fidelidade

fidelidade

(< lat fidelĭtāte)

  1. s f

    Calidade de fiel.

    Ex: A fidelidade do retrato fai que un crea que é unha fotografía. A fidelidade ós seus amigos mostrábaa con cada acción realizada.

  2. s f [TECNOL]

    Característica dun aparello electrónico relativa á súa capacidade de reproducir diferentes sinais sen introducir ningunha distorsión. É unha característica moi importante dos amplificadores; hainos de gran fidelidade, como os empregados para o son, que deron lugar á técnica da alta fidelidade.

  3. [MAT]
    1. s f

      Calidade das estimacións estatísticas segundo sexa máis ou menos grande o acordo entre os valores obtidos ao longo dun conxunto de experiencias feitas en condicións determinadas, e que se expresa mediante o erro tipo.

    2. coeficiente de fidelidade

      Correlación entre os resultados de dúas utilizacións do mesmo test ou, máis xeralmente, entre os valores de dúas medicións sobre un mesmo obxecto. Foi proposto por Ch. E. Spearman.

  4. s f [BOT]
    1. Grao de preferencia dun taxon por unha comunidade vexetal determinada.

    2. Presencia exclusiva dun taxon nunha comunidade vexetal.

  5. fidelidade de marca [COMUN]

    Lealdade que un consumidor ou usuario manifesta por un produto, marca ou servicio concreto.

  6. xuramento de fidelidade [HIST]

    Xuramento relixioso que o vasalo lle facía ao señor. O señor feudal, co xuramento de fidelitas, asegurábase o cumprimento dos deberes dos seus vasalos, mentres que estes vían reforzada a súa condición de homes libres. Desde a Baixa Idade Media e por influencia do feudalismo francés, pasou a denominarse cerimonia de homenaxe.

Refráns

  • -Fillos, das túas bragas; bois, das túas vacas.
  • A máis non poder, déitate coa túa muller.
  • Á muller casada o seu home lle abasta, se é muller honrada.
  • A muller e a besta, que a empreste quen queira.
  • Á muller e ao souto abóndalles cun dono.
  • Nin ollo en allea carta nin man en allea barba.