Xoán da Cruz, san

Xoán da Cruz, san

(Fontiveros, Ávila 24.6.1542 - Úbeda, Jaén 14.12.1951) Escritor e doutor místico da Igrexa. De nome Juan de Yepes Álvarez, toda a súa vida estivo baseada no coñecemento da filosofía da Sagrada Escritura e da patrística. Representante do cume da escola ascético-mística castelá, escribiu poesías e varios tratados que son comentarios a algunhas destas composicións: Subida al Monte Carmelo e Noche oscura, comentan o poema “En una noche oscura”; Llama de amor viva, comenta “Oh llama de amor viva!”, e Cántico espiritual, a do mesmo título. En Subida al Monte Carmelo trata da purgación do sentido, do entendemento, da memoria e da vontade, e en Noche oscura da purgación espiritual e sensorial. Cántico espiritual ten catro partes, que corresponden á vía purgativa, á vía iluminada e ao estado beatífico. O autor, para expresar aquilo que é inexpresable, é dicir, a experiencia mística, serviuse de fontes bíblicas, especialmente do Cantar dos Cantares, e de procedementos e formas da poesía tradicional e renacentista que encheu de contido relixioso. Foi canonizado en 1726. A súa festividade celébrase o 14 de decembro.