Zona de Especial Protección para as Aves
Instrumento de protección das aves que se consideran máis ameazadas en Europa e, especialmente, as aves migratorias. Son áreas do territorio necesarias para preservar, manter ou restablecer unha diversidade e unha superficie suficiente de hábitat para todas as aves que se contemplan na Directiva 79/409/CEE (relativa á conservación das aves silvestres) de acordo coas súas esixencias ecolóxicas. En Galicia está composta por 14 zonas cunha superficie total de 71.579 ha (Illas Cíes; Ribadeo; Ría de Ortigueira e Labrido; Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira; Illa de Ons; Serra da Enciña da Lastra; Costa da Morte; Costa de Ferrolterra; Complexo litoral de Corrubedo; Costa da Mariña occidental; Ría de Foz; Ancares e Baixa Limia-Serra do Xurés).