Vilardevós
Concello da comarca de Verín situado ao S da Comunidade Autónoma de Galicia e ao S da provincia de Ourense (41° 54’ N - 7° 18’ O). Limita ao N cos concellos de Castrelo do Val e Riós (comarca de Verín), ao L con Portugal, ao S con Portugal e ao O cos concellos de Verín (Verín). Abrangue unha superficie de 152,1 km 2 cunha poboación de 2.430 h (2007) distribuída nas parroquias de Arzádegos, Berrande, Enxames, Fumaces e A Trepa, Moialde, Osoño, Santa María de Traseirexa, Soutochao, Terroso, Vilar de Cervos, Vilardevós e Vilarello da Cota. A capital é Vilardevós, na parroquia homónima. Está a 197 km de Santiago de Compostela e a 85 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Verín.
Xeografía física
O territorio de Vilardevós está dividido en dúas áreas ben definidas pola serra das Penas Libres, que tamén serve de divisoria de augas. Na parte occidental o relevo ofrece a morfoloxía dunha penechaira, cunha altitude elevada (650-700 m). Pero na parte oriental aumenta a altitude, cun relevo máis abrupto que desde os 700 m chega ata os 900-1.100 m (Mairos, 1.083 m; Salto do Cabalo, 1.056 m; Ermida, 936 m; Paira, 903 m). Os cursos fluviais encaixáronse profundamente entre estas elevacións e orixinaron unha sucesión de vales profundos e estreitos. A rede fluvial articúlase ao redor das concas do Taméga e do Mente, ambas tributarias do Duero. A principal arteria fluvial que percorre o concello é o río Arzoá, que desauga no Mente. Climaticamente pertence ao dominio oceánico con trazos de continentalidade. As temperaturas son frías no inverno, con medias baixas e moitos días de xeadas. A temperatura media anual é de 11,5°C, o mes máis quente é xullo con 17,2°C e o máis frío xaneiro cunha media de 5,8°C, a oscilación térmica sitúase en 11,4°C. A precipitación media anual está por debaixo dos 750 mm. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno e un mínimo no verán. Presenta un déficit hídrico estival acusado. A vexetación natural ocupa a maior parte do territorio. En función da altitude hai unha sucesión de pisos vexetativos, desde bosques frondosos ata amplas áreas de matogueira e, incluso, de rocha espida. Dominan as especies arbóreas de repoboación para a súa rápida explotación madeireira, piñeiros e eucaliptos. No monte baixo destacan toxos, xestas e fieitos.
Xeografía humana
O concello tiña a comezos do s XX unha poboación de 4.695 h, que tendeu á alza ata 1960 pola alta natalidade. O illamento do concello das correntes principais de emigración destes anos fixeron que o éxodo rural, aínda que existente, fora menor ca o aumento vexetativo. Así, nos censos de 1950 e 1960 acadouse o máximo demográfico histórico con 6.645 h. Unha primeira perda de poboación iniciouse entre 1960 e 1981 pola emigración de efectivos, agora maior, cara ás áreas industrializadas españolas e europeas. Isto activou unha caída da natalidade e un proceso de avellentamento. Á paralización case total da natalidade e ao aumento da mortalidade, uniuse unha nova e forte fase de éxodo rural cara á cabeceira comarcal, Verín, e cara á cidade de Ourense, principalmente.
Entre 2001 e 2007 a poboación decreceu nun -13,30%. O crecemento natural é moi negativo, do -15,4‰ (2006), froito dunha natalidade moi baixa (1,4‰) e dunha alta mortalidade (16,8‰). A estrutura demográfica aparece avellentada. A poboación menor de 20 anos supón só o 7,9% e os maiores de 65 anos representan o 41,9%; o grupo intermedio representa o 50,2%. A distribución por sexos está equilibrada: 50,08% de homes e 49,91% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 29,8% (38,8% a masculina e 20,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 24,3 % (30,9% a masculina e 17,8% a feminina); e a taxa de paro é do 18,4% (20,3% a masculina e 14,8% a feminina). O alto índice de avellentamento fai que sexa maioritario o número de persoas xubiladas. O sector primario segue sendo un sector importante que acolle o 23,8% dos activos. Os cultivos de pataca, centeo, castañas, mel e a recolección de cogomelos son as principais fontes de ingreso. Unha produción agraria que, da man da mecanización, a concentración parcelaria e a modernización das explotacións, dedícase sobre todo ao mercado. Hai unha cooperativa de castañas, outra de mel, unha industria de foie-gras e un criadeiro de perdiz e coello. A gandaría ovina dedicada á produción de la complementa o sector agropecuario, do mesmo modo que o fai a explotación madeireira. No pasado desenvolveuse a minaría do estaño e do volframio, nunha actividade que cesou a mediados do s XX. A industria (18,8%) redúcese ás empresas postas en marcha no contexto das medidas adoptadas para o desenvolvemento local, como unha cooperativa de mobles. Na construción, os empregados neste sector e residentes en Vilardevós (20,4%) traballan maioritariamente fóra do concello. O sector terciario (37%) redúcese aos servizos máis básicos e de primeira necesidade, pois a maioría das funcións son asumidas pola cabeceira comarcal, Verín. Nos plans de desenvolvemento local tamén se intentou impulsar o turismo rural coa creación de albergues e áreas recreativas e de baño. A rede de comunicacións está formada por estradas locais e camiños rurais, e por unha pequena parte do concello pasa a A-52.
Historia
A antigüidade do poboamento amósase nos restos arqueolóxicos atopados como as mámoas de Vilardevós ou o castro de Florderrei Vello. Pola súa condición fronteiriza foi unha área de enfrontamento entre españois e portugueses . En 1569 as tropas portuguesas invadiron estas terras e chegaron ata A Gudiña. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertenceron ás xurisdicións de Enxames e Devesa, señorío da encomenda de Quiroga, da orde de San Xoán; e de Souto Vermudo, señorío do conde de Monterrei, compartido nunha parroquia co bispo de Valladolid. Coa formación dos primeiros concellos ao abeiro da Constitución de 1812 creáronse os concellos de Berrande e Vilardevós. En 1835 creouse o concello de Vilardevós, ao que se incorporou posteriormente a parroquia de Fumaces e A Trepa, compartida con San Xoán de Río.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de Vilardevós, Enxames, Vilarello e Berrande, e a ermida de Nosa Señora de Portas Abertas. Tamén sobresaen as áreas recreativas de Arzoá, Cidadella e Fonte de Ouceira. Celébranse, entre outras, as romarías da Santísima Trindade en Lamas en xuño, a Asunción en Vilardevós en agosto, e San Roque en Vilardevós en agosto, ademais da romaría de Nosa Señora de Portas Abertas en Florderrei Vello, durante a Ascensión.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Verín |
| Extensión | 152 Km2 |
| Poboación Total | 2430 h |
| Poboación Homes | 1217 h |
| Poboación Mulleres | 1213 h |
| Densidade de poboación | 15.99 h/Km2 |