Finlandia

Finlandia

Estado do N de Europa que limita ao L con Rusia, ao N con Noruega e ao O con Suecia (338.145 km2; 5.181.115 h [estim 2000]). O territorio inclúe as illas Åland, un arquipélago con máis de 6.000 illas, situadas no Mar Báltico. Esténdese entre os 60° e 70° de latitude N e os 19° e 32° de lonxitude L. A capital é Helsinqui.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
Xeoloxicamente, Finlandia forma parte do escudo Báltico, no que influíron as alteracións que experimentou a Península Escandinava. O relevo está formado por unha gran chaira constituída principalmente por materiais graníticos e cuberta dunha gran capa de sedimentos fluviais. Non presenta grandes altitudes, sobre todo na metade meridional, onde a altitude media é de 200 m. Ao N a chaira vese alterada por pequenos cumios de 700 m. A existencia de numerosos lagos e depósitos morénicos son o resultado da glaciación cuaternaria. A costa que corresponde ao golfo de Botnia e Finlandia experimentou un lento proceso de emersión que orixinou non só a unión ao continente dunha serie de illotes próximos, senón tamén o desprazamento cara ao interior de antigos portos.
Clima, hidrografía e vexetación
Debido á influencia moderadora das masas de auga que rodean Finlandia, o seu clima é considerablemente menos rigoroso do que correspondería á súa latitude. A temperatura media do mes de xullo na costa é de 15°C e a de xaneiro de 8,9°C. As precipitacións medias oscilan entre 460 mm no N e 710 no S. A neve cobre a superficie durante catro ou cinco meses ao ano no S e uns sete meses no N. A rede fluvial é moi encaixada. Os numerosos ríos son curtos pero con fortes correntes, aproveitados para a produción de enerxía eléctrica: os principais son o Kemi, ao N, e o Luiro, ao S. Os lagos, máis de 60.000, cobren unha superficie de máis de 31.000 km2, case un 10% do territorio, concentrados principalmente na metade meridional. Entre os máis importantes destacan o Päijänne, o Saimaa, Inari e Oulu. Os bosques, onde predominan as coníferas, cobren as tres cuartas partes do territorio, excepto ao N onde predomina a tundra.
Xeografía económica

Economía

En 1998 o PIB finlandés foi de 125.091 millóns $ USA, o que equivale a unha renda per cápita de 24.244 $ USA. A riqueza actual de Finlandia e a súa economía, altamente industrializada, contrastan marcadamente coa situación de 1945. A Segunda Guerra Mundial deixou a Finlandia con importantes problemas económicos, en especial unha elevada inflación, desemprego e unha desfavorable balanza comercial. Posteriormente, o sector industrial expandiuse, sobre todo para satisfacer a demanda da antiga URSS. A finais da década de 1960 a industria ocupaba máis traballadores ca a agricultura. A industria madeireira segue sendo a base da economía, ao achegar o 40% dos ingresos por exportación. Agás as empresas destinadas para uso público, a industria e os negocios son de propiedade privada. A inflación en 1999 era do 12%. A moeda oficial é o euro.
Recursos e sectores de actividade
A agricultura limítase ás rexións costeiras e só o 7% da superficie total está cultivada. O sector primario acusa de forma considerable a adversidade do medio e a metade dos cultivos son cereais. Tamén destacan os cultivos de patacas, azucre e oleaxinosas. A gandería é escasa pola falta de pastos; dela cómpre salientar a cría de gando bovino e porcino. Aproximadamente o 60% dos bosques en Finlandia son de propiedade privada; o goberno central controla a cuarta parte. A corta de árbores que nos últimos anos foi aumentando, comezou a diminuír debido aos plans do goberno para parar a progresiva deforestación que se estaba a producir. A captura de peixe nas súas augas, tanto mariñas como continentais é escasa; por un lado, o pouco grao de salinidade do Mar Báltico afecta ás primeiras e, por outro, as obras hidrolóxicas dificultan a pesca nos ríos. As industrias produtoras de papel e madeira dominan o sector industrial finlandés. O sector secundario ocupa o 28% da poboación. A principios da década dos noventa a produción de papel acadou os 1.300 millóns de toneladas anuais. A produción de madeira serrada supón uns 13.380.000 m3 ao ano. Dende a década de 1990 o sector finlandés das telecomunicacións converteuse nun dos punteiros no mundo, especialmente a súa tecnoloxía de telefonía móbil. Outras industrias importantes son as de produción de maquinaria pesada, metais, embarcacións, alimentos (azucre, leite), bebidas, produtos téxtiles, químicos (plásticos, fibras artificiais), cerámica e materiais de imprenta. En canto aos recursos enerxéticos, destacan a extracción de ferro, xofre, cobre, cromo (7º produtor mundial), cobalto (4º produtor mundial) e prata. Gracias aos seus xacementos, Finlandia dispón do 69% dos recursos enerxéticos que consome, tanto de petróleo e carbón como de gas natural.
