fiúncho

fiúncho

(< lat tardío *fenŭcŭlu)

  1. [PLANTA]
    1. s m

      Herbácea de ata 2 m de altura, de talo estriado, follas lacinadas, tres ou catro veces pinnatisectas, e flores amarelas dispostas nunha umbela de 4 a 30 raios, xeralmente sen brácteas, que dan lugar a froitos en aquenio. É unha planta común en Galicia nas beiras dos camiños. Toda a planta, e especialmente os froitos, cheira a anís e emprégase para dar sabor e aroma ás castañas durante a cocción. É unha das plantas básicas empregadas na noite de San Xoán e na elaboración de maios. Utilízase na medicina popular para tratar as malas dixestións e as inflamacións intestinais.

      Sinónimos: fiollo.
    2. fiúncho bravo

      pirixel mariño.

  2. fiúncho mariño [PROTISTA]

    Alga vermella do xénero Ceramium, de talo filamentoso, de cor vermella escura, dividido de xeito dicotómico e coas finas ramificacións rematadas en pequenas medias lúas. Nas costas galegas están presentes dúas especies: C. ciliatum, de ata 15 cm de lonxitude, con nós provistos de espiñas microscópicas e de esporanxios inmersos nas articulacións, que se presenta epífita ou epilítica nas costas expostas do Atlántico, dende o N de Escocia ata as Islas Canarias; e C. nodulosum, de ata 25 cm de lonxitude, de talo membranáceo e con cistocarpos esféricos, sésiles ou sobre ramificacións curtas laterais, que se localiza sobre pedras e outras algas protexidas na maior parte das costas.

Frases feitas

  • Estar coma un fiúncho. Estar moi delgado.

Palabras veciñas

Fiumicino | fiuncego -ga | fiunchal | fiúncho | fiúza | Five Architects | fixa