Vilasantar
Concello da comarca de Betanzos, situado no centro da Comunidade Autónoma de Galicia, na provincia da Coruña (43° 04’ 00’’ N- 8° 07’10’’ O). Limita ao N co concello de Curtis (comarca de Betanzos), ao L con Sobrado dos Monxes (Terra de Melide), ao S con Sobrado dos Monxes (Terra de Melide) e Boimorto (Arzúa), e ao O con Mesía (Ordes). Abrangue unha superficie de 59,2 km 2 cunha poboación de 1.469 h (2007) distribuída nas parroquias de Armental, Barbeito, Mezonzo, Présaras, San Vicenzo de Curtis, Vilariño e Vilasantar. A capital está no lugar de Ru, na parroquia de Vilasantar. Sitúase a 51 km de Santiago de Compostela e a 48 km da Coruña. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Betanzos.
Xeografía física
O territorio de Vilasantar é unha chaira de moderada altitude, entre os 350 e os 600 m (monte Enxameno, 609 m), na que apenas existen resaltes e si unha sucesión de suaves pendentes condicionadas pola débil acción erosiva fluvial. Hidrograficamente pertence á conca do alto Tambre, que delimita polo S o termo municipal e que se ve atravesado de N a S polos seus afluentes, entre eles os regos de Muíños e Gándaras. O concello pertence ao dominio oceánico de transición con fortes precipitacións, invernos fríos e veráns suaves. A temperatura media anual é de 12,0°C, a media de decembro é de 6,9°C e a de xullo de 17,8°C. A precipitación media anual é de 1.560 mm, cunha distribución estacional que amosa unha seca estival: o 38% recóllese no inverno e o 9% no verán. A vexetación arbórea está favorecida polo clima chuvioso e as escasas pendentes, aínda que as intensas repoboacións encheron de piñeiros e eucaliptos gran parte do seu territorio. Aínda se conservan superficies con carballos que, nas áreas máis elevadas, conviven con bidueiros e preto dos ríos con vexetación ribeirá.
Xeografía humana
A evolución demográfica é o resultado da contraposición entre a primeira metade de século, netamente positiva (en 1950 acadou o máximo secular), e a rápida contracción poboacional das décadas finais do s XX. Entre 1900 e 1910 viviu unha etapa de estancamento (-0,06% interanual), que deu paso a un moderado incremento entre 1910 e 1930 (0,55% interanual), acelerado entre 1930 e 1940 (2,28%), que culmina nunha década de estancamento (0,05% interanual entre 1940 e 1950). A partir de 1950 iniciouse unha regresión demográfica, moderada inicialmente (-0,55% interanual entre 1950 e 1960), intensa entre 1960 e 1970 (-2,54%), e aínda forte no período finisecular (-1,44% interanual); entre 2001 e 2007 foi do - 8,01%. A poboación é moi vella, superando os de máis de 65 anos (35,6%) os menores de 20 anos (9,9%); o grupo intermedio representa o 54,5%. Por sexos, a poboación é predominantemente masculina (51,80%). Este avellentamento reflíctese nunha alta taxa de mortalidade, 16,7‰ (2006), e unha baixa natalidade, 2,3‰, o que dá un crecemento natural negativo, -14,4‰.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 49,6% (61,7% a masculina e 36,9% a feminina); a taxa de ocupación é do
45,1% (58,1% a masculina e 31,4% a feminina); e a taxa de paro é do 9,1% (5,8% a masculina e 14,8% a feminina). O sector primario é o maioritario co 40,5% dos traballadores. A superficie cultivada representa o 25,47% do territorio, ocupado en gran medida por plantas forraxeiras (52,39% do labradío) e por millo (11,94%) e pataca (7,29%). Os prados e pastos abranguen o 25,08% do territorio. O armentío bovino está composto por 4.307 cabezas (1999), preferentemente destinadas á produción láctea. A gandaría porcina está integrada por 315 cabezas . A industria acolle o 18,1% da man de obra, con escasa presenza de plantas fabrís máis alá de pequenos talleres case artesanais. A construción só dá emprego ao 11,3% da man de obra, e son usuais os desprazamentos de operarios para traballar en Betanzos e Melide, ademais da capital da provincia. Os servizos ocupan o 30,1% dos traballadores. Os equipamentos terciaros son os básicos para atender a poboación residente no concello. As principais vías de comunicación son a estrada N-634, de Santiago a Irún, que atravesa o seu extremo NO, e, sobre todo, a C-540 entre Betanzos e Lalín, vías complementadas por outras como a estrada local que enlaza Présaras con Teixeiro.
Historia
A antigüidade do poboamento amósase nas mámoas conservadas en Monte Vilariño, Pedriño ou Fanegas, e nos castros de Vilariño e Corredoiras. A Historia do concello vincúlase coa do mosteiro de Santa María de Mezonzo. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertenceron ás xurisdicións de Mesía, señorío do arcebispo de Santiago, e de Mezonzo, señorío do mosteiro de San Martiño Pinario. En 1835 formouse o concello de Vilasantar.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan a igrexa románica de Santa María de Mezonzo, a capela de Nosa Señora da Laxe, a capela de San Pedro, a ermida de San Paio e os pazos de Mende e de Présaras. Celébranse, entre outras festas, as de San Pedro en Présaras, en xuño, as de Santiago e a Virxe do Carme en Vilasantar, no mes de xullo, e as de Nosa Señora de Mezonzo e as de San Miguel en Présaras en setembro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Betanzos |
| Extensión | 59 Km2 |
| Poboación Total | 1469 h |
| Poboación Homes | 761 h |
| Poboación Mulleres | 708 h |
| Densidade de poboación | 24.9 h/Km2 |