Fixi
Estado insular do Pacífico meridional, situado ao N de Nova Zelanda, formado por máis de 300 illas, das cales a terceira parte están habitadas (18.272 km2; 817.000 h [2000]). As principais illas son Viti Levu (70% da poboación), Vanua Levu e Kadavu. A capital é Suva.
Xeografía física
Relevo, climatoloxía, hidrografía e vexetación
As maiores illas son Viti Levu e Vanua Levu, que supoñen máis do 85% da superficie total. A maior parte das illas son de orixe volcánica e o seu relevo é montañoso. A maior elevación é o monte Tomaniivi (1.324 m) en Viti Levu. Numerosos ríos cortan a paisaxe montañosa e nos deltas pódense localizar solos moi fértiles. As illas máis pequenas están formadas por arrecifes de coral e calcarias. O clima é tropical, suavizado polos ventos do SL. A temperatura media anual é de 25°C e cunha precipitación duns 2.540 mm. A vexetación conforma unha densa pluviselva.
Xeografía económica
Economía e sectores de actividade
Dentro da economía é moi importante a agricultura, que dá emprego ao 35% da poboación activa e onde destacan os cultivos de azucre, cocos, arroz, cacao, patacas e tabaco. O sector industrial, co 37% da poboación activa, baséase na transformación de produtos agrícolas, madeireiros e mariños. A caída do PIB nun 12,5% no 2000 influíu de maneira negativa na economía. A inflación en 1998 era do 5,7% e a débeda externa no mesmo ano era de 193 millóns $ USA. Nos últimos anos as reformas fiscais fomentaron o desenvolvemento da industria téxtil. A industria artesanal está moi desenvolvida e entre os seus produtos destacan os cestos, as redes de pesca e a cerámica. A poboación activa en 1999 era de 320.000 h, cunha taxa de desemprego do 5,8% (1996). Fixi posúe importantes reservas de ouro, cunhas exportacións a finais de 1980 de 2.600 kg. O turismo ten na actualidade unha grande importancia económica, xa que se converteu na segunda fonte de divisas (53 millóns $ USA [1997]). A moeda oficial é o dólar fixiano.
Comercio exterior
Fixi ten unha balanza comercial negativa. En 1996 as importacións anuais foron de 736 millóns $ USA e as exportacións de 579 millóns $ USA. As principais importacións son o petróleo, a maquinaria e o equipamento de transportes. Os provedores máis importantes son Australia (41,9%), EE UU (14%), Nova Zelanda (13,3%) e Taiwán (1,9%). As exportacións máis destacadas son o azucre, o ouro, o peixe, a madeira e o aceite de coco. Os principais clientes son Australia (33,1%), EE UU (14,8%), países do Pacífico (8,8%) e Xapón (4,5%).
Transportes e comunicacións
O aeroporto internacional de Nadi, situado na parte occidental de Viti Levu, serve de escala nos servicios transpacíficos. Conta con 3.440 km de estradas, das cales 1.692 están asfaltadas (1996) e 595 km de vías férreas (1995). En canto ás vías navegables só dispón de 203 km (1995) e unha mariña mercante formada por 51 unidades (1999).
Xeografía humana
Demografía e poboamento
Segundo estimacións do 2001 a densidade de poboación é de 44 h/km2. En 1991 a poboación autóctona das illas Fixi constituía aproximadamente o 49% da poboación total e a poboación de orixe india ao redor do 46%. Antes do golpe de estado de 1987, a poboación de orixe india, descendente dos traballadores contratados e traídos desde a India para traballar nas plantacións, eran maioría (49%). A partir de 1987 moitos indios abandonaron Fixi. Suva, situada ao SO de Viti Levu e cunha poboación de 77.366 h no 2000, é a capital, o principal porto e o maior centro comercial das illas. Outras cidades importantes son Lautoka (36.083 h [1997]), Lami (8.601 h h [1997]) e Nadi (9.170 h [1997]).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
Entre a poboación cristiá, ao redor do 53% do total, destacan como grupos maioritarios os metodistas e os católicos. Os hindús comprenden o 39,4% da poboación e os musulmáns o 7,8%. No país existen tamén pequenas minorías que practican o confucianismo. Os principais grupos étnicos son os fixis (51,1%), os indios (43,6%) e os europeos (1,7%). A lingua oficial é o inglés, pero tamén se falan outras linguas como o fixiano, o kiribati e o rotuman (phylum austronesio), e o fixiano hindi (phylum indoeuropeos. En 1992 había matriculados 145.630 estudiantes en ensino primario. A taxa de escolarización en secundaria era en 1996 do 70% e a superior do 13,1%. A principal universidade está en Suva.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a Fixi entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 67º posto cun índice do 0,757). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 68,8 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 92,6% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 84%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 7.799 $ USA.
Goberno e política
Independente dos británicos dende o 10 de outubro de 1970 trala aprobación da Constitución de xullo de 1997, eliminouse a discriminación entre as diversas etnias e definiuse un novo sistema parlamentario e multiétnico. O xefe do estado é o presidente da República, elixido polo Gran Consello de Xefes, un corpo tradicional formado por 70 xefes dos clans melanesios, para un período de cinco anos, mentres que o executivo reside no primeiro ministro e xefe do goberno designado polo presidente. O poder lexislativo represéntao un parlamento bicameral formado pola Vale (Cámara de Representantes) e o Seniti (Senado). A Vale conta con 71 escanos repartidos entre 23 escanos para as etnias de Fixi, 19 para os hindús, 3 xerais, 1 para Rotuma e 25 libres; mentres, o Seniti está formado por 34 membros elixidos para un período de cinco anos e designados polo presidente. Repártense entre 14 membros elixidos polo Gran Consello de Xefes, 9 designados polo primeiro ministro, 9 nomeados polo líder da oposición e 1 representante da illa de Rotuma. O poder xudicial baséase no dereito británico (common law). O seu ordenamento xudicial está presidido pola Corte Suprema. Segundo os informes de Amnistía Internacional, tralo golpe de estado de maio do 2000, máis dun millar de habitantes de Fixi de orixe hindú tiveron que abandonar os seus fogares polas ameazas e os ataques racistas. Ademais, os grupos armados de oposición cometeron abusos contra os dereitos humanos da poboación civil. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo Relativo ao Estatuto dos Refuxiados. Os partidos políticos máis importantes son Fiji Labour Party (FLP, Partido Laborista de Fixi), dirixido por Mahendra Chaudhry; Soqosoqo Duavata ni Lewenivanua (SDL, Partido de Fixi Unido); National Federation Party (NFP, Partido de Federación Nacional), formado principalmente por hindús e liderado por Jai Ram Reddy; Matanitu Vanua (MV, Partido Alianza Conservadora); Soqosoqo no Vakavatuwa ni Taukei (SVT, Organización Parlamentaria dos Indíxenas de Fixi), liderado por Sitivini Rabuka. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Commonwealth, ONU, Comunidade do Pacífico e é membro asociado da UE.
Historia
A orixe do poboamento
Segundo as evidencias arqueolóxicas, o proceso de poboamento produciuse a partir da chegada dun grupo procedente de Vanuatu ou das Illas Salomón Orientais a partir do 1500 a C. Estes poboadores, denominados lapitas polo estilo de cerámica que introduciron, posuían bos coñecementos de navegación e construción de embarcacións. Na súa viaxe trouxeron animais como o porco e diversas especies de plantas comestibles. Nas escavacións localizáronse dous novos estilos cerámicos que permitiron especular con dúas novas ondadas de poboadores. Non obstante , as últimas investigacións propoñen que os novos estilos xurdiron pola chegada de pequenos grupos de inmigrantes que introduciron innovacións culturais. Dende o s X produciuse a chegada de poboación de orixe polinesia, dende Tonga e Samoa, que provocaron un incremento dos enfrontamentos e das guerras. Nesta etapa, a práctica do canibalismo era común e a poboación vivía agrupada en grandes grupos familiares que habitaban núcleos fortificados dirixidos por xefes poligámicos hereditarios.
O descubrimento polos europeos
Descubertas no 1643 polo holandés Abel Janzsoon Tasman, durante o s XVIII foron visitadas polo capitán James Cook (1774) e polo capitán William Bligh (1789 e 1792). A comezos do s XIX comezaron a chegar comerciantes na procura de madeira de sándalo e repentinamente os habitantes tiveron acceso a ferramentas de metal e armas. Dende o 1830 estableceuse un pequeno asentamento de baleeiros e presidiarios fuxidos de Australia en Ovalau, e trala chegada ás illas dun axente comercial dos EE UU (1846), as Fixi convertéronse nun importante enclave comercial do Pacífico Sur. Ao interese dos EE UU engadiuse a presenza de comerciantes franceses e alemáns, feito que provocou o establecemento por parte dos británicos dun representante no arquipélago (1858). Nesta etapa os xefes indíxenas asinaron alianzas con cada unha das potencias estranxeiras segundo as necesidades do momento, mentres que Cabokau, o principal xefe nativo, foi incapaz de frear a inestabilidade e decidiu unirse á coroa británica (10.10.1874).
O dominio británico
Para asegurar o apoio dos xefes locais, os británicos introduciron un sistema administrativo que incorporou á xerarquía preexistente na sociedade á estrutura administrativa. Ao mesmo tempo, o labor de cristinización dos misioneiros serviu como elemento de cohesión e de control social. O gobernador británico sir Arthur Gordon, que buscaba o autoabastecemento, favoreceu o establecemento de plantacións de algodón, copra e cana de azúcre. Para incrementar a produtividade a finais do s XIX contratáronse traballadores da India para as plantacións. Durante as décadas seguintes, a poboación hindú incrementouse ata superar a poboación autóctona melanesia. Cando se aboliu o emprego da man de obra hindú (1919), sumaban máis de 60.000, e fronte ás limitacións para acceder á propiedade de terras, ocupábanse do pequeno comercio, da burocracia e arrendaban granxas. Os australianos dominaron a economía local a través da produción de azúcre e a explotación das minas de ouro, mentres que os británicos manipulaban as tensións raciais entre os fixianos e os hindús para conservar o poder económico e político. En 1937 obtiveron a autonomía e en 1966 o goberno británico promulgou unha Constitución que introducía o sufraxio universal.
A independencia e os conflitos étnicos
En 1970 Fixi acadou a independencia no ámbito da Commonwealth e agravouse o conflito étnico. O multiétnico Alliance Party (AP) de Ratu Kamisese Mara, buscou un equilibrio entre ambas as comunidades pero o seu intento de conxelar os salarios no 1985 orixinou unha forte oposición que levou á creación do FLP de maioría hindú. Nas eleccións de 1987 o AP foi derrotado por unha coalición formada polo FLP e o NFP, tamén de maioría hindú. Pouco despois produciuse un golpe de estado dirixido polo coronel Sitiveni Rabuka (14.5.1987), que suspendeu a Constitución, abandonou a Commonwealth e favoreceu claramente a poboación melanesia, polo que un gran número de hindús abandonaron o país. En 1992 celebráronse novas eleccións, nas que venceu o Fijian Political Party (FPP) de Rabuka, que foi nomeado primeiro ministro e deixou o seu cargo militar para dedicarse á política. O xefe de estado dende 1987, Ratu Penaia Ganilau, morreu no 1993 e foi substituído por Ratu Kamisese Mara o 18 de xaneiro de 1994. Ao ano seguinte o FPP venceu nas eleccións lexislativas, formou un goberno de coalición co FLP e negociou o reingreso na Commonwealth (1997). En 1999 foi elixido un primeiro ministro hindú, Mahendra Chaudhry, que promoveu reformas agrarias rexeitadas polos fixianos ao tempo que reduciu o orzamento destinado aos indíxenas. Estas medidas provocaron un fondo resentimento entre a poboación fixiana que se materializou no movemento Taukei. Despois de meses de protestas contra o goberno, Chaudhry foi derrocado en maio do 2000 por un golpe de estado dirixido por George Speight. Tralo golpe, o presidente Ratu Kamisese Mara decretou o estado de sitio, suspendeu a Constitución e foi destituído polo xefe do exército, o contraalmirante Frank Bainimarama, que se autoproclamou presidente. G. Speight mantivo secuestrado o gabinete de Mahendra Chaudhry ata o 26 de xullo do 2000, mentres F. Bainimarama negociaba co grupo de secuestradores. Trala liberación dos secuestrados formouse un goberno provisional ata as eleccións do 27 de agosto do 2001.