Fontiñas, As

Fontiñas, As

Polígono residencial do concello de Santiago de Compostela, ao NL da cidade. Construído por iniciativa pública, en 1988 a Xunta de Galicia aprobou o proxecto urbanístico e de regulación da edificación do polígono; daquela, o Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS) propuxo a construción de case que 3.000 vivendas. En 1990 asinouse un acordo marco de cooperación entre a consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas da Xunta de Galicia (COTOP) e o concello de Santiago de Compostela co obxectivo de promover e desenvolver solos urbanizables con capacidade para 1.750 vivendas. Na súa planificación pretendeuse configurar un espazo relativamente autosuficiente no referente aos servicios, e, xunto coas dotacións públicas máis esenciais (centro de saúde e centros escolares), tamén se procedeu á construción dunha gran superficie comercial e de lecer (Área Central, inaugurada en 1993) que, ademais, polo carácter dos establecementos que se localizaron nela (hipermercado, boutiques, salas de cine, locais de restauración, etc) exerce unha grande atracción sobre o resto da área de influencia compostelana. A organización interna do espazo favorece a accesibilidade dende as vías de alta capacidade que circunvalan a cidade. Ademais dos servicios públicos mencionados, cómpre destacar a situación no polígono dos xulgados da cidade, así como das sedes de moitos dos organismos da administración autonómica (Escola Galega de Administración Pública, Instituto Galego da Vivenda e o Solo, Portos de Galicia, Servicio Galego de Promoción da Igualdade entre o Home e a Muller, etc).