Zeltia SA

Zeltia SA

Empresa fundada pola familia Fernández López en 1939 e instalada no Porriño, que se dedica á investigación e fabricación de produtos químicos e farmacéuticos. Está constituída por cinco compañías dedicadas a dous sectores diferentes: o sector biofarmacéutico, ao que pertencen, PharmaMar, compañía biotecnolóxica dedicada a avanzar no tratamento contra o cancro mediante o descubrimento e desenvolvemento de medicamentos innovadores de orixe mariña, Neuropharma, empresa especializada na investigación e desenvolvemento de tratamentos para a enfermidade do Alzheimer e outras enfermidades neurodexenerativas do sistema nervioso, e Genomica, compañía especializada na análise e no diagnóstico molecular; e o sector químico, ao que pertence Zelnova, que se dedica á fabricación de produtos de hixiene e limpeza para o fogar, industria e hostalaría e Xylazel, que se dedica á fabricación de pinturas e vernices. O grupo edita unha revista médica Zeltia, publicada en Santiago de Compostela a partir de 1953, que trata sobre temas científicos, sobre todo os relacionados co progreso farmacéutico e industrial. Recibiu a distinción da Medalla de Prata Galicia 2002.