Viveiro

Viveiro


Concello da comarca da Mariña Occidental situado no N da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia de Lugo (43° 38’ 53’’ N - 7° 35’ 24’’ O). Limita ao N co Mar Cantábrico, ao S cos concellos de Ourol (A Mariña Occidental) e O Valadouro (A Mariña Central), ao L cos de Xove (A Mariña Occidental) e O Valadouro e ao O co do Vicedo (A Mariña Occidental). Abrangue unha extensión de 109,3 km 2 cunha poboación de 15.706 h (2007), distribuída nas parroquias de Celeiro, Chavín, Covas, Faro, Galdo, Landrove, Magazos, San Pedro de Viveiro, Santo André de Boimente, Valcarría, Viveiro e Viveiro (Santa María e Santiago). A súa capital é a vila de Viveiro, que se atopa a 152 km de Santiago de Compostela e a 96 km de Lugo. É cabeza de partido xudicial. Está adscrito á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Xeografía física
O río Landro organiza o relevo municipal, a súa conca fluvial e a fractura de orixe terciaria que percorre o concello en dirección SO-NL orixinan dúas unidades do relevo: a esquerda, máis accidentada no límite co Vicedo, e a oriental con diferente substrato rochoso que continúa cara a Xove. Cara ao S atópanse as maiores cotas pertencentes á serra do Xistral: montes de Pena Terreiro (586 m), Penas de Hebra (562 m), Pan de Vella (702 m), Monte Padró (509 m) e covas de San Salvador (680 m). Desde estas elevacións parte o río Landro, que posteriormente forma un val que se abre gradualmente ao tempo que recibe varios tributarios como o Loureiro, Fontecova, Trasposta, Bravos e Galdo. En Landrove xa se deixa notar a acción das mareas e a partir de Galdo o río forma un meandro pronunciado con áreas pantanosas ata a desembocadura, formando no tramo final a ría de Viveiro, cun esteiro que se comeza a conformar en Portochao, que crea unha ampla e rica chaira aluvial, con excepcionais valores naturais. Climaticamente o concello pertence ao dominio oceánico húmido e dentro das variedades galegas ao subtipo do litoral lucense, caracterizado por abundantes precipitacións distribuídas regularmente ao longo de todo o ano (1.412 mm) e unha suavidade térmica notable, cunha temperatura media anual de 14,4°C. Nesta área costeira dáse a menor oscilación térmica anual de toda a fachada occidental europea (10°C), debido á combinación de invernos suaves e veráns con poucos días calorosos. As temperaturas máis baixas, tanto as medias mensuais como as absolutas, danse en decembro, xaneiro e febreiro. O mes máis frío é xaneiro, con 9,2°C de media. As mínimas absolutas non adoitan baixar de 0°C. Pódese afirmar que en Viveiro non existe un verdadeiro inverno térmico grazas á acción moderadora do mar. As temperaturas medias máis altas son propias de agosto (20°C), baixas para a época pola acción refrescante do mar, que converten a este litoral no menos caloroso de Galicia. A distribución das precipitacións ao longo do ano obedece á sucesión anual dos tipos de tempo: o inverno é a época máis chuviosa polo paso frecuente de sistemas depresionarios (entre novembro e marzo cae o 65% das chuvias), e o verán coñece un descenso das precipitacións, pero sen baixar dos 50 mm, grazas á maior influencia do anticiclón dos Açores (de xuño a setembro caen o 20% das chuvias). Tanto a nubosidade como a humidade son abundantes todo o ano, aínda que o número de días de chuvia non supera os 130, sendo dos máis baixos de Galicia. O risco de xeadas é practicamente nulo na área costeira, pero nos contrafortes da serra do Xistral son frecuentes de novembro a marzo. Nas maiores cotas altitudinais a vexetación predominante, froito da deforestación, é a landa oceánica de toxos, uces, xestas e queirugas, mentres que nas vertentes dos vales as repoboacións de piñeiros e eucaliptos ocupan a maior parte do espazo, con escasas manchas de frondosas caducifolias climácicas e dos típicos bosques de ribeira (salgueiros, ameneiros e bidueiros).
