filoloxía

filoloxía

(< lat philologĭa < gr ϕιλολογία)

s f [LING]

Ciencia encargada de fixar, restaurar e comentar textos literarios, segundo a acepción clásica. Na súa versión máis ampla, o obxectivo final é coñecer as civilizacións pasadas a través dos documentos escritos que estas transmitiron, e que permiten comprender e explicar as correspondentes sociedades. Non obstante , na época contemporánea os seus obxectivos ampliáronse sensiblemente. Nesta acepción, a filoloxía ocúpase do estudo da linguaxe e mais da lingua, a literatura e as demais manifestacións da cultura dun determinado pobo, fundamentalmente a través dos textos escritos. Existe unha área común entre a filoloxía e outras ciencias, sobre todo a arqueoloxía e a lingüística. No que se refire á arqueoloxía, a diferenza radica en que esta última utiliza como material de traballo os vestixios materiais, mentres a filoloxía emprega sobre todo os testemuños escritos, e polo tanto converteuse en disciplina complementaria da historia, do mesmo xeito ca a epigrafía, a numismática, a codicoloxía ou a paleografía. A distinción entre filoloxía e lingüística vén dada tanto polas distintas disciplinas en que se apoian cada unha delas como pola particular evolución de filoloxía e lingüística en si mesmas. Desde este último punto de vista, cómpre dicir que a delimitación entre un e outro campo de estudo non se estableceu ata finais do s XIX, cando a lingüística comezou a desenvolverse con entidade de seu. As dúas disciplinas ocúpanse da linguaxe, pero a filoloxía faino para comprender e fixar mellor os textos, mentres a lingüística acostuma centrarse na lingua falada ou escrita, de xeito que os textos, de existiren, serven como modelo para mellor coñecer a lingua. En canto ao obxecto e método, a filoloxía establece os seus alicerces na validez dos documentos cos que traballa, verificando a autenticidade e veracidade dos textos a través dunha crítica tanto interna coma externa dirixida á fixación do texto. Esta realízase a través tanto de técnicas propias, como a comparación con outros textos e coas posibles variantes ou a análise histórica dos manuscritos, coma da utilización de datos externos proporcionados pola lingüística estatística ou a computacional. Xa que logo, a misión principal da filoloxía, na súa acepción tradicional, foi a edición de textos. Este labor racionalizouse de forma importante en tempos recentes, coa axuda do tratamento informático dos materiais e a conseguinte redución dos tempos de traballo e mais a maior manexabilidade de volumes importantes de datos. O labor principal da filoloxía ten sido, especialmente no contexto galego, a edición de textos, sobre todo medievais. Esta filoloxía en sentido estricto equivalería logo á crítica textual, encargada de preparar edicións de textos, sexan de corte paleográfico, crítico ou modernizador. Os estudios de filoloxía galega tardaron en desenvolverse debido ás particulares circunstancias en que viviron a nosa lingua e a nosa cultura; así esta disciplina comezou a desenvolverse de xeito parcial na década de 1960.

Palabras veciñas

filoide | Filolao de Crotona | filólogo -ga | filoloxía | filolóxico -ca | filoma | filomanía