Vilar de Barrio

Vilar de Barrio


Concello da comarca da Limia situado no S da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro da provincia de Ourense (42° 09’ 30’’ N - 7° 36’ 30’’ O). Limita ao N cos concellos de Maceda (comarca de Allariz-Maceda) e Montederramo (Terra de Caldelas), ao L co de Laza (Verín), ao S cos de Laza (Verín) e Sarreaus (A Limia) e ao O cos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía (Allariz-Maceda). Abrangue unha extensión 106,7 km 2 , nos que se asenta unha poboación de 1.775 h (2007) distribuída nas parroquias da Alberguería, Arnuíde, Bóveda, As Maus, Padreda, Prado, Rebordechau, Seiró e Vilar de Barrio. A capital está no lugar de Vilar de Barrio, na parroquia homónima. Atópase a 171 km de Santiago de Compostela e a 42 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Xinzo de Limia.
Xeografía física
Morfoloxicamente o seu territorio pode dividirse en tres partes. O extremo O pertence á depresión da Limia, coincidindo co extremo setentrional da desecada lagoa de Antela, espazo case totalmente plano cunha altitude duns 650 m. Cara ao L atópase unha franxa de dirección O-SL, ocupada polo val do alto Arnoia, apenas separado da Limia por relevos illados escasamente destacados (700-800 m), con altitudes que oscilan entre os 450 m ao O e os 800 m cara ao L, resolvéndose nun val que se abre progresivamente cara á depresión de Maceda. O N e L está ocupado polos contrafortes occidentais do macizo central ourensán, con altitudes que sobrepasan a miúdo os 900 m, culminando na serra de San Mamede (1.618 m). A rede hidrográfica inclúse na conca alta do Arnoia, que nace nas inmediacións de Rebordechau, e tras un percorrido inicialmente N-S muda de dirección nas inmediacións de Prado pasando a ter un sentido SL-NO. O principal tributario no concello é o rego da Quintela. O extremo SL pertence á conca do Limia, que antigamente estaba case toda ocupada pola lagoa de Antela. Repártese entre os dominios oceánico continental e oceánico de montaña. A temperatura media anual é de 10,6°C, a media de xaneiro é de 4,6°C, e a de agosto de 17,7°C; a amplitude térmica extrema chega aos 26,4°C. A precipitación media anual é de 867 mm, cunha distribución estacional que amosa unha moderada seca estival: o 37% das precipitacións recóllense no inverno, fronte ao 11% do verán. A vexetación natural consérvase nas áreas abrigadas dos espazos máis montañosos.
Xeografía humana
Distínguense dous períodos divididos pola data de 1960 en que acadou o máximo demográfico (4.079 h). As primeiras décadas do s XX foron de estancamento (0,02% interanual entre 1900 e 1920), e abriron paso a anos de crecemento prolongados ata 1940 (1,14% interanual entre 1920 e 1940). Entre 1940 e 1950 produciuse unha regresión (-0,64% interanual), compensada polo crecemento da década de 1950 (0,99% interanual). En 1960 iniciouse unha quebra na súa demografía, primeiro suavemente (-0,47% interanual entre 1960 e 1970) e logo máis violenta (-1,57% interanual entre 1970 e 2001). A causa fundamental desta evolución foi a emigración que afectou ao concello desde a década de 1960. Entre 2001 e 2007 a poboación descendeu un -10,08%. Os maiores de 65 anos supoñen o 42,9% da poboación, fronte ao 7,7% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o
49,4%. O crecemento natural (2006) é negativo (-10,1‰), froito dunha baixa natalidade (4,6‰) e unha alta mortalidade (14,7‰). A estrutura por sexos está equilibrada: 50,53% de mulleres e 49,46% de homes.
Xeografía humana
A taxa de actividade (2001) é do 39,6% (52,1% a masculina e 27,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 33,7% (43,9% a masculina e 23,9% a feminina); e a taxa de paro é do 14,9% (15,8% a masculina e 13,3% a feminina). O sector primario só supón o 15,4% da man de obra. A superficie cultivada representa o 12,63% do territorio e ocupa principalmente a depresión da Limia, que se beneficiou da aplicación do plan de colonización agraria posterior á desecación da lagoa de Antela. O principal cultivo é a pataca (53,68% do labradío), seguido polo centeo (26,47%) e o trigo (5,15%). Os prados e pastos representan o 5,19% e o armentío bovino está composto por 787 vacas (1999), preferentemente de produción cárnica. A industria representa o 15,7% do emprego, con poucos talleres de características case artesanais. A construción representa o 19% da poboación ocupada. Os servizos supoñen o 50% dos activos que traballan nos escasos equipamentos localizados no concello, como nos radicados na próxima vila de Xinzo de Limia. A principal vía de comunicación é a estrada que comunica Maceda con Verín, así como a que enlaza a cabeceira municipal con Xinzo de Limia.
Historia
A antigüidade do poboamento amósase nos restos castrexos atopados en Bóveda e nas lápidas funerarias do monte Padreda. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertenceron ás xurisdicións de Arnuíde, señorío do bispo e cabido de Valladolid; Bóveda de Limia, señorío do marqués de Bóveda; Xocin e Maus, señorío de casas fidalgas; Xunqueira de Ambía, señorío do bispo de Valladolid; Rebordechao e Cabo de Arnoia, señorío do bispo de Valladolid; e os coutos redondos de Seiro, rexido polo marqués de La Sierra e de Alberguería, rexido polo arcediago de Baroncelli. Coa formación dos primeiros concellos ao abeiro da Constitución de 1812 xurdiu o concello de Arnuíde. En 1835 formouse o concello de Vilar de Barrio.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan a capela de San Lourenzo en Arnuíde, as ermidas de San Martiño en Bóveda e as das Dores e Santo Antonio en Padreda, as casas nobres do marqués de Bóveda en Padreda e dos señores dos Gaiosos, en Bóveda, xunto coa ponte Arnuíde, dos ss XIV-XV, sobre o río Arnoia. O patrimonio natural está representado polo espazo natural do Bidueiral de Montederramo declarado Lugar de Interese Comunitario dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan as de Santo Antón, en xuño, e a de San Fiz en agosto, ademais da Festa da Pataca, a comezos de outubro.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Limia, A
Extensión 106 Km2
Poboación Total 1775 h
Poboación Homes 878 h
Poboación Mulleres 897 h
Densidade de poboación 16.75 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias