fonética
(< gr ϕωνητική ‘ciencia da voz’)
Ciencia que estudia os sons das linguas humanas. Divídese en tres ramas principais: fonética articulatoria, fonética acústica e fonética auditiva. A fonética articulatoria estudia os órganos que interveñen e os xestos realizados para articular cada son lingüístico, mentres que a fonética acústica atende ás propiedades físicas dos sons e a fonética auditiva se encarga de estudar a percepción do son polo oído e o sistema nervioso e a súa interpretación polo cerebro. Polo seu obxecto de estudio, a fonética utiliza técnicas e métodos procedentes de diferentes disciplinas, como a física acústica, a anatomía e a fisioloxía humanas ou a neuroloxía. As observacións sobre a pronuncia das linguas documéntanse desde a Antigüidade, baseadas xeralmente na impresión auditiva e na observación directa dos xestos articulatorios. A maioría das descricións fonéticas tradicionais están realizadas sobre estas bases. A partir de mediados do s XX foi desenvolvéndose e tomando cada vez máis importancia a denominada fonética instrumental, é dicir, o estudo dos sons lingüísticos por medio de instrumentos de rexistro, medida ou análise. Entre as técnicas máis comunmente utilizadas poden mencionarse a espectrografía (técnica de análise dunha secuencia fónica que permite determinar a frecuencia de cada compoñente, así como a duración e a intensidade de cada segmento), a eletropalatografía (técnica para mostrar o contacto entre a lingua e a parte superior da boca mediante a utilización de padais artificiais con sensores que detectan o contacto da lingua) e a radiocinematografía (filmación con raios X dos movementos dos órganos articulatorios durante a fala). O desenvolvemento da fonética permitiu a aparición das chamadas tecnoloxías da fala, como a síntese de voz (creación por medios electrónicos de sons recoñecibles como sons lingüísticos), os conversores texto-voz (programas informáticos que converten un texto escrito nun texto oral) ou os recoñecedores de voz (que permiten a identificación por medio da voz, dar directamente ordes verbais a unha máquina ou transcribir textos orais automaticamente). Desde a segunda metade do s XIX existen observacións sobre a fonética galega, aínda que na maior parte dos casos fragmentarias e pouco precisas. As primeiras descricións completas e feitas por lingüistas adestrados aparecen en traballos sobre falas populares, como o de Hans-Karl Schneider sobre o galego da Limia (1938), ou máis recentemente o de J. Álvaro Porto Dapena, sobre a fala da terra de Ferrol (1977). As gramáticas posteriores engaden descricións fonéticas bastante completas. Non obstante, a fonética instrumental, en estudios sistemáticos e continuados, só se iniciou a partir de 1989. A principal técnica empregada foi a espectrografía. Tamén nos anos 1990 se empezaron a desenvolver as tecnoloxías da fala baseadas no galego.