filatelia

filatelia

(< 1 filo- + gr ἀτέλεια ‘exención de impostos’)

  1. s f [FILAT]

    Estudio dos selos de correos e de calquera outro efecto postal.

  2. s f [FILAT]

    Coleccionismo de selos de correo e doutros efectos postais. Aínda que a filatelia se desenvolveu despois da invención do selo de correos, os coleccionistas tamén se interesan polos efectos e marcas postais anteriores a este acontecemento (prefilatelia). O sistema de franqueo previo do correo mediante selos ideouno Rowland Hill, inspector de correos do Reino Unido, pois comprobou que os usuarios empregaban sinais convidos ao consignar os datos do destinatario e do remitente que lles abondaban para coñecer as novas sen necesidade de aceptar a carta e pagar os portes, co conseguinte prexuízo para a tesourería do servicio. Así, unha vez aceptada a proposta de Hill, o Royal Mail emitiu o primeiro selo de correos do mundo, o Penny Black, o 6 de maio de 1840. Un oficial do British Museum, o doutor Gray, comezou a coleccionar as emisións inmediatamente trala súa aparición. A difusión internacional do sistema multiplicou as emisións, feito que animou ao coleccionismo. En París desenvolveuse o método dos filatelistas, coa anotación das características das pezas (marcas de auga, medida, etc). A disciplina pasou axiña a xerar as súas publicacións específicas: así, en 1861 publicouse en Francia o primeiro catálogo, Catalogue de timbres-poste, obra de Poiquet; en 1862, Moens publicou en Bruxelas o primeiro manual do novo coleccionismo, Manuel du collectionneur de timbre-poste; a primeira publicación periódica, a revista mensual The Stamp Collector’s Review and Monthly Advertiser, apareceu en Liverpool en decembro de 1862. En España, onde o primeiro selo se emitiu o 1 de xaneiro de 1850, publicouse en 1864 o Manual del coleccionista de sellos de correos. A expansión da filatelia acadou un notable impulso cando se ampliou o abano de temas escollidos para ilustrar os selos, que nos primeiros exemplares foron retratos dos monarcas (por exemplo, a Raíña Vic22toria de Inglaterra nos británicos e a Raíña Isabel II nos españois), representacións alegóricas do Estado ou simplemente alusións ao servizo postal. Así, a impresión doutros motivos deu orixe a outro xeito de coleccionismo, a filatelia temática, na que o coleccionista se interesa fundamentalmente polos selos dedicados a un tema concreto. A primeira emisión temática española foi a serie dedicada ao Quixote en 1905, composta por 10 selos. O primeiro selo que incluíu o retrato dun persoeiro galego emitiuse en 1930, na serie Pro Unión Iberoamericana, e que conmemoraba os voos do ferrolán Francisco Iglesias Brage, retratado xunto ao seu copiloto e o seu aeroplano. A administración postal da Segunda República dedicoulles selos aos ferroláns Paulo Iglesias (que formou parte da serie básica entre 1932 e 1936, con sete selos de valor facial de 25, 30 e 45 céntimos de peseta) e Concepción Arenal (de 15 céntimos, emitidos en 1934 e 1935). Con anterioridade emitíranse xa selos relacionados indirectamente con Galicia: en 1920, emitiuse unha serie de 13 selos conmemorativos da celebración en Madrid do VII Congreso da Unión Postal Universal, nos que se retrataba a efixie do Rei Afonso XIII sobre o Palacio de Comunicaciones, obra do arquitecto porriñés Antonio Palacios, que volveu representarse en varias ocasións posteriores; as expedicións aeronáuticas do ferrolán Ramón Franco e do dezano Xoaquín Loriga (cos voos ultramariños a Bos Aires e Manila, respectivamente) representáronse en 1926; a nao Santa María, construída na ría de Pontevedra e denominada “La Gallega”, ilustrou selos conmemorativos das exposicións de Barcelona e Sevilla en 1929 (despois figurou en outras moitas emisións españolas e iberoamericanas). O retrato doutro ferrolán, Francisco Franco, instalado na xefatura do Estado trala Guerra Civil, ilustrou as series básicas españolas dende 1939 ata 1975. Durante a guerra, na Imprenta M. Roel de Vigo fixéronse os únicos selos de correos impresos en Galicia, da serie Pro tuberculosos pobres, que se puxeron en circulación en 1937. Tamén en 1937 se emitiu a primeira colección de selos de correos dedicados ao Ano Santo Compostelano, que se converteu nun dos motivos tradicionais da filatelia española.

Palabras veciñas

filárido -da | filariose | filástica | filatelia | filatélico -ca | filatelismo | filatelista