foraminífero
Denominación que reciben os protozoos unicelulares mariños ameboides, que moi rara vez exceden 1 mm de lonxitude, e segregan un caparazón calcário -nalgúnhas especies silíceo- dividido en moitas cámaras, no que vive emitindo pseudópodos a través de poros cos que prenden as presas. Nun principio o protozoo ten unha soa cámara e á vez que medra forma unha sucesión de cámaras, cada vez de maior tamaño, ao longo da súa vida. Durante o ciclo vital presentan fases diploides e haploides. Existen unhas 10.000 especies de foraminíferos que habitan todos os ambientes mariños, esteiros e lagoas litorais e das que só unhas 50 viven na columna de auga nos primeiros 100 m e o resto son especies bentónicas que viven sobre os sedimentos ou no seu interior. O conxunto dos foraminíferos que viven nos fondos dos océanos constitúen, probablemente, a maior biomasa animal do planeta. As cunchas das especies planctónicas, ao morrer, van formar parte da lama dos fondo mariño, destacando pola súa abundancia o xénero Globigerina. Algunhas das especies están intimamente ligadas a estreitas condicións de temperatura e salinidade e serven como bioindicadoras das condicións hidrolóxicas. Coñécense miles de especies fósiles de foraminíferos dende o Cámbrico e dado que algunhas formas fósiles son propias de períodos curtos na escala xeolóxica o seu estudo serve para a datación xeolóxica, especialmente útiles nas prospeccións petrolíferas.