Vilar de Santos
Concello da comarca da Limia situado ao S da Comunidade Autónoma de Galicia e ao SO da provincia de Ourense (42° 04’ N - 7° 47’ O). Limita ao N co concello de Allariz (comarca Allariz-Maceda), ao L co concello de Sandiás (A Limia), ao S co de Xinzo de Limia (A Limia) e ao O co de Rairiz de Veiga (A Limia). Abrangue unha superficie de 20,7 km 2 cunha poboación de 1.002 h (2001) distribuída nas parroquias de Parada de Outeiro e Vilar de Santos. A capital é Vilar de Santos, na parroquia homónima. Atópase a 163 km de Santiago de Compostela e a 40 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Xinzo de Limia.
Xeografía física
Distínguense dúas unidades morfolóxicas. A parte setentrional é unha área montañosa formada por elevacións superiores aos 700 m que se inclúen nas serras centrais ourensás. Destacan os montes do Castro (842 m) e Cubelo (736 m). Cara ao S hai un descenso progresivo da altitude e entra na ribeira norte do val do Limia. O terreo faise máis chan, porque é o resultado da desecación da antiga lagoa de Antela. A rede hidrográfica non é moi caudalosa. Depende do río Limia, pero en realidade este curso non percorre o concello e só actúa de fronteira administrativa entre Vilar de Santos e Xinzo de Limia. Un dos seus afluentes, o río Lameiras, atravesa o termo de N a S, e cruza o Cal da Lagoa de Antela. Climaticamente pertence ao dominio oceánico do interior, onde os trazos do clima se relativizan polo factor continental. As temperaturas son especialmente frías no inverno, no que o mes máis fresco é xaneiro con 4,9°C, e o máis quente é agosto, con 16,8°C. A temperatura media anual é baixa, de 10,6°C, e a oscilación térmica sitúase en 11,9°C. As precipitacións son reducidas e moi irregulares. Non se alcanzan os 1.000 mm anuais e o réxime pluviométrico conta cun máximo no inverno. A mínima rexístrase no verán onde presenta un déficit hídrico acusado, por riba dos 100 mm/ano, desde o mes de abril ata setembro. A vexetación natural é frondosa. Ocupa a maior parte do territorio unha sucesión de pequenos bosques de especies autóctonas, carballos, amplas áreas de repoboación humana, principalmente piñeiros, e matogueiras moi diversas. O concello conta cun espazo natural das Veigas de Limia e A Ponte Liñares.
Xeografía humana
O concello tiña a comezos do s XX unha poboación de 1.514 h. A evolución demográfica nesta última centuria foi complexa e con fases ben diferenciadas. Pero entre todas elas predomina o despoboamento dos últimos 20 anos coa perda de case a metade da poboación entre 1981 (1.863 h) e 2001 (986 h). Durante a primeira metade do s XX a emigración compensábase máis ou menos polo crecemento vexetativo. No terceiro cuarto do século deuse o principal proceso de éxodo rural, con dirección tanto a países europeos como a outras áreas de España. Coa crise económica de mediados dos anos 1970, freouse a corrente emigratoria e moitos dos emigrantes retornaron; así aumentou o número de habitantes e acadouse o máximo demográfico en 1981. A partir de entón, a caída da natalidade reduciu o número de persoas novas e contribuíu ao avellentamento demográfico, que tamén se viu impulsado polo retorno de emigrantes de idade avanzada. Na última década reactivouse o éxodo rural atraído pola puxanza da cabeceira comarcal, Xinzo de Limia, e pola proximidade da capital, Ourense. Aínda así entre 2001 e 2007 a poboación do concello creceu nun 1,62%. O crecemento natural (2006) foi negativo (-5,4‰). A natalidade sitúase en niveis baixos (3,4‰) e a mortalidade ascendeu ao 8,8‰. A poboación ata os 15 anos supón o 8,1% do total, fronte ao 53,4% dos maiores de 65 anos o 56,5% do grupo intermedio. A distribución por sexos está equilibrada: 50,89% as mulleres e 49,10% os homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 33,4% (45,4% a masculina e 22,1%); a taxa de ocupación é do 28% (37,9% a masculina e 18,7% a feminina); e a taxa do paro é do 16,1% (16,5% a masculina e 15,4% a feminina). A economía do concello céntrase fundamentalmente no sector primario (14,9% dos traballadores). A actividade agraria mellorou nas últimas décadas e amosa un dos índices de mecanización máis elevados da provincia de Ourense. A gandaría constitúe a fonte de ingresos máis destacada da actividade agropecuaria. Mantense un armentío bovino, pero foi deixando oco á especialización avícola de granxa e ao porcino. As explotacións de aves e porcos intégranse no sistema cooperativista impulsado polo grupo alimentario COREN. Nos cultivos agrarios destaca a pataca pola súa rendibilidade e destinada para o autoconsumo, a comercialización e a alimentación do gando porcino. Os produtos de horta, destinados ao consumo e ao mercado, tamén están presentes. No secundario a industria representa o 19,6% do emprego. Limítase á presenza de pequenas empresas auxiliares da construción e pequenos talleres familiares. A construción creceu ultimamente pola multiplicación de novas vivendas e a rehabilitación das existentes (22% dos activos). O sector servizos (43,5%) concéntrase en Vilar de Santos. A cabeceira comarcal, Xinzo de Limia, asume os servizos que non poden ser satisfeitos na cabeceira municipal. A principal vía de comunicación é a OU-531 de Xinzo de Limia a Celanova, da que parte en Vilar de Santos un ramal.
Historia
Os primeiros habitantes que ocuparon este territorio puideron ser os limicos. Da presenza romana consérvanse tramos da Via Nova que unía Braga con Astorga así como outros restos atopados en Parada de Outeiro. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertenceron ás xurisdicións de Vilar de Santos, señorío da encomenda de San Marcos de León, da orde de Santiago; e Sandiás, señorío do duque de Medina de Río Seco, compartido cun fidalgo. O concello xurdiu en 1835.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos romanos mencionados, destacan as igrexas románicas de San Xoán de Vilar de Santos e Santa María de Parada de Outeiro, as ermidas de Santa Marta en Castelaos e a de Laioso. No concello atópase o Museo Etnográfico da Limia. Entre as festas que se celebran no concello sobresaen a de Nosa Señora das Neves en Vilar de Santos, no mes de agosto, a de San Bieito Preto en Parada de Outeiro, o domingo de Resurrección, a de San Xoán en Laioso, no mes de xuño, e as de Santa Marta en Castelaus, en xullo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Limia, A |
| Extensión | 20 Km2 |
| Poboación Total | 1002 h |
| Poboación Homes | 492 h |
| Poboación Mulleres | 510 h |
| Densidade de poboación | 50.1 h/Km2 |
Parroquias
| Parada de Outeiro |
| Vilar de Santos |