fitopatoloxía

fitopatoloxía

(< fito- + patoloxía)

s f [BOT]

Ciencia que estudia as enfermidades das plantas. Xeralmente, a fitopatoloxía restrinxe o seu campo ás enfermidades que causan os virus, os parasitos vexetais (bacterias, fungos ou plantas superiores), os nematodos e os factores ambientais, e deixa para a entomoloxía e a zooloxía aplicadas as enfermidades causadas por artrópodos, moluscos e vertebrados. O nacemento da fitopatoloxía como ciencia tivo lugar na primeira metade do s XIX, grazas ao desenvolvemento da micoloxía e da entomoloxía e ás primeiras probas de control químico. No ano 1807 J. L. Prévost probou conclusivamente que a carie do trigo se debía a un fungo, Tilletia tritici, que produce unhas esporas que se podían destruír pola acción do sulfato de cobre. Os traballos de H. A. de Bary e doutros destacados fitopatólogos da segunda metade do s XIX levaron ao descubrimento das bacterias como parasitos vexetais. No ano 1898 M. W. Beijerinck identificou o axente do mosaico do tabaco como unha entidade infecciosa diferente de todas as que se coñecían, á que deu o nome de virus filtrable. O s XX caracterizouse pola maduración da fitopatoloxía, o descubrimento dos funxicidas e os insecticidas de síntese modernos, a introdución da xenética para a obtención de variedades resistentes e, finalmente, o estudo bioquímico e fisiolóxico das enfermidades. A aplicación de axentes quimioterapéuticos desenvolveuse amplamente, dende os produtos inorgánicos, como sulfatos ou sales metálicos, aos produtos orgánicos de síntese. Moi poucos produtos son propiamente curativos, aínda que os últimos avances da bioquímica vexetal e da bioloxía molecular fan pensar que nun futuro próximo se poden empregar produtos, como moitos derivados fenólicos que se producen polas plantas, en resposta ás infeccións, por exemplo a fitoalexina. O desenvolvemento da xenética permitiu acelerar a obtención de novas variedades resistentes. As achegas da teoría ecolóxica e da dinámica de poboacións ao estudo do ecosistema agrario permitiron o desenvolvemento dos métodos de loita biolóxica ou os sistemas de control integrado. Tamén se coñece como patoloxía vexetal.

Palabras veciñas

fitonimia | fitónimo | fitopaleontoloxía | fitopatoloxía | fitopatoxénese | fitoplancto | fitoquímica