Comercio exterior
O comercio exterior presenta un claro balance positivo. A madeira, o papel, a pulpa de papel e os derivados da madeira son os principais produtos de exportación que en 1995 acadaron un valor de 44.524 millóns $ USA. Os clientes máis importantes son EE UU (58%), Alemaña (13%), Suecia (10%), Reino Unido (9%) e Francia (5%). En canto ás importacións, o petróleo, a maquinaria e os alimentos son os principais produtos, que en 1995 acadaron un valor de 32.604 millóns $ USA. Os maiores provedores en 1995 foron EE UU (60%), Alemaña (15%), Rusia (7%) e Xapón (6%).
Transportes e comunicacións
Conta con 77.894 km de estradas (1998), dos cales 49.789 están asfaltados. Nas comunicacións terrestres tamén é importante o ferrocarril, que en 1998 dispoñía de 5.867 km, dos cales 2.197 estaban electrificados. O sistema de canles que conectan os lagos entre si e co golfo de Finlandia, proporciona un transporte barato e eficaz para a industria madeireira. Uns 6.245 km de vías fluviais son navegables (1998). Os principais portos son os de Helsinqui, Turku, Esbo, Pori e Oulu. Conta con dous aeroportos internacionais, en Helsinqui e Turku.
Xeografía humana

Demografía
Finlandia é un dos países menos poboados de Europa. A mediados do s XVIII non alcanzaba os 500.000 h e a comezos do s XIX a súa poboación era de 832.000 h. No s XX a poboación experimentou un forte crecemento, debido sobre todo ao aumento da natalidade. Esta situábase en 1999 no 11,2‰. A esperanza de vida nesa mesma data era de 74 anos para os homes e 81 para as mulleres. Polo que respecta á estrutura por idades, o 18% da poboación é menor de 15 anos, fronte ao 15% maior de 65.
Poboamento
A densidade de poboación é moi baixa (15 h/km2 [2000]). A poboación concéntrase principalmente no S, onde se superan os 90 h/km2, mentres que no N non pasa dos 2 h/km2. A taxa de poboación urbana é do 67,3% (2000). As principais cidades son Helsinqui (920.000 h [1998]), Oulu (151.220 h [2000]) Tampere (250.867 h [2000]) e Turku (256.382 h [2000]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
As linguas oficiais son o finlandés (93,5%) e o sueco. Ademais, tamén se falan outras linguas finougrias (saami ou lapón, carelio e livvi) e indoeuropea (romani).   Non hai unha relixión oficial, e a luterana (85,4%) e a ortodoxa son as máis practicadas. A poboación está composta por finlandeses (92,6%), suecos (5,7%), lapóns (0,1%) e outros grupos minoritarios (0,1%). A educación é obrigatoria entre os 7 e os 16 anos, seis de escolarización primaria e tres de secundaria. Ademais das escolas primarias e secundarias, posúe un amplo sistema educativo para adultos, con escolas superiores, academias populares e institutos de formación profesional. En 1998, 382.746 alumnos asistiron a 3.851 escolas primarias e 479.882 alumnos a secundaria.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a Finlandia entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 10º posto cun índice do 0,925). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 77,4 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 99,0% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 100%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 23.096 $ USA.
