 800 mm, que se elevan ata os 1.000-1.100 mm na parte máis alta. As xeadas son frecuentes no inverno.
Xeografía humana
Vilamarín mantivo unha poboación máis ou menos constante desde principios do s XX ata 1940, data en que comezou a perder efectivos de forma continua. En 1900 acadou o máximo demográfico con 4.206 h e descendeu ata 4.040 en 1940. Esta poboación mantívose deste xeito a causa do elevado crecemento natural, que contrarrestaba, en maior ou menor medida, a intensa emigración cara a América. A partir desta data, comezou o éxodo rural, perdendo a metade da súa poboación ata datas recentes: 4.040 h (1940), 3.767 h (1950), 3.315 h (1960), 2.486 h (1970). 2.304 h (1981), 2.269 h (1996) e 2.194 h (2001). Entre 2001 e 2207 creceu un3,96%. A proximidade da cidade de Ourense maniféstase na constante emigración cara a este espazo. A poboación vive en pequenas aldeas situadas nos espazos máis chairos e ao redor das principais vías de comunicación. Tamallancos e Vilamarín son as entidades de maior tamaño e as que concentran a maior parte dos servizos e equipamentos do mesmo. A estrutura da poboación mostra unha sociedade avellentada onde o grupo de maiores de 65 anos son o 33,6% fronte ao 8,7% dos menores de 20 anos, o grupo intermedio é o máis numeroso co 57,7% da poboación. Por sexos dominan as mulleres (51,29%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 43,3% (53,9% a masculina e 33,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 39,9% (48,7% a masculina e 31,4% a feminina); e a taxa de paro é do 7,9% (9,6% a masculina e 5% a feminina). A economía do concello está orientada cara ao sector terciario, sendo de grande importancia os movementos pendulares por causas laborais cara á cidade de Ourense, especialmente no que se refire á industria e aos servizos. O primario ocupa o 10,6% da poboación municipal, con tan só 495 explotacións agropecuarias. O número de cabezas de gando ascendía en 1999 a 859 bovinos, 887 porcinos e 289 aves. O viñedo ocupa só 10 ha, e cobra cada vez maior importancia a silvicultura asociada ás empresas forestais. No secundario (28%) destacan os serradoiros situados ao longo da N-525 e da N-540, que busca a proximidade a Ourense. Outras activades de menor calibre son a construción, a fabricación de mobles e os transformados agroalimentarios. Os servizos (61,4%) están vinculados á cidade de Ourense. Destacan o comercio e os servizos públicos como grandes xeradores de emprego. As principais estradas son a N-525 (Santiago-Zamora) e a N-540 (Ourense-Lugo).
Historia
A antigüidade do poboamento de Vilamarín amósase nos restos megalíticos, como as mámoas de Orbán, Baínte e Ardensende, e os restos castrexos, como os castros de Marcelle, Fremeán, Baínte, Santa Águeda e o da Aira dos Mouros. O territorio foi repoboado no s IX. Na Baixa Idade Media pertenceu aos condes de Ribadavia, cuxo castelo foi derrubado nas Guerras Irmandiñas. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello pertenceron ás xurisdicións de Amoeiro, señorío do conde de Ribadavia; Orbán, señorío dun fidalgo; Oseira, señorío do mosteiro de Santa María a Real de Oseira; Peroxa, señorío do conde de Ribadavia; e Vilamarín, señorío do conde de Maceda. Coa formación dos primeiros concellos ao abeiro da Constitución de 1812 xurdiu o de Tamallancos ata que en 1835 naceu o de Vilamarín.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de Santa Baia de Boimorto, Santa Baia de León, Santa María de Orbán, San Vicente de Reádegos, Santa María de Tamallancos e Santiago de Vilamarín. Xunto co pazo de Vilamarín, hoxe propiedade da Deputación Provincial de Ourense, destacan os pazos de Orbán, do Rego ou de Sobreira, de Tamallancos e de San Martiño. Celébranse, entre outras, as festas de Santo Antonio e a Virxe do Rosario, en Vilamarín, a Virxe da Esperanza en Boimorto, a Virxe da Ascensión no Río e a Virxe do Carme en Arbor.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Ourense
Extensión 56 Km2
Poboación Total 2281 h
Poboación Homes 1111 h
Poboación Mulleres 117 h
Densidade de poboación 40.73 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias