Fondo Monetario Internacional
Organismo económico das Nacións Unidas creado en 1944 na Conferencia de Bretton Woods. Tiña por obxecto promover a cooperación monetaria e o comercio internacional e facilitar axudas aos países membros que lles permitan equilibrar as súas balanzas de pagos. Os seus membros participan cunha cota anual, que determina o seu número de votos e a proporción da que poden dispoñer dos recursos totais. Desde 1968 emite os dereitos especiais de xiro, unidade de conta utilizada no comercio internacional. Os seus órganos directivos son a Xunta de Gobernadores, autoridade máxima, composta polos ministros de facenda ou gobernadores/presidentes dos bancos centrais dos 184 países membros (2002), o Comité Monetario e Financeiro Internacional e o Directorio Executivo.