Goberno e política
Finlandia é unha república parlamentaria cun sistema político pluripartidista, que se consolidou trala entrada en vigor dunha nova Constitución en marzo do 2000. O poder lexislativo reside no Eduskunta/ Riksdag (Parlamento) unicameral, que conta con 200 deputados elixidos por catro anos mediante sufraxio directo, e entre as súas atribucións figuran a elección do Primeiro Ministro, que será nomeado polo presidente. O Valtioneuvosto (consello de ministros) noméao o Tasavallan Presidentti (presidente da república), trala recomendación do primeiro ministro, e debe contar coa confianza do Parlamento. O poder executivo reside no Tasavallan Presidentti, elixido directamente polo pobo para un período de seis anos, xunto co goberno. O presidente perdeu o monopolio nas relacións exteriores de Finlandia, que pasou a compartir co Valtioneuvosto. O sistema xudicial baséase nas leis civís suecas. Conta co Korkein oikeus (Tribunal Supremo), o Korkein hallinto-oikeus (Tribunal Supremo Administrativo) e o Rovaniemen hoviokikeus (Tribunal de Apelacións). En 1972 aboliuse a pena de morte e acepta con reservas a xurisdición do Tribunal Penal Internacional de Xustiza. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional; Protocolo Facultativo da Convención sobre os Dereitos do Neno relativos á Participación de nenos nos Conflitos Armados; Protocolo Facultativo da Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Segundo Protocolo Facultativo do PIDCP destinado a abolir a pena de morte; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes, e efectuou a declaración prevista no artigo 22 (pola que se recoñece a competencia do Comité contra a Tortura para examinar as denuncias enviadas a título individual); Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Protocolo de Roma para a creación do Tribunal Penal Internacional; Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais (1950); Convenio Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes (1987); e o Sexto Protocolo do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais referente á abolición da pena de morte (1983). As principais formacións políticas son a Suomen Sosialidemokraatinen Puolue/Finlands Socialdemokratiska Parti (Partido Demócrata Social de Finlandia, SDP) fundado en 1899 e dirixido por Paavo Lipponen; Suomen Keskusta/Centern i Finland (Partido Finlandés do Centro, KESK/ CENT) de ideoloxía agraria liberal e liderado por Esko Aho; Kansallinen Kokoomus/Samlingspartiet (Coalición Nacional, KOK/SAML) de ideoloxía conservadora que se fundou en 1918; Vasemmistoliitto/Vänsterförbundet (Alianza de Esquerda, VAS/VÄNST), comunistas dirixidos por Claes Anderson; Vihreä Liitto/Gröna Förbunbet (Liga Verde, VIHR/GRÖNA), grupo ecoloxista fundado en 1988 e dirixido por Pekka Haavisto; Svenska Folkpartiet i Finland/Ruotsalainen Kansanpuolue (Partido do Pobo Sueco en Finlandia, SFP/RKP), grupo liberal dirixido por Ole Norrback que se fundou en 1906; Suomen Kristillinen Liitto/Finlands Kristliga Förbund (Liga de Cristiáns Finlandeses, SKL/FKF) partido democratacristián constituído en 1958 e dirixido por C. P. Bjarne Kallis. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Banca Europea para a Reconstrución e o Desenvolvemento (EBRD); Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE); Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE); Unión Europea (UE); Consello de Europa; Consello Nórdico; e a ONU.
Historia

Os primeiros poboadores
As primeiras evidencias de poboamento nesta área remóntanse ao 7.500 a C e identificáronse con grupos saami ou lapóns, cunha economía que dependía da caza, da pesca e da recolección nos bosques. A partir do 3.000 a C chegaron tribos bálticas orixinarias do S que se instalaron entre o NL do golfo de Botnia e o NO do golfo de Finlandia, e introduciron a cultura do machado de guerra, xunto con elementos propios do Neolítico, como a cerámica con decoración cordada, a cría de animais e a agricultura. Durante a Idade do Bronce (1.500 a C - 500 a C) asentáronse en Finlandia pobos xermánicos procedentes de Escandinavia, e a partir da Idade do Ferro estendéronse tribos escandinavas finougrias procedentes da Europa Central e forzaron o desprazamento dos lapóns cara ao N, ao tempo que se facían co control da maior parte do territorio. Consecuentemente, constituíuse unha sociedade dirixida por un grupo de xefes que formaban a aristocracia e dominaban un amplo grupo de campesiños libres e unha comunidade de servos. A partir do s IX converteuse nunha escala importante dentro do comercio báltico ambicionada por Suecia, e dende comezos do s X os suecos das provincias costeiras asentáronse nas costas do O e do S de Finlandia mentres chegaban os primeiros misioneiros cristiáns.
A conquista e o dominio sueco
En 1150 o Rei Eric IX de Suecia e o bispo de Uppsala Henrik dirixiron unha cruzada na rexión do SO de Finlandia, que tamén ambicionaban os príncipes de Novgorod, e constituíron a primeira sé episcopal en Nousiainen. O poboamento sueco estendeuse e en 1229 fundouse a cidade de Koroinen, preto da actual Turku, que se converteu no principal centro urbano e nova sé episcopal. O rei sueco Birger Magnusson emprendeu unha nova cruzada, entre 1238 e 1249, que se dirixiu cara á provincia interior de Tavastia (Tavastland). Trala conquista sueca, estableceuse o seu ordenamento xurídico e desenvolveuse unha nobreza terratenente, vinculada aos patriarcas relixiosos, que mantivo certa independencia do poder central. Malia as reformas, o campesiñado finlandés conservou a liberdade individual e non se viu sometido ao feudalismo. En 1293 os exércitos suecos chegaron a Carelia e enfrontáronse cos príncipes rusos de Novgorod ata que pola Paz de Pähkinäsaari (1323) repartiron a rexión e definiron a fronteira. O rei sueco Magnus II transformou o territorio finlandés en ducado (1353) e integrouno no reino sueco como unha rexión máis, polo que a partir de 1362 enviaron delegados no proceso de elección do soberano sueco. En 1397 os reinos de Dinamarca, Suecia e Noruega uníronse e formaron a Unión de Kalmar. Durante o s XV os nobres suecos e finlandeses enfrontáronse aos monarcas daneses e rexeitaron os esforzos centralizadores. Trala disolución da Unión de Kalmar (1523), Suecia recuperou a súa independecia e durante o reinado de Gustavo I Vasa a reforma luterana desprazou a Igrexa Católica en Finlandia. A reforma luterana foi ratificada pola Dieta de Vasterås (1527) e contou co apoio do bispo de Turku. O Rei Gustavo I cedeulle o ducado de Finlandia ao seu fillo Xoán, que o transformou en Gran Ducado. Despois de novos enfrontamentos cos rusos (1570), a finais do s XVI o Rei Gustavo II emprendeu unha política centralizadora que suprimiu os vellos privilexios e provocou a resistencia da nobreza finlandesa a pagarlle tributos. Suecia converteuse na gran potencia do Mar Báltico pola Paz de Stolbova (1617) e viviu un período de esplendor durante o que se aproveitou da debilidade de Rusia para estender a fronteira finlandesa cara ao L. A consolidación da administración central sueca no s XVII difundiu o emprego do idioma sueco en Finlandia coa fundación da Universidade Åbo Akademi (1640). A finais do s XVII as constantes guerras contra Rusia e as fames que se sucederon entre 1694 e 1697 acabaron cun terzo da poboación, debilitaron a Finlandia, que perdeu a rexión sudoriental en favor de Rusia, trala Gran Guerra do Norte (1700-1721).
O gran ducado ruso de Finlandia
Despois da derrota definitiva de Suecia fronte aos rusos (1809), Finlandia converteuse nun gran ducado autónomo sometido á administración directa do Tsar Alexandre I. O tsar trasladou a capital a Helsinqui (1812), pero conservou a lexislación derivada do modelo sueco e a súa estrutura social, caracterizada pola liberdade do campesiñado e a relixión luterana. Durante este período desenvolveuse o movemento nacionalista finlandés no que destacaron as figuras de Elias Lönnrot, recompilador do Kalevala, poema épico nacional finlandés, e de J. V. Snellman, que loitou pola promoción da lingua finlandesa. Durante a segunda metade do s XIX prosperou a industria téxtil, a explotación forestal e, sobre todo, a agricultura. No 1860 creouse unha moeda propia, a makka, e dende 1863 a dieta finlandesa reuniuse regularmente e desenvolveu un activo labor lexislativo. Baixo o goberno do Tsar Alexandre II o finés equiparouse co sueco como lingua oficial na administración e creouse un exército propio. Durante o goberno dos tsares Alexandre I e Alexandre II, os partidos políticos rivais, finómanos e suecómanos, adquiriron unha importante autonomía. No reinado de Alexandre III espertouse un fondo resentimento na corte de San Petersburgo polos privilexios do gran ducado de Finlandia, polo que no reinado de Nicolao II emprendeuse unha política de rusificación, perdéronse as liberdades políticas, desapareceu o exército finés e implantouse o ruso como lingua oficial. En 1899 fundouse o SDP, que se fortaleceu pola presenza de Lenin e outros bolxeviques exiliados, e comezou o primeiro período de represión, que rematou coa revolución de 1905 en Rusia, e instituíuse un Parlamento unicameral, elixido por sufraxio universal. Entre 1909 e 1917 a situación empeorou e produciuse un novo período de represión que rematou coa Revolución Bolxevique.
A república independente e a Segunda Guerra Mundial
O 6 de decembro de 1917 o Parlamento aprobou a declaración de independencia, pero inmediatamente se produciron enfrontamentos entre os partidos e a finais de xaneiro de 1918 tivo lugar unha insurrección dos partidos de esquerdas, apoiados polos bolxeviques, que provocou unha guerra civil. O conflito rematou en maio de 1918 co triunfo das tropas leais ao goberno, apoiadas polas tropas alemanas, e instaurouse unha breve monarquía que desapareceu trala derrota de Alemaña na Primera Guerra Mundial. No verán de 1919 instaurouse a república con K. J. Ståhlberg como primeiro presidente. Na década seguinte adoptáronse diversas medidas que buscaban a reconciliación e incluíuse o esquerdista SDP en diversos gabinetes, que incluso formou un goberno en minoría entre 1926 e 1927. En 1929 xurdiu o movemento fascista Lapuan liike, inspirado no modelo italiano, que esixiu a prohibición das actividades comunistas e conseguiu o apoio do Parlamento (1930), pero fracasou nun intento de golpe de estado (1932) e foi prohibido. Non obstante , os sentimentos anticomunistas rexurdiron coa aparición de novos movementos de extrema dereita e as relacións coa URSS entraron nun período de tensións. Trala negativa do goberno de Helsinqui á URSS para establecer bases militares no seu territorio, comezou a Guerra de Inverno o 30 de novembro de 1939, que se prolongou ata a derrota de Finlandia e a firma da paz pola que cedía as provincias do SO á URSS (marzo de 1940). Ao comezo da Segunda Guerra Mundial Finlandia declarouse neutral, pero aceptou que Alemaña empregase o seu territorio para invadir a URSS e deste xeito recuperou, momentaneamente, os territorios que perdera en 1940. Trala ofensiva das forzas soviéticas en 1944, os finlandeses asinaron un armisticio con Moscú e enfrontáronse coas unidades de montaña alemanas instaladas en Laponia ata a paz definitiva na primavera de 1945. Dende 1944 instalouse en Helsinqui unha comisión de control dos aliados, formada por representantes da URSS e do Reino Unido.
A tensa neutralidade da posguerra
Despois da guerra, Finlandia enfrontouse a unha dura situación económica ocasionada pola forte indemnización que lle impuxeran os vencedores. J. K. Paasikivi foi elixido presidente en 1946 e centrou o seu goberno no establecemento de relacións de paz coa URSS. Despois do Tratado de Paz de París (1947), que confirmou os termos do armisticio, Finlandia recibiu presións da URSS, rexeitou a axuda do Plan Marshall e asinou o Tratado de Amizade, Cooperación e Asistencia Recíproca cos soviéticos (1948). En 1950 asinou novos acordos comerciais e de seguridade coa URSS, que se impuxo como principal socio no seu comercio exterior. Esta limitación compensouna pola súa estabilidade como mercado, ao tempo que abastecía de enerxía a Finlandia. Nos anos seguintes o país fortaleceu a súa situación internacional, e en 1955 ingresou na ONU e no Consello Escandinavo. Durante o mandato de J. K. Paasikivi, Finlandia rematou de pagar a débeda de guerra e, trala súa morte, foi elixido presidente Urho Kekkonen (1956). Durante os seus sucesivos gobernos consolidou a posición internacional de neutralidade con medidas como a Conferencia de Seguridad e Cooperación en Europa de Helsinqui (1975). Durante os gobernos de J. K. Paasikivi e Urho Kekkonen, o presidente gozou dun poder excepcional en política exterior, incrementado pola debilidade dos gobernos, que non superaron o promedio dun ano de duración. En 1982 sucedeuno na presidencia Mauno Koivisto, que durante dous gobernos sucesivos tentou manter o equilibrio entre a URSS e as influencias occidentais. Nos seus mandatos produciuse unha limitación do poder presidencial e derrogouse a súa facultade de disolver o Parlamento, ao tempo que se incrementaron as atribucións do Parlamento e do goberno. Na década de 1980 Finlandia desenvolveu a súa industria madeireira, base da súa economía, e favoreceu a industrialización que tirou proveito do activo comercio exterior coa URSS, que absorbía máis do 25% das exportacións. Os cambios na política internacional a finais dos anos oitenta, co colapso do sistema comunista e a disolución da URSS, provocou en Finlandia un incremento na capacidade de manobra da política exterior e permitiu a súa adhesión ao Consello Europeo (1989), mentres experimentaba un paulatino estancamento da economía. Tralas eleccións de 1991, os conservadores do KOK e do KESK formaron un goberno que deixou os socialdemócratas da SDP na oposición. Na primavera de 1987, o KOK e o SDP formaron un goberno de maioría que permaneceu no poder ata 1991. A estabilidade dos gobernos neste período permitiu un fortalecemento nas súas atribucións fronte á figura do presidente. As eleccións lexislativas de 1991 marcaron a fin do predominio do socialdemócrata SDP co acceso ao poder do KESK, liderado por Esko Aho, que formou unha coalición de goberno na que entraron tamén o SFP e o SKL.
A crise económica e a incorporación na UE
A mala situación da economía, afectada pola perda da súa posición privilexiada no mercado soviético trala desmembración da URSS, orixinou un descenso no nivel de vida dos finlandeses e un forte incremento do desemprego, que chegou ao 20% en decembro de 1993. Esta conxuntura obrigou ao goberno a tomar duras medidas económicas que foron contestadas polos traballadores. Finlandia recoñeceu a posición de Rusia como estado continuador da URSS e asinou un tratado de boa veciñanza en 1992, ao tempo que permitía a liberación de Finlandia da súa posición de neutralidade forzada. En 1992 presentou a súa solicitude de admisión na Comunidade Europea, que foi aprobada en maio de 1994 polo Parlamento da Unión Europea (UE) e confirmado por un referendo en outubro dese ano. O candidato do SPD, Martti Ahtisaari, triunfou nas eleccións presidenciais de 1994 e, tralo ingreso na UE, recibiu importantes subsidios para mellorar a situación da gandería, ao tempo que conservaba o monopolio estatal sobre a sanidade. Nas eleccións parlamentarias de 1995, o KESK, cunha importante base rural que constituíra o grupo máis importante no Parlamento, sufriu unha derrota, e o presidente do SPD, Paavo Lipponen, encabezou un goberno integrado polo seu partido, o KOK, a VAS, os verdes do VIHR e o SFP. Este goberno emprendeu reformas para adaptar o país ás estruturas da Unión Europea, e adoptou un plan para reducir as cifras de desemprego e recuperar o crecemento económico. A comezos de 1999 Finlandia asumiu a presidencia da UE por primeira vez e durante seis meses tentou mediar no conflito dos Balcáns e aproximou as relacións entre a UE e Rusia. Nas eleccións de marzo de 1999 o SDP gañou á fronte dunha coalición, e en febreiro de 2000 Tarja Halonen, do SDP, converteuse na primeira presidenta de Finlandia. O 1 de marzo do 2000 aprobouse unha nova Constitución que incrementou o parlamentarismo do goberno finlandés.