Vilarmaior

Vilarmaior


Concello da comarca de Betanzos, situado no NO da Comunidade Autónoma de Galicia e no N da provincia da Coruña. Limita ao N co concello de Pontedeume (comarca do Eume), ao S co de Irixoa (Betanzos), ao L con Monfero (O Eume) e ao O co de Miño (Betanzos). Abrangue unha superficie de 30,3 km 2 cunha poboación de 1.287 h (2007) distribuída nas parroquias de Doroña, Goimil, Grandal, Torres, Vilamateo e Vilarmaior. A súa capital é o lugar da Armada na parroquia de Vilarmaior (43° 20’ 42’’ N - 8° 08’ 37 ‘’ O), situada a 35 km da Coruña. Está adscrito ao partido xudicial de Pontedeume.
Xeografía física
Está situado nunha área de materiais do Precámbrico, fundamentalmente xistos e granitos. O relevo está bastante fracturado e incidido pola acción fluvial, de maneira que a erosión diferencial se amosa claramente. O concello ocupa os vales dos ríos Lambre, no S, e Vilariño, no N, a modo de chanzo topográfico (200-300 m) entre as terras baixas do Golfo Ártabro e as superficies de erosión de Monfero, que dan paso, posteriormente, á Dorsal Meridiana. O relevo presenta gran mobilidade topográfica, con pendentes que oscilan entre os 100 m das áreas de val ata os 440 m (Coto de Catarol) das superficies de erosión. Climaticamente, está aberto directamente ao Golfo Ártabro e á influencia das masas de circulación do O. As precipitacións adoitan ser bastante considerables, especialmente nas áreas máis altas (1.100-1.200 mm) e menos frecuentes nos vales (1.000 mm). A temperaturas media anual é de 13°C, a do inverno é suave (8°C) e a do verán fresca (18°C). As xeadas non son moi frecuentes.
Xeografía humana
Vilarmaior é un concello rural enclavado nunha área de tradicional crecemento demográfico, que acusou un forte declive poboacional debido á súa proximidade aos focos receptores de emprego e pola súa característica de concello rural e pouco favorecedor de actividades relacionadas co secundario e o terciario. En 1900 contaba con 3.062 h que se mantiveron máis ou menos estables ata 1940 (3.228 h). Desde esa data produciuse un éxodo rural que comportou a perda de máis do 50% dos efectivos: 2.830 h (1950), 2.001 h (1970), 1.897 h (1981), 1.435 h (1996), 1.365 h (2001) e 1.287 h (2007). As entidades de poboación non superan os 100 h. A estrutura demográfica presenta unha alta porcentaxe de maiores de 65 anos (31,5%), fronte aos menores de 20 anos (10,8%); o grupo intermedio representa o 58,1%. Por sexos dominan os homes (51,74%). O avellentamento reflíctese na alta taxa de mortalidade, 16,2‰ (2006), e na baixa natalidade (2,3‰), do que resulta un crecemento natural negativo -14,3‰.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 43% (52,5% a masculina e 33,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,3% (46,6% a masculina e 27,9% a feminina); a taxa de paro é do 13,1% (11,2% a masculina e 16,2% a feminina). A base económica do concello apóiase no sector primario, así como tamén nos servizos, moi influenciados pola proximidade a Pontedeume e, incluso, a Ferrol. O sector primario dá traballo ao 27,1% dos activos. Destacan as actividades gandeiras. A maior parte das explotacións agropecuarias (1999) están ocupadas por terreos de pasto (27,8%) e bosque (59,8%). O armentío está composto polo bovino (1.125 cabezas) e polo porcino (196 cabezas), e destaca o gando vacún de aptitude láctea. O sector secundario representa o 29,8% do emprego e moitos habitantes do concello desprázanse diariamente a Pontedeume, Fene, Betanzos e Ferrol. No concello destacan as empresas madeireiras. Os servizos (43,1%) localízanse na capital municipal. As principais estradas son as locais que comunican A Armada con Miño e Pontedeume.
Historia
A antigüidade do poboamento amósase nos diversos castros conservados, como As Croas, e polos restos romanos atopados, como a estela funeraria de Grandal. Durante a Idade Media as terras do concello formaban parte do condado de Pruzos, talvez de orixe sueva. En 866 Afonso II cedeu o dominio destas terras ao bispo de Mondoñedo, Sabarico I. Tamén aparecen diversas citas referentes a localidades de Vilarmaior no foro fundacional da vila de Pontedeume, selado por Afonso X en 1270. Durante o Antigo Réxime as terras que forman o concello pertenceron ás xurisdicións de Perbes, señorío do marqués de Alcañizas, e Pontedeume, señorío do conde de Lemos. O concello xurdiu en 1835.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos mencionados, destacan a igrexa románica de Santa María de Doroña (s XII) e o cruceiro neoclásico de San Xurxo de Torres (s XVIII). Celébranse, entre outras, as festas de San Ramón en Doroña e o Rosario en Torres, en outubro, a Festa das Neves en Vilarmaior, en agosto, e a Feira das Flores, o terceiro domingo de maio.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Betanzos
Extensión 30 Km2
Poboación Total 1287 h
Poboación Homes 666 h
Poboación Mulleres 621 h
Densidade de poboación 42.9 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias