Vilamartín de Valdeorras
Concello da comarca de Valdeorras situado no SL da Comunidade Autónoma de Galicia e no NL da provincia de Ourense (41° 24’ 50’’ N - 7° 03’ 40’’ O). Limita ao N coa provincia de León, ao L co Barco de Valdeorras (comarca de Valdeorras), ao S con Petín (Valdeorras) e ao O cos da Rúa (Valdeorras) e Quiroga (Quiroga). Abrangue unha superficie de 88,3 km 2 , cunha poboación de 2.247 h (2007), distribuída nas parroquias de Arcos, Arnado, Cernego, Córgomo, Correxais, O Mazo, A Portela, San Miguel do Outeiro, San Vicente de Leira, Valencia do Sil e Vilamartín de Valdeorras. A capital atópase no lugar de Vilamartín, na parroquia de Vilamartín de Valdeorras. Atópase a 168 km de Santiago de Compostela e a 105 de Ourense. Está adscrito á diocese de Astorga e ao partido xudicial do Barco de Valdeorras.
Xeografía física
Pódese dividir o concello en tres partes: ao N atópanse as serras que prolongan cara ao L a serra do Courel e que rematan, fóra do concello, na serra da Enciña da Lastra; no centro sitúase o val do Sil, que aquí se denomina Valdeorras; e no extemo S, os primeiros contrafortes das terras altas do Bolo. A primeira ten altitudes que oscilan entre os 400 e 1.600 m con fortes pendentes e cun contraste entre os cordais montañosos e os cursos dos pequenos regos que verten no Sil; neste espazo, onde predominan os materiais metamórficos (lousas), destaca unha aliñación principal, que prolonga a serra do Courel, na que destacan o Montouto (1.546 m) e O Turrieiro (1.612 m); a partir desta aliñación parten ramais con dirección N-S ou NL-SO, que perden altitude a medida que se achegan ao río Sil, de entre eles destaca o máis occidental, o Lagoa Grande (1.246 m). O centro do concello coincide co val do Sil, con altitudes comprendidas entre os 300 e 500 m, e que se resolve nunha estreira franxa de terreo tapizada por materiais sedimentarios e coa presenza dunha modelaxe en forma de socalcos fluviais. O extremo S do concello caracterízase polo relevo en cuesta, en que rapidamente se pasa de altitudes de 500 m á cotas de 1.300 m. O río Sil atravesa o concello de L a SO e recibe pola esquerda o río Leira e o rego de San Xulián, cursos fluviais que proceden, respectivamente, das abas do Montouto e do Turrieiro. Climaticamente está repartido entre os dominios oceánico mediterráneo e oceánico de transición. A temperatura media anual é de 15,6°C. A media de xaneiro é de 8,6°C e a de xullo, de 23,8°C; a amplitude térmica extrema chega aos 26,7°C. A precipitación anual media é de 763 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 41% da precipitación recóllese no inverno, fronte ao 9% do verán. A vexetación natural, castigada e degradada por unha intensa acción antrópica (lumes e repoboacións abusivas de piñeiros) é singular no contexto atlántico europeo. As condicións climáticas de abrigo fronte aos ventos dominantes desenvolveron microclimas de tipo mediterráneo, aparecendo masas de sobreiras e, sobre todo, aciñeirais, que individualizan as terras baixas deste concello. Nas áreas montañosas as desfavorables condicións climáticas e topográficas orixinaron a escaseza de masas arbóreas, e predominan bidueiros e, nas zonas de menor pendente e a media ladeira, castiñeiros.
