vulcanismo
(
Fenómeno xeolóxico que consiste na erupción de material rochoso fundido (magma) na superficie da Terra. Deuse practicamente en todos os lugares da superficie e distribúese preferentemente nas zonas activas tectonicamente, que coinciden cos cintos sísmicos, que á súa vez se corresponden coas zonas oroxénicas e cos rifts. Os volcáns, a escala global, sitúanse preferentemente en zonas de subdución, principalmente nos arcos de illas e os cintos oroxénicos que rodean o Pacífico. O vulcanismo relacionado con límites de placas diverxentes sitúase principalmente nas dorsais centrooceánicas, pero tamén en rifts continentais. Máis raramente se dan volcáns en zonas de fallas transformantes. Tamén existe o denominado vulcanismo intraplaca, que orixina volcáns illados que son interpretados como orixinados por un punto quente; o mellor exemplo atópase nas illas Hawai. Cómpre ter en conta que o vulcanismo submarino pode ser o máis importante en canto ao volume, debido a que só se detectan unha pequena porcentaxe dos volcáns oceánicos, os que emerxen sobre o nivel do mar. As erupcións volcánicas son difíciles de predicir, dado que non seguen períodos cíclicos, pero ás veces van precedidas de terremotos, normalmente pequenos, e cambios nas emanacións de gases, así como variacións de temperatura e de composición química.