FIFA
Organización deportiva que rexe o fútbol a nivel mundial e se responsabiliza da celebración de competicións internacionais como o Campionato Mundial das distintas categorías. A súa sede radica na cidade suíza de Zúric. Fundouse o 21 de maio de 1904 en París, nunha xuntanza na que estiveron representadas as federacións de Francia (pola Union des Sociétés Françaises de Sports Athlétiques), Bélxica (Union Belge des Sociétés de Sports), Dinamarca (Dansk Boldspil Union), Países Baixos (Nederlandsche Voetbal Bond), Suecia (Svenska Bollspells Förbundet) e Suíza (Association Suisse de Football); a España representouna o Madrid Football Club, pois aínda non se constituíra unha federación nacional. Dous días despois, celebrouse o primeiro congreso, no que o francés Robert Guérin foi elixido presidente. Case que un ano despois, o 14 de abril de 1905, a Football Association inglesa (FA) solicitou o seu ingreso. Antes do segundo congreso da FIFA, celebrado en París en xuño de 1905, afiliáronse as asociacións de Alemaña, Austria, Italia, Hungría, Gales e Irlanda. Neste segundo congreso decidiuse organizar unha competición internacional de clubs en 1906, que finalmente non se celebrou. No terceiro congreso, celebrado en 1906 en Berna, o inglés Daniel Burley Woolfall accedeu á presidencia. En 1908 a FA asumiu a organización dun torneo que se incluíu no programa dos Xogos Olímpicos de Londres 1908, no que Inglaterra se proclamou campiona. En Estocolmo 1912 repetiuse a experiencia, que como na anterior concluíu co triunfo inglés. En 1909 ingresou a primeira asociación extraeuropea, a sudafricana. En 1912 ingresaron Arxentina e Chile e en 1913 EE UU. A Primeira Guerra Mundial impediu o desenvolvemento das actividades da FIFA, que se reanudaron en 1919, coa convocatoria dunha asemblea en Bruxelas e en 1920 cunha xuntanza en Anveres, que coincidiu coa celebración do torneo olímpico. O acceso á presidencia do francés Jules Rimet en 1921, significou o comezo dun período de expansión: en 1929, o congreso da FIFA celebrado en Barcelona decidiu conceder a Uruguay, campión olímpico en París 1924 e Amsterdam 1928, a organización do primeiro Campionato Mundial. Malia a escasa participación europea (só acudiron 4 equipos do continente) o torneo da FIFA resultou un éxito e en 1934 (Italia) e 1938 (Francia) celebráronse as seguintes edicións. A Segunda Guerra Mundial paralizou de novo a actividade futbolística internacional, que se reanudou coa celebración do mundial de Brasil 1950. En 1954, Jules Rimet foi substituído polo belga Rodolphe W. Seeldrayers, que finou ao ano seguinte. Na segunda metade do s XX sucedéronse na presidencia os ingleses Arthur Drewry (1955-1961) e Stanley Rous (1961-1974) e o brasileiro João Havelange (1974-1998). Baixo a presidencia deste último a FIFA experimentou un notable desenvolvemento. A Havelange substituíuno o suízo Joseph Blatter, elixido presidente en 1998.