Xeografía humana
A poboación do concello de Viveiro aumentou de xeito bastante moderado (14%) desde 1887 (13.369 h) ata 2001 (15.240 h). Ese incremento non foi continuo. Desde 1887 ata 1900 a poboación decreceu un -0,39% anual, debido á forte emigración ultramarina. Durante a primeira década do s XX cambiouse a tendencia e xurdiu un decenio de crecemento demográfico (0,42% cada ano), favorecido por un amplo crecemento vexetativo. A vila, pola contra, seguiu unha evolución diferente, pois medrou de 1887 a 1910 de xeito continuado a un ritmo do 1% anual. Xa era un centro terciario destacado e con certa actividade industrial e mineira. Superado o ano 1910 e ata 1930 o colectivo demográfico municipal volveu entrar nun fondo período de crise motivado pola intensificación da emigración americana (-0,35% anual). A vila tamén se resentiu destas saídas, de xeito que decaeu o seu número de habitantes de 1910 a 1920 un -0,34% cada ano. Pero durante a década de 1920 recuperou a senda do crecemento demográfico, que mantivo ata 1940 (0,53% anual). O incremento demográfico na vila coincidiu coa posta en funcionamento das minas e actividades industriais de Chavín e A Silvarosa, cuxa importancia á hora de xerar emprego tamén se observa no conxunto municipal a partir de 1930, no que se deu un aumento da poboación ata 1940 do 1,21%, incremento no que tamén incidiu o peche da vía emigratoria exterior pola crise internacional da década de 1930. Despois de 1940 volveuse entrar nun período de crise demográfica que se mantivo ata 1970. O abandono das explotacións mineiras e a forte corrente emigratoria das decadas de 1950 e 1960, supuxeron unha perda anual do -0,24% dos efectivos, que tamén se deu na vila, aínda que só ata 1960 (-0,23% anual), ano a partir do que se relanzou a actividade comercial e de servizos no núcleo, que se converteu na cabeceira reitora de toda a Mariña. Así, a vila xa non deixou de medrar ata 2001, a un ritmo anual do 1,1%. O conxunto municipal tamén se beneficiou da potenciación da urbe, así como da paulatina importancia que adquiriu o núcleo de Covas como lugar de veraneo e no que se construíron segundas residencias, e da potenciación do porto de Celeiro, que se converteu no segundo máis importante do Cantábrico galego, tras o de Burela. Outro factor importante foi a instalación da fábrica de Alúmina-Aluminio en Xove, que supuxo a chegada de moitos dos seus traballadores que fixaron no concello a súa residencia. Todos estes factores supuxeron un incremento demográfico anual entre 1970 e 1981 do 1,14%, e entre 1981 a 2001 do 0,23%. Entre 2001 e 2007 a poboación do concello medrou nun 3,05%. Froito desta evolución demográfica, dáse unha estrutura por idades bastante avellentada na que os maiores de 65 anos (22,4%) superan en peso os menores de 20 anos (16,1%), o grupo intermedio representa o 61,5%; por sexos as mulleres son máis numerosas (51,6%). O saldo vexetativo (2006) é altamente negativo (-4,1‰), derivado dunha natalidade bastante baixa (7,9‰) e unha mortalidade alta (12‰) e en crecemento como consecuencia do elevado grao de senectude. Da morfoloxía da vila pódese salientar que Viveiro posúe un extenso núcleo antigo que aglutina o 40% do total de vivendas habitadas, un ensanche inmediato ao núcleo histórico e, finalmente, os barrios da Xunqueira, A Misericordia, Pénxamo e Bimbial. O centro está cada vez máis densificado e correspóndese coa área comercial e de servizos, mentres que A Xunqueira correspóndese co asentamento de traballadores cualificados da empresa Alúmina-Aluminio. Pénxamo e Bimbial son polígonos de vivendas sociais nas áreas máis exteriores da vila.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello é do 47,8 % (62,1% a masculina e 34,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,9% (57,1% a masculina e 27,9% a feminina); e a taxa de paro é do 12,4% (8% a masculina e 19,5% a feminina). Viveiro conta cunha economía florecente debido fundamentalmente ao seu carácter de centro de servizos, industrial e turístico. No resto do concello aínda dominan as actividades do sector primario. Así, a agricultura e gandaría só ocupan ao 4,5% dos activos, dedicándose boa parte das terras das explotacións a pastos, aínda que a produción principal é a de cultivos de horta, pataca, trigo e centeo. A produción cárnica tamén é destacada, sobre todo de porcino e avícola, aínda que o bovino (1.540 en 1999, agrupadas en explotacións familiares de pequeno tamaño) e o equino en réxime de liberdade nos montes do interior municipal, tamén son significativos. A pesca é un subsector importante (10,5% dos ocupados), non só polo volume económico directo que supón, senón tamén pola actividade indirecta que xera. O porto de Celeiro ten unhas capturas anuais de máis de 8.000 toneladas de peixe, que xeran en primeira venda preto de 24 millóns de euros, e unha frota que faena na maior parte das augas comunitarias. Á industria dedícanse o 19,4% dos ocupados. Está bastante diversificada, aínda que en xeral rendibiliza os recursos endóxenos. Destacan os subsectores do procesado e conserva de peixe, a reparación de buques ou as industriais e empresas auxiliares do complexo industrial de Alúmina-Aluminio. A construción é tamén unha actividade destacada (10,5% dos activos), aínda que en xeral son pequenas empresas con persoal pouco cualificado. Os servizos (55% dos activos) son o subsector maioritario, como corresponde a unha vila cabeceira comarcal. Conta coas estradas Ferrol-Ribadeo, e a que partindo da vila leva á Terra Chá e Lugo.
