Vimianzo
Concello da comarca da Terra de Soneira situado ao O da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia da Coruña (43° 06’ 35’’ N - 9° 02’ 14’’ O). Limita ao N cos concellos de Camariñas (comarca da Terra de Soneira) e Laxe (Bergantiños), ao S cos de Mazaricos (Xallas) e Dumbría (Fisterra), ao L co de Zas (Terra de Soneira) e ao O cos de Camariñas (Terra de Soneira) e Muxía (Fisterra). Abrangue unha extensión de 187,4 km 2 cunha poboación de 8.364 h (2008) distribuída nas parroquias de Baíñas, Bamiro, Berdoias, Calo, Cambeda, Carantoña, Carnés, Castrelo, Cereixo, Salto, Serramo, Tines, Treos e Vimianzo. A súa capital é a vila de Vimianzo, na parroquia homónima, e atópase a 63 km de Santiago de Compostela e 69 km da Coruña. Está adscrito á arquidiocesede Santiago de Compostela e ao partido xudicial de Corcubión.
Xeografía física
É un concello bastante chan, con sectores de elevacións de escasa importancia, que responden a unha orientación en sentido meridiano, tanto nos vales como nas aliñacións montañosas. A altitude oscila entre os 200 e os 440 m. Non obstante, pódense diferenciar de L a O unha serie de unidades máis ou menos paralelas, orixinadas no Herciniano. Na área occidental aparece unha banda de xistos e gneis procedentes do metamorfismo rexional de rochas ígneas. Este sector é bastante plano e correspóndense cos vales do río Vilar e o seu tributario o Xora. Aquí, as maiores altitudes son os montes Pedrido-Matanza (441 m) e o Cárneo-Treos (343 m). Logo deste sector aparecen dúas bandas alternas de cativas proporcións, de sedimentos metamorfizados do Silúrico, que se corresponden coa conca dos ríos Castro e Cambeda ou Vimianzo, afluentes do río Grande. Entre esas dúas bandas existe outra de granito que forma unha aliñación montañosa que serve de interfluvio a eses dous ríos, con cotas principais no monte San Bartolomeu (407 m) e máis ao S no alto de Pedralonga (415 m) e no Peñón de Os (430 m). Estas elevacións constitúen un horst erguido por movementos tectónicos acontecidos tras producirse no Terciario unha fractura que discorre de N a S, mentres que o val de Cambeda ou de Vimianzo é a parte afundida da falla. Cara ao O este val aparece delimitado por un pequeno macizo granítico, o monte Faro (430 m) desde o cal o relevo descende gradualmente ata acadar o nivel do mar na desembocadura do río Grande. Climaticamente pertence ao dominio oceánico húmido e dentro das variedades galegas adscríbese ao do litoral atlántico do NO, que recibe frontalmente os ventos húmidos do O, NO e N, aínda que os do SO, que orixinan boa parte das borrascas invernais, non teñen tanta influencia ao descargar boa parte da súa humidade nos relevos das Rías Baixas e nas plataformas occidentais galegas antes de chegar a estas terras. As precipitacións son elevadas (1.798 mm) e distribúense nun máximo acusado invernal (39%), aínda que tamén chove notablemente no outono (27%) e na primavera (23%), mentres que no verán as precipitacións descenden (11%), feito que supón a aparición de aridez entre xullo e setembro. As xornadas anuais de chuvia sitúanse ao redor de 140. A temperatura media anual é de 12,7°C, cun inverno moi pouco marcado (8,3°C en xaneiro) e un verán moderadamente cálido (18°C en agosto), en ambos os casos debido á influencia suavizadora do océano. A oscilación térmica é das máis cativas de Galicia (9,7°C). Da vexetación climácica de frondosas caducifolias apenas poden albiscarse pequenas manchas, moitas veces mesturadas con piñeiros, especie forestal predominante (50% das terras non cultivadas). As matogueiras de toxos, xestas, uces e fieitos son tamén abundantes.
