formalismo

formalismo

(< formal)

  1. s m

    Coidado excesivo da forma, das normas e das convencións sociais.

    Ex: Non soporto tanto formalismo na mesa.

  2. [FILOS]
    1. s m

      Sistema filosófico que se caracteriza pola importancia que se lle dá ás estruturas xerais dun obxecto, dunha ciencia ou dunha disciplina.

    2. formalismo kantiano

      Sistema metafísico que explica a intelixibilidade da natureza pola forma ou leis do pensamento.

  3. s m [LING]

    Corrente lingüística herdeira do estruturalismo, que concibe a lingua como unha forma pura. O seu máximo representante é Louis Hjelmslev, do Círculo Lingüístico de Copenhaguen, quen propón un enfoque formal para o estudo da linguaxe coñecido como glosemática. L. Hjelmslev leva o estruturalismo ás súas últimas consecuencias, ao delimitar o obxecto de estudo da lingüística ás formas como unidades abstractas, preconizando unha separación radical con respecto á súa base material, os sons no plano da expresión, e a realidade extralingüística no plano do contido. Tanto os sons como a realidade extralingüística formarían parte do que el denomina substancia, que quedaría fóra do campo de interese da lingüística. Segundo esta teoría, o único método de investigación válido é a introspección, é dicir, ao lingüista chégalle co seu propio coñecemento intuitivo e individual da lingua que estudia. En efecto, dado que non interesa o uso real da lingua, desprézase calquera intento de elaboración dun corpus a partir dos datos proporcionados polo falantes (informantes). Contra este idealismo epistemolóxico reaccionouse na segunda metade do s XX e derivouse cara a correntes de corte naturalista e empírico.

  4. s m [LIT]

    Tendencia literaria desenvolvida pola escola de formalistas rusos, que propugna que os contidos das imaxes poéticas se basean nos principios sintácticos, morfolóxicos, rítmicos e métricos que configuran a totalidade do texto poético.

  5. s m [ESPECT]

    Tendencia creativa teatral na que os significantes se sitúan nun primeiro plano, mentres os significados, ou a mensaxe, perden importancia e interese. Debedora dos principios da arte pola arte, esta corrente comezou a coller forza no mundo teatral a partir das primeiras iniciativas do teatro total que formulara Richard Wagner, e das posteriores propostas simbolistas, nas que aspectos como a luz, a música ou o deseño do espazo escénico cobraban especial relevancia, e das indagacións das vangardas históricas. Non obstante , foi nos anos sesenta e setenta cando a investigación formal desenvolveu todas as súas posibilidades cos traballos de creadores como Jerzy Grotowski, Richard Foreman, Robert Wilson ou Jan Fabre.

  6. s m [MAT]

    Doutrina introducida polo matemático alemán David Hilbert que propugna que a ciencia matemática só é un xogo formal con símbolos e regras. A construción dun sistema formal resulta de obter, a partir duns axiomas iniciais, dos que pode non existir ningunha realización concreta, un conxunto consistente de teoremas. Esta doutrina oponse ao loxicismo de Russel e Whitehead, e ao intuicionismo de Brouwer. Tamén se coñece co nome de axiomatismo ou axiomática formal, xa que, a partir duns axiomas iniciais obtéñense un conxunto de teoremas.

  7. s m [ARTE]

    Predominio dos contidos técnicos ou formais sobre os contidos expresivos ou poéticos nunha obra de arte.

Palabras veciñas

formaleta | formalidade | formalina | formalismo | formalista | formalización | formalizar