Vilariño de Conso
Concello da comarca de Viana situado no SL da Comunidade Autónoma de Galicia e no L da provincia de Ourense (42° 09’ 40’’ N - 7° 11’ 00’’ O). Limita ao N cos concellos de Chandrexa de Queixa e Manzaneda (comarca da Terra de Trives) e O Bolo (Valdeorras), ao L co de Viana do Bolo (Viana), ao S co da Gudiña (Viana) e Castrelo do Val (Verín), e ao O co de Laza (Verín). Abrangue unha extensión de 200,2 km 2 cunha poboación de 727 h (2007) distribuída nas parroquias de Castiñeira, Chaguazoso, Conso, Mormentelos, Pradoalbar, Sabuguido, San Cristovo, San Mamede de Hedrada, Veigas de Camba, Vilariño de Conso. A capital é Vilariño de Conso, na parroquia homónima. Está a 240 km de Santiago de Compostela e a 137 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Astorga e ao partido xudicial da Pobra de Trives.
Xeografía física
O territorio do concello é un dos máis accidentados de Galicia, pois ao estar situado no corazón do macizo central ourensán. Caracterízase pola potencia das serras que, partindo da serra de Queixa, resólvense en vigorosas aliñacións de materiais graníticos modelados por fenómenos de glaciarismo e periglaciarismo, todas elas con dirección NO-SL. De N a S atópanse cinco aliñacións paralelas, con altitudes que van desde os 1.200 m ata os 1.400-1.500 m, destacando entre as principais cotas o alto das Rozas (1.604 m) e o pico da Ortiga (1.496 m). Os vales que separan estas serras sitúan o seu fondo a altitudes superiores aos 900 m, e no caso do val do Cenza resólvese nun altiplano escasamente escavado a unha altitude superior aos 1.300 m. De N a S sitúanse o val de Couselo, continuación do Cenza, o do Cerveira, Casarello e Ribeira Pequena. Estes vales, en moitos casos de orixe glaciaria e/ou periglacial, embocan unha ampla fosa que se estende polo terzo L de Vilariño de Conso e con altitudes comprendidas entre os 700 e 900 m, percorrida polos ríos Couselo ao N e o Camba ao S. O sistema fluvial está dentro da conca do río Bibei, cara ao que se dirixe o Couso, río que no seu tramo alto se denomina Cerveira, seguindo unha dirección inicialmente NL-SO, e que percorre as terras de Pradoalbar e San Mamede de Hedrada, logo toma unha dirección practicamente N-S ata abandonar as terras do concello á altura de Conso. Recibe pola dereita as augas do Couselo, que no seu tramo alto se denomina Cenza. O outro afluente do Bibei é o Camba que, no seu tramo alto percorre o concello, drena as terras do S; este río nace en terras de Laza, e tras percorrer Castrelo do Val entra brevemente en terras de Vilariño de Conso, no que permanece represado no encoro das Portas, onde desembocan os ríos Casarvello e Ribeira Pequena, tributarios que drenan as augas das serras meridionais do Invernadeiro. O concello pertence ao dominio climático oceánico de montaña. A temperatura media anual é de 8,4°C. A media de xaneiro é de 2,7°C e a de agosto de 16,6°C, a amplitude térmica extrema chega aos 25,9°C. A precipitación anual media é de 1.370 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 39% das precipitacións recóllense no inverno, fronte ao 8% do verán. A vexetación arbórea é escasa, pois as condicións climáticas limítana ás terras máis abrigadas, onde aparecen bosques de castiñeiros, cerqueiros e bidueiros.
Xeografía humana
A evolución demográfica caracterízase pola perda de poboación, especialmente desde 1950. Entre 1900 e 1910 a poboación permaneceu case invariable (-0,08% interanual); despois viñeron os anos de crecemento e decrecemento alternativos: entre 1910 e 1920 medrou un 0,56% interanual, igual que entre 1930 e 1940, co 0,22% interanual; pero entre 1920 e 1930 retrocedeu nun -0,47% interanual, e entre 1940 e 1950 un -0,56%. A partir de 1950 Vilariño de Conso perdeu poboación a razón dun -1,73% interanual ata 1981. As décadas finais do s XX continuaron con estas cifras negativas (-1,10%). Entre 2001 e 2007 a poboación descendeu un 9,01%. A poboación, esgotada tras anos de emigración cara a terras menos duras e con maiores oportunidades, está xa moi avellentada. Os menores de 20 anos representan o 10,9% fronte ao 34,5% dos maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 54,6%. O crecemento natural é negativo, -16,5‰ (2006), froito dunha baixa natalidade (4,1‰) e unha moi alta mortalidade (20,6‰). Por sexos predominan os homes (55,84 %).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 53% (64,7% a masculina e 35,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 45% (54,2% a masculina e 33,5% a a feminina); e a taxa de paro é do 15,1% (16,2% a masculina e 12,8% a feminina). O sector primario ocupa o 36,4% dos activos. As desfavorables condicións ambientais limitan a superficie cultivada ao 3,31% do seu territorio, no que abundan o centeo (44,71% do espazo cultivado), os cultivos forraxeiros (35,65%) e as patacas (9,52%). Os prados e pastos representan o 3,55% do seu territorio; o armentío bovino conta con 806cabezas (1999) destinadas á produción cárnica. Son abundantes as ovellas, tradicionalmente levadas á montaña por pastores que coidaban rabaños con reses de varios propietarios. A industria só representa o 5,5% dos ocupados e a construción o 11,3%. Os servizos agrupan o 46,8% dos ocupados, nos escasos equipamentos terciarios asentados no concello. A principal vía de comunicación é a estrada que o comunica con Viana do Bolo e A Pobra de Trives, complementada pola estrada que vai cara á Gudiña.
Historia
A antigüidade do poboamento amósase nos restos castrexos conservados en Pradoalbar, Sabuguido e Entrecinta. Na época romana fundouse un campamento militar. Durante o Antigo Réxime as parroquias que intregran o concello pertencían ás xurisdicións de Conso, señorío do marqués de Castelar, Mormentelos, señorío de dous fidalgos; e Sabuguido, señorío de tres fidalgos. Coa formación dos primeiros concellos ao abeiro da Constitución de 1812 formouse o concello de Conso; en 1835.creouse o de Vilariño de Conso.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos destacan as igrexas de San Lourenzo de Castiñeira, San Bernabé de Chaguazos, Santa María en Sabuguido, as capelas de San Miguel e de Sabuguido, os pazos de Conso ou Entrecinsa e a casa grande de Mormentelos, ademais do pontón de Pradoalbar. Do patrimonio natural destaca o Parque Natural do Invernadeiro e o espazo do Macizo Central, declarado Lugar de Importancia Comuinitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas destacan a Festa de San Martiño, en novembro e a do Cabrito, o domingo de Entroido, ou Domingo Gordo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Viana |
| Extensión | 200 Km2 |
| Poboación Total | 727 h |
| Poboación Homes | 406 h |
| Poboación Mulleres | 321 h |
| Densidade de poboación | 3.64 h/Km2 |