Zas
Concello da comarca da Terra de Soneira situado no NO da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia da Coruña. Limita ao N co concello de Cabana de Bergantiños (comarca de Bergantiños), ao S co de Mazaricos (comarca de Xallas), ao L cos de Coristanco (comarca de Bergantiños) e Santa Comba (comarca de Xallas) e ao O cos de Vimianzo (comarca de Terra de Soneira) e Laxe (comarca de Bergantiños). Abrangue unha extensión de 133,2 km 2 cunha poboación de 5.549 h (2007) distribuída nas parroquias do Allo, Baio, Brandomil, Brandoñas, Carreira, Gándara, Lamas, Loroño, Mira, Muíño, San Cremenzo de Pazos, San Martiño de Meanos, Santa Sía de Roma, Santo Adrián de Castro, Vilar e Zas. A capital é a vila de Zas (43° 06’ 07’’ N - 8° 54’ 48’’ O) a 80 km da Coruña e 59 km de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Corcubión e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
A maior parte do concello de Zas atópase nunha superficie de erosión, da que sobresaen algúns relevos residuais situados a maior altitude, como o Pico da Meda (566 m). No NO do concello apréciase unha importante falla de dirección NNL-SSO, que deu lugar a un considerable desnivel topográfico, evidenciando, cara ao N, a presenza do Val de Soneira, atravesado polo río Grande. Esta superficie de erosión, labrada en materiais graníticos duros, gneises, xistos e lousas, está incidida levemente tanto polos afluentes do Grande, coma do Xallas, o que da lugar a un terreo ondulado. No N predominan os aluvións cuaternarios do río Grande, compostos por areas, gravas e arxilas. O clima adscríbese ao tipo oceánico húmido, marcado por unha suavidade xeral das temperaturas, especialmente no N. As temperaturas medias anuais oscilan entre os 13°C e os 14°C, con invernos suaves (8-9°C) e veráns frescos (18-19°C). As precipitacións son abondosas (1.500-1.700 mm), xa que o concello se atopa nunha posición a barlovento das masas húmidas, especialmente as áreas de maior altitude. As xeadas son pouco frecuentes. Abundan as áreas boscosas, sobre todo de piñeiros e eucaliptos.
Xeografía humana
Zas tivo un crecemento demográfico positivo continuo ata épocas recentes, en que comezou a perder poboación de forma considerable. En 1900, a poboación municipal era inferior á actual (5.691 h), aínda que o crecemento foi moi notable ata 1930, cando se produciu un lixeiro estancamento (5.949 h en 1910; 6.177 h en 1920 e 6.275 h en 1930). A elevada emigración supuxo un claro freo ao crecemento vexetativo de signo positivo. A partir de 1930 e ata 1970, data en que se acadou o máximo de poboación, o crecemento demográfico foi bastante considerable: 7.171 h en 1940; 8.004 h en 1950; 8.098 h en 1960 e 8.481 h en 1970). A partir de 1970 abriuse outra corrente emigratoria, fundamentalmente cara a Europa (Francia e Alemaña), así como cara ás cidades españolas e galegas, que fixo minguar en gran medida a poboación municipal. Isto evidénciase na evolución dos últimos trinta anos: 7.285 h en 1981; 6.508 h en 1996, 6.057 h en 2001 e 5.549 h en 2007. A emigración aínda se mantén, especialmente cara a vilas e cidades próximas (Santiago de Compostela, Carballo, A Coruña), así como a Canarias. A poboación distribúese de forma irregular, predominando as entidades rurais, de tamaño escaso (menos de 100 h). Só existen dúas vilas de maior tamaño: Baio e a capital municipal, Zas. A taxa de natalidade (2006) é do 5,3‰ e a de mortalidade do 13,3‰, o crecemento natural é negativo, -8‰. Por sexos dominan lixeiramente as mulleres, 51,10% fronte ao 48,895 de homes e por idades os menores de 20 anos supoñen o 14% fronte ao 60% dos maiores de 65 anos e o 26% do grupo intermedio.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 45,7% (58,9% a masculina e 33,4% a feminina), a taxa de ocupación é do 41,9% (543,3% a masculina e 30,3% a feminina), a taxa de paro é do 8,4% (7,8% a masculina e 9,3% a feminina). A estrutura económica do concello amosa un certo equilibrio nos sectores de produción. O sector primario supón o 21,6% da poboación activa, destacando como actividades máis importantes a gandaría e a silvicultura. As actividades pecuarias céntranse na explotación de bovino de aptitude láctea e cárnica, o primeiro deles de maior transcendencia. O número de cabezas de gando era de 7.790 (1999). Tamén se pode destacar o gando porcino que, con 1.199 cabezas, está presente en todo o concello. A silvicultura destaca nas áreas boscosas, explotando, sobre todo, madeira de piñeiro e eucalipto. O sector secundario é o de maior peso na economía municipal (40,1% do emprego), pero só existen pequenas empresas madeireiras. A construción acada maior peso (22,3% do emprego), aínda que non existen empresas de grande calibre polo que os traballadores se trasladan a localidades próximas. O sector servizos (38,3% do emprego) está en pleno auxe como consecuencia do abandono do rural e das actividades agropecuarias. O comercio e os servizos públicos están ben representados, e supoñen máis da metade do emprego local, concentrándose basicamente na vila de Baio e na capital municipal, que contan con dotacións terciarias que cobren a demanda da poboación. As principais vías de comunicación do concello son a C-552 (A Coruña-Fisterra) e a C-545 (Santiago de Compostela-Baio).
Historia
A antigüidade do poboamento amósase na abundancia de mámoas e antas atopadas, entre as que destaca a Arca da Piosa, en Muíño. Por outra banda, Santo Adrián de Castro presenta as formas típicas dun castro no cume dun outeiro. A romanización foi tardía, pero bastante intensa. Brandomil, no extremo meridional do municipio foi o asentamento romano máis importante, onde se atoparon inscricións posteriores ao s III. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o concello de Zas pertenceron ás xurisdicións de Zallas, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela compartido cun señor laico; Soneira, señorío de reguengo compartido cun señor laico; Vimianzo, señorío do conde de Altamira compartido co mosteiro de Sobrado e cun señor laico; e o couto redondo de Allo, señorío laico. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha organización municipal. Daquela creáronse os concellos de Allo, Zas e Muíño. A derrogación da Constitución por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a desaparición da organización municipal ata que se recuperou en 1835; daquela formouse o concello de Zas.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, cómpre destacar as igrexas de Gándara, cunha portada románica, as de Zas e Lamas, de estilo gótico, e a de San Pedro no Allo, con portada renancentista. No eido da arquitectura civil destacan os pazos de Romelle e Daneiro e as torres de Allo, situadas no lugar dunha fortaleza destruída en tempos dos Reis Católicos. Destaca tamén a ponte Brandomil, de época medieval pero construída sobre unha base romana. Ademais das festas parroquias celébranse, entre outras, as romarías de Santa Margarida en Muíño, O Carme en Zas e San Cristovo en Baio, as tres no mes de xullo,a de San Roque en Miras no mes de agosto e as de Santo André en Zas en novembro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Terra de Soneira |
| Extensión | 133 Km2 |
| Poboación Total | 5549 h |
| Poboación Homes | 2713 h |
| Poboación Mulleres | 2836 h |
| Densidade de poboación | 41.72 h/Km2 |