Filoctetes
Heroe tesalio, da península de Magnesia, fillo de Peante e Demonasa (ou Metone). Desde a epopea homérica é o depositario do arco e frechas do seu compañeiro Heracles. Foi pretendente de Helena e participou na expedición contra Troia á fronte de nove naves e cincuenta arqueiros. Con todo, nunca chegaría ao seu destino xa que en Ténedos (ou Crisa) foi trabado no pé por unha serpe, castigo que recibiu, segundo a tradición, por ter rebelado o lugar en que morrera Heracles; a ferida infectóuselle rapidamente e, como consecuencia, foi abandonado na illa deshabitada de Lemnos, onde sobreviviría alimentándose das aves que mataba coas frechas de Heracles. Logo de dez anos aínda non se apoderaran de Troia. Héleno, capturado polos gregos, rebelou que Troia só podía ser tomada coas frechas de Heracles; así que Ulises, que fora o principal instigador do abandono de Filoctetes, marchou desta vez á illa co propósito de convencelo para que regresase a Troia. Ao chegar á súa patria foi curado por Podalirio ou Macaón e aínda participou nos combates ata que se conseguiu tomar Troia. É un personaxe destacado na Odisea de Homero e en obras de Sófocles e Eurípides.