Xeografía humana
A poboación do concello acadou en 1910 o seu máximo demográfico con 4.222 h. Distínguese entre as catro décadas iniciais do s XX, caracterizadas polo estancamento, e o resto de século, de comportamento netamente desfavorable. Entre 1900 e 1910 viviu unha etapa de crecemento (0,92% interanual), contrapesada pola perda de habitantes rexistrada entre 1910 e 1920 (-0,24% interanual). Entre 1920 e 1940 rexistrou un leve incremento no seu censo (0,23% interanual), que deu paso a unha prolongada etapa de perda de poboación, máis acentuada nalgúns intres (-1,67% interanual entre 1960 e 1970; -1,61% entre 1981 e 1991), máis moderada noutras (-0,48% entre 1940 e 1950, -1,03% entre 1970 e 1981). O s XX rematou cunha case inapreciable recuperación, plasmada nunha taxa interanual do 0,18%. Entre 2001 e 2007 o descendo da poboación cifrouse no -8,5%. A poboación presenta unha estrutura avellentada, pois os maiores de 65 anos supoñen o 35,3% fronte ao 11,9% de menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 52,8%. O crecemento natural é moi negativo, -22‰ (2006), resultado dunha baixa taxa de natalidade (4,5‰) e unha alta taxa de mortalidade (26,5‰), consecuencia do alto número de persoas maiores. Por sexos a poboación está equilibrada: 50,6% de mulleres e 49,39% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 42,3%, (56,4% a masculina e 28,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,8% (51,4% a masculina e 24,4% a feminina); e a taxa de paro é do 10,5% (8,8% a masculina e 13,8% a feminina). O sector primario é unha actividad residual, que ocupa só o 4,7% dos traballadores. A superficie cultivada representa o 6,76% do territorio, superficie escasa debido ao accidentado do seu territorio, ocupado en gran medida por viñedo (48,91% do labradío), acollido á Denominación de Orixe Valdeorras, e por forraxes (5,86%) e pataca (5,53%). Os prados e pastos abranguen o 2,38% do seu territorio. O armentío bovino estaba composto por 110 vacas (1997), preferentemente destinadas á produción de carne. A industria acolle o 34,5% da man de obra; destacan empresas centradas na extracción de lousa, de labrado da pedra e de fabricación de contedores de madeira para empregar nas louseiras. A construción só dá emprego ao 12,6% da man de obra; no concello radicadan algunhas construtoras con intereses no sector da edificación nas veciñas vilas do Barco de Valdeorras e da Rúa. Os servizos ocupan o 48,2% dos traballadores. A capital municipal conta cun limitado número de establecementos comerciais e, entre os servizos especializados, só destacan a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras e unha residencia xeriátrica. As principais vías de comunicación son a N-120, de Logroño a Vigo, a N-536 e o ferrocarril que une A Coruña con Palencia, contando cun apeadeiro na vila de Vilamartín.
Historia
A antigüidade do poboamento amósase nos restos megalíticos e castrexos que se conservan, como os petróglifos e mámoas de Arnado ou A Madalena ou o castro das inmediacións de Valencia do Sil, habitado polos cigurros. Os romanos iniciaron a explotación mineira do Sil en Córgomo e Valdegodos. Na Idade Media fundouse o convento de Correxais, dos padres trinitarios descalzos. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Vilamartín de Valdeorras pertenceron ás xurisdicións de Valdeorras, señorío do conde de Ribadavia; e Merindade de Aguiar, señorío do marqués de Villafranca. Coa formación dos primeiros concellso ao abeiro da Constitución de 1812 xurdiron os de Vilamartín e Correxais. En 1835 creouse o concello de Vilamartín de Valdeorras.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de San Xulián da Portela, Santa Comba de Córgomo e a de San Pedro de Correxais, que pertenceu ao antigo convento trinitario. Destacan tamén o castelo de Torre Penela, coñecido como pazo de Arnado, e os pazos de Arcos, A Portela e Outeiro. Celébranse, entre outras, as festas de San Xurxo e a Madalena na capital, a de Santa Marta en Córgomo, San Lourenzo en Arcos e San Vicente en San Vicente de Leira, ademais da Festa da Vendima.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Valdeorras |
| Extensión | 88 Km2 |
| Poboación Total | 2247 h |
| Poboación Homes | 111 h |
| Poboación Mulleres | 1137 h |
| Densidade de poboación | 25.53 h/Km2 |