Historia
As primeiras mostras de poboamento atópanse nos montes do sur do concello e pertencen á cultura megalítica. Da época castrexa consérvanse os castros de Castelo de Celeiro, Castelo de Magazos, Castelo de San Martín, Condoniñas, Chao da Garita, A Croa ou Campo da Forca, Faro, Loureiro e Pousadoiro, en que se atoparon restos aúreos, aras, muíños e cerámica. Aínda que non existen vestixios arqueolóxicos que o demostren, pénsase que en época romana localizábase en Viveiro a antiga Olina, Flavia ou Landria. As primeiras referencias documentais son anteriores ao s XII, pero a historia do concello está vinculada ao seu recoñecemento como vila, que ten a súa orixe a finais do s XII ou comezos do s XIII. Desde moi cedo contou cunha muralla ameada con seis portas e catro pequenas entradas. A vila pertenceu á mitra de Mondoñedo, á que se enfrontaron os veciños que en 1292 foron excomungados por resistirse ao seu señorío. En 1476 os Reis Católicos confirmaron o reguengo da vila e do seu alfoz. A partir do s XVI pasou a formar parte da antiga provincia de Mondoñedo e comezou o auxe da exportación de madeira e de viño, que decaeu ao longo do s XVII. A partir do XVIII potenciouse a produción de cereais e desenvolveuse unha notable industria téxtil. No s XVI fundouse en Viveiro un dos principais focos culturais do norte de Galicia, o colexio de Gramática, e máis tarde unha cátedra de Artes. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Viveiro pertenceron ás xurisdicións de Galdo, señorío do marqués de Alcañizas; o couto redondo de Landrove, rexido por un señor laico; e a de Viveiro, de reguengo. Coa formación dos primeiros concellos ao abeiro da Constitución de 1812 creáronse os de Viveiro, Galdo, San Pedro de Viveiro e Boimente. En 1835 formouse o concello de Viveiro.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados cómpre destacar o centro histórico da vila. No eido da arquitectura relixiosa destacan a igrexa de Santa María do Campo (s XII); o convento das Concepcionistas (s XVII); e, extramuros, a parroquial de Santiago e o conxunto do convento de San Francisco (s XIV). Fóra do núcleo urbano atópanse o mosteiro de Val de Flores, en Magazos (s XIV); a capela da Misericordia (s XVII), ao outro lado da ría; e as igrexas románicas de San Pedro de Viveiro e San Xiao de Landrove. Das antigas murallas só se conservan tres portas: a de Carlos V ou do Castelo da Ponte, a da Vila ou do Cristo do Amparo, e a do Valado, todas elas declaradas BIC en 1994. Da arquitectura civil destacan os pazos de Grallal, en Covas (1597), da Trave, en Galdo (s XVIII), ou o da Misericordia (s. XVII). No eido do patrimonio natural destacan os espazos do Monte Maio, da Serra do Xistral e da Costa da Mariña Occidental, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan, xunto ás festas parroquiais, a celebración da Semana Santa, declarada de Interese Turístico Nacional, en que sobresaen os pasos e encontros coas imaxes articuladas; as romarías de San Roque, no monte homónimo en agosto, e a do Naseiro, tamén en agosto, declarada de Interese Turístico Nacional; a rapa das Bestas de Candaoso (Santo André de Boimente), declarada de Interese Turístico Nacional; a Feira das Maulas, en maio, e a Feira de Artesanía Popular Galega en Viveiro.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Mariña Occidental, A
Extensión 109 Km2
Poboación Total 15706 h
Poboación Homes 7601 h
Poboación Mulleres 8105 h
Densidade de poboación 144.09 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias