folclore

folclore

(< ingl folklore)

  1. s m

    Conxunto de tradicións musicais, artísticas, culturais, etc e dos costumes dun pobo, das lendas e dos ditos populares.

  2. s m [ETN]

    Estudio das tradicións, costumes, lendas e ditos populares. En 1846 W. J. Thoms, en substitución de Popular Anquities, propuxo o termo folklore, neoloxismo saxón -composto de folk ‘pobo’ e lore ‘saber’- que significa literalmente ‘saber do pobo’. Na concepción de Thoms, o folclore definía o saber popular e a ciencia que estudia ese saber, concretado no pobo baixo analfabeto, que se contrapuña á elite por posuír unha cultura de tradición oral e que se definía polos modais, costumes, supersticións, baladas e proverbios dese pobo. Malia que este termo é recente, o estudo dos costumes e tradicións populares remóntase xa aos tempos clásicos (Descrición de Grecia, de Pausanias). Co florecemento do clasicismo humanista comezou a desvelarse o interese pola vida cotiá dos pobos. Foi o romanticismo, sobre todo o alemán, con Wilhelm e Jacob Grimm, entre outros, o que deu o pulo decisivo ao estudo do folclore. Trala fase romántica veu un período máis positivista e historicista. Co desenvolvemento dos estudios etnolóxicos, sobre todo os da escola inglesa a finais do s XIX, con E. B. Tylor, A. Lang e J. Frazer, o folclore recibiu un impulso de signo naturalista. Neste ámbito cómpre destacar o Handwörterbuch des deutschen Aberglaubens (Dicionario manual da superstición alemana, 1928-1940), editado en dez volumes, de E. Hoffmann-Kraye e H. Bächtold-Stäubli. Na URSS, onde este termo ten o significado restrinxido de literatura popular, cultivaron os estudios folclóricos, investigadores como M. Azadovski, E. Kazarov e V. J. Propp. En Francia sobresae A. van Gennep (1873-1957), que publicou o Manuel de folklore français contemporain, en nove volumes (1937-1958). Co tempo foi ampliando o seu significado, incorporando elementos de cultura social e material (vestido, alimentos, prácticas domésticas e relixiosas, crenzas, ideas, tradicións orais, música, contos, adiviñas, proverbios, etc). Nesta concepción vincúlase, con outras ciencias como a psicanálise, a socioloxía, a etnografía e a historia; ademais, forma parte das ciencias que se encadran na antropoloxía cultural porque estudia feitos pasados ou formas de mentalidade colectivas, comúns a todas as sociedades, e porque aplica métodos de observación directa propios das ciencias antropolóxicas. Con respecto a Galicia, se ben xa no s XVIII Sarmiento e Sobreira realizaran estudios deste tipo, foi Machado Álvarez quen introduciu o termo na Península e fomentou a creación de sociedades para o estudo de feitos folclóricos a partir de 1880. En 1883 creouse por iniciativa de Emilia Pardo Bazán, o Folklore Regional Gallego, logo da fundación en Londres da Folklore Society (1878) -institución que naceu co fin de analizar cientificamente as supervivencias do pasado conservadas na tradición do pobo-. Posteriormente, incrementáronse os materiais compilados, e as sociedades folclóricas hispanas -agrupadas en Folk-Lore Español- publicaron Biblioteca de las tradiciones populares españolas, que contiña o Cancionero popular gallego de José Pérez Ballesteros (1885-1886). Nesta altura destacan tamén os estudios de investigadores como Manuel Murguía, quen recorre ao material pasado (tradicións, lendas, contos, etc) para xustificar a identidade galega. Como compilación de datos destaca tamén Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares de Jesús Rodríguez López. Seguindo unha traxectoria paralela á dos estudios portugueses (Leite de Vasconcelos, Jaime Lopes Dias e J. R. dos Santos) e aos do resto de España (Luis de Hoyos Sainz e Nieves de Hoyos Sancho), os investigadores galegos retoman tamén o concepto orixinal e aluden só á cultura espiritual, fronte á material e os demais aspectos da cultura popular, que se reservan para o termo “etnografía”. Así, desde a súa creación (1923), o Seminario de Estudos Galegos contou cunha sección de etnografía (cultura material, vida social e arte popular) e folclore (crenzas e prácticas relixiosas, mitoloxía popular, lendas, feitizos, ciencia popular, literatura popular, folclore musical). Mesmo, no referente a lendas sobre monumentos prehistóricos, crearon o concepto específico de “folclore arqueolóxico”; como mostra desta concepción, destacan os traballos de Cuevillas e Bouza-Brey (“Prehistoria e Folklore da Barbanza”) e de Vicente Risco (“Da mitoloxía popular galega: os mouros encantados”), publicados na revista Nós. Os investigadores desta época crían, ademais, que as lendas populares conservadas podían reflectir restos de vellos cultos prehistóricos e completar os coñecementos proporcionados a través dos testemuños materiais do pasado, esta idea é a que se manifesta en Os oestrimnios, os Saefes e a ofiolatria en Galicia, de Cuevillas e Bouza-Brey, ou en Geografia General del Reino de Galicia, obra dirixida por F. Carreras Candi, que engloba no concepto de folclore a toponimia popular, lendas e mitos populares, literatura popular (contos, apólogos, adiviñas, refráns, teatro popular, regueifas, cantigas), música e danza, festas e romarías, e relixiosidade popular. Na posguerra destacan as compilacións de contos e lendas populares realizadas por Lois e Leandro Carré Alvarellos, ou os estudios sobre medicina popular de Lis Quibén. Na sección de etnografía e folclore do Instituto P. Sarmiento de Estudios galegos colaboraron V. Risco, Antonio Fraguas, Xaquín Lourenzo ou Xesús Taboada Chivite. Outros traballos de compilación son Escolma de Carballedo de Rielo Carballo ou Cantigueiro popular da Limia Baixa de X. Lourenzo.

  3. folclore musical [MÚS]

    Conxunto de manifestacións musicais populares, vocais ou instrumentais. A materia de estudio principal é a música vogal e a instrumental que serve de acompañamento á vogal ou á danza. Tamén comprende as melodías recitadas, con acompañamento dun instrumento de percusión ou doutro tipo, e que representan un estadio intermedio entre a fala e o canto, e tamén todo tipo de pregóns acompañados de instrumentos rudimentarios. Normalmente se inclúe na etnomusicoloxía, denominada tamén musicoloxía comparativa. O seu coñecemento e revaloración tiveron moita influencia na produción de música culta durante o s XIX e a primeira metade do XX, como no romanticismo, que inspirou, en moitos países europeos, unha consolidación da personalidade nacional con figuras como Claude Debussy, Maurice Ravel, Manuel de Falla ou Béla Bartók.