Xeografía humana
O concello de Vimianzo coñeceu unha evolución demográfica, desde o censo de 1887 (7.764 h), que se pode dividir en dous grandes períodos. O primeiro deles abarca desde esa data inicial ata 1950, cando acadou o seu máximo demográfico (10.678 h); e, o segundo, comprende desde 1950 a 2001 cunha clara tendencia de retroceso poboacional, aínda que parece frearse a tendencia nos últimos anos. De 1887 a 1920 a poboación medrou un 0,64% anual a pesar da existencia dunha forte emigración cara a América, que conseguía ser contrarrestada cun saldo natural amplamente positivo. Entre 1920 e 1930 intensificáronse as saídas exteriores polo que se produciu un primeiro período de crise demográfica en Vimianzo (-0,18% anual). A crise económica internacional dos anos 1930 cortou de xeito case total a posibilidade da emigración exterior, de xeito que entre 1930 e 1950 a poboación de Vimianzo medrou un 0,8% cada ano. A partir desa data de novo abriuse a posibilidade da emigración. De 1950 a 1960 o concello perdeu un 0,82% dos seus habitantes cada ano, pero durante a década de 1960 recuperou poboación (0,37% anual) debido a un incremento do saldo natural positivo. A partir de 1970 de novo minguou a poboación, que se sucedeu ata 1991 (-0,81% anual) coincidindo coa saída cara ás áreas españolas cun maior desenvolvemento e cara ás cidades de Galicia, en boa medida cara á Coruña. Durante o último período intercensual (1991-2001) o concello volveu gañar poboación, aínda que de xeito moderado (0,13%), ao abeiro do reforzamento das funcións terciarias da vila, que actúa como cabeceira comarcal. Entre 2001 e 2007 perdeu o 2,08%. Resultado desta evolución demográfica é unha estrutura por idades bastante avellentada na que os maiores de 65 anos (23,5%) teñen un peso sensiblemente superior ao dos menores de 20 anos (15%), o grupo intermedio representa o 61,5%. Por sexos dominan as mulleres (51,23%). A natalidade é baixa, 6,3‰ (2006), e a mortalidade, aínda que se mantén nuns valores cativos (11,3‰), supéraa amplamente, o que se traduce nun saldo vexetativo negativo (-5‰).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 50,8% (62,7% a masculina e 39,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,7% (57% a masculina e 31,5% a feminina); a taxa de paro é de 13,9% (9,1% a masculina e 20,9% a feminina). O concello de Vimianzo presenta unha estrutura económica bastante diversificada e sólida, circunstancia que lle permitiu gañar poboación durante os últimos anos. Ata comezos dos anos 1990 dominaba o sector agrario en canto ao volume de ocupación que xeraba. Non obstante, durante ese decenio, deuse un exitoso transvasamento de man de obra cara aos outros sectores económicos ao mesmo tempo que se abandonaban moitas explotacións agrícolas e gandeiras diante da xubilación dos seus propietarios. O sector primario ocupa o 19,1% dos traballadores e céntrase fundamentalmente en actividades gandeiras e no aproveitamento dos recursos forestais (en 1999 o 48,3% da superficie das explotacións estaba dedicada a este último tipo de uso). A gandaría vacúa leiteira é moi destacada, contaba con 11.714 cabezas (1999), repartidas en xeral en explotacións de adecuado tamaño para un bo rendemento económico, pois o 27% das mesmas contaban con máis de 20 vacas e outro 18%, de 10 a 19 reses. O 25% das terras das explotacións son pradarías e a maior parte dos cultivos teñen un destino forraxeiro. A pesca ten unha significación moi cativa (0,9% do total dos traballadores). A industria é o sector económico que máis medrou nos últimos anos e fíxoo ademais cunha variada gama de ramas empresariais. Supón o 21,5% do emprego e conta con actividades que van desde a extracción de caolín á confección, pasando por serradoiros e empresas de fabricación de mobles, pola produción e distribución de enerxía eléctrica, curtidoiros e fabricación de marroquinaría, así como unha industria de plásticos ou varias empresas de fabricación de materiais de construción. A construción agrupa o 24,4% dos ocupados. Os servizos supoñen o 35% dos traballadores. A principal vía de comunicación é a estrada AC-552 (A Coruña-Fisterra), que cruza o concello de N a S.
Historia
A antigüidade do poboamento amósase nos abundantes restos arqueolóxicos conservados. Os máis antigos son mámoas e antas da cultura megalítica. Destacan os dolmens de Pedra Cuberta (Treos), que conserva restos pictóricos, Pedra da Arca (Baíñas), A Caseta dos Mouros (Freáns-Berdoias) e a Pedra da Moura (Cárneo-Treos). Da Idade do Bronce consérvase o petróglifo da Pedra dos Letreiros, en Carnés. Da cultura castrexa consérvanse os castros das Barreiras (Cambeda), Castrobuxán (Calo), Oróns (Bamiro), Castro (Salto), Carnés e O Padreiro ou O Altiño (Castrelo). No Obrellido (Baíñas) atopouse un torque. Da época romana destacan os restos dunha vila e dunha necrópole atopada no adro da igrexa de Santa Baia de Tines, onde se achou unha estela tardorromana (370) dedicada a Victorinus. Na Idade Media, as terras de Vimianzo pertenceron á mitra compostelá e ao mosteiro beneditino de San Xián de Moraime (Muxía). O castelo pertenceu primeiro aos Traba e despois á rama dos Moscoso. Durante as Guerras Irmandiñas o castelo foi derrubado e máis tarde reconstruído por Alonso II Fonseca. Recuperado polos Moscoso, estes exerceron o señorío nunha extensa xurisdición. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertenceron ás xurisdicións de Ozón e Baíñas, señorío do mosteiro de San Martiño Pinario, e Vimianzo, señorío do conde de Altamira, compartido nalgunha parroquia co conde de Maceda e outro señor laico. Coa formación dos primeiros concellos ao abeiro da Constitución de 1812 formouse o de Vimianzo, definitivamente instaurado en 1835.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de Santiago de Cereixo (s XII) e Santo Antoíño de Baíñas e a ermida da Virxe da Peregrina na Lagoa. No eido da arquitectura civil destacan o castelo de Vimianzo (BIC, 1994), o pazo de Trasariz e o pazo-torre de Cereixo (BIC, 1994). Sobresae tamén o conxunto etnográfico dos batáns e muíños de Mosquetín, á beira do río Grande. No patrimonio natural destaca o espazo da Costa da Morte, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas de SanVicente de Noal; as romarías de Santa Mariña en Cambeda, Nosa Señora do Monte de Torán e a de San Fins en Cambeda; a Faxía de Carnés, na véspera de san Cristovo; as festas de verán; a Festa do Poldro e as competicións de carrilanas en Trasouteiro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Terra de Soneira |
| Extensión | 187 Km2 |
| Poboación Total | 8364 h |
| Poboación Homes | 4079 h |
| Poboación Mulleres | 4285 h |
| Densidade de poboación | 44.73 h/Km2 |