formiga

formiga

(< lat formica)

  1. s f [ANIMAL]

    Insecto, da orde dos himenópteros, caracterizado por presentar o corpo aparentemente dividido en catro partes: a cabeza, o mesosoma -no que aparecen unidos o tórax e o primeiro segmento abdominal-, o pecíolo -constituído polo segundo e ás veces o terceiro segmento abdominal- e o gastro -que engloba do terceiro ou cuarto ata o sétimo segmento abdominal-. Existen unhas 2.500 especies distribuídas dende os trópicos ata as zonas temperadas, que viven socialmente, organizadas en colonias que poden variar no número dende uns poucos ata máis de 100.000 individuos. As máis das especies contan con castes polimórficas formadas fundamentalmente por femias estériles que fan o labor de obreiras -nalgúns casos especializadas en distintas tarefas-, ou como soldados provistos de fortes mandíbulas. As obreiras son as encargadas de buscar a comida, de manter e agrandar o formigueiro e de coidar das formigas en estado de larva. As formigas trasladan os ovos e as larvas -pequenos vermes ápodos de 13 segmentos-, a distintos sitios do formigueiro, dependendo das condicións de temperatura e humidade, para mantelas xuntas en grupos de distintas idades, para alimentalas e limpalas periodicamente e evitarlles infeccións. Nas formigas cortadoras de follas existe unha gradación de tamaños, dende as poderosas obreiras que defolian nunhas poucas horas unha árbore para transportar en anacos as follas ata o formigueiro, ata as formigas minúsculas que transportan a papa na que outras transformaron as follas para manter o fungo, base da alimentación da colonia. Só os machos e as femias fértiles presentan alas e cando saen para formar novas colonias, en certos momentos do ano, forman grandes enxames procedentes de distintos formigueiros. Os machos teñen unha vida efémera e morren pouco despois de abandonar o formigueiro. Só algúns terán a oportunidade de copular en voo coas femias aladas que, unha vez fertilizadas, tentarán principiar un novo formigueiro logo de aterrar, comer as súas propias alas e localizar ou fabricar unha cavidade onde acubillarse. Esta femia, denominada raíña, coida dos primeiros ovos e larvas ata que emerxen as formiguiñas, máis pequenas ca o tamaño medio das obreiras desa especie, que comezan inmediatamente a procurar alimento para a súa nai. As raíñas dalgunhas especies poden vivir ata 15 anos e só copulan unha vez no voo nupcial, polo que durante toda a súa vida manteñen nun receptáculo especial os espermatozoides.

  2. formiga león [ANIMAL/ENTOM]

Refráns

  • Cada formiga ten a súa irra.
  • Cando a formiga se quere perder, ás novas lle queren nacer.

Palabras veciñas

formícido -da | fórmico -ca | formidable | formiga | formigar | Formigas | formigo