fotocomposición
(< foto- + composición)
Procedemento para compoñer textos que posteriormente se imprimirán con procedementos fotográficos. As primeiras unidades de composición apareceron durante os anos cincuenta e sesenta e consistían nun teclado, que rexistraba sobre unha cinta perforada ou un disco magnético as secuencias do texto e as instrucións de composición gráfica; nun ordenador, que xustificaba cada liña; e nunha unidade fotográfica composta por un disco ou tambor xiratorio sobre o que estaban en negativo inscritos todos os caracteres dunha familia gráfica, que, dun en un, e segundo a secuencia na que foran rexistrados, ao seren iluminados por un flash sincronizado por un procedemento estroboscópico, impresionaban unha superficie fotosensible (película ou papel). A partir dos anos setenta, os avances en electrónica permitiron substituír os xogos de caracteres pola súa codificación en forma dixital, de xeito que o texto introducido mediante un teclado da terminal do ordenador trátase informaticamente e rexístrase na súa memoria. Este conxunto de instrucións son enviadas á unidade fotográfica (ou filmadora) constituída por un tubo de raios catódicos que reproducen o texto sobre a súa pantalla, imaxe que a través dun sistema óptico é transferida sobre o papel ou a película fotosensible. Nos sistemas máis avanzados, un láser modulado polo mesmo sinal impresiona o material sensible facendo un varrido sistemático da superficie. Os sistemas de composición desenvoltos estes últimos anos incorporan tamén un escáner, aparello que pode codificar dixitalmente calquera representación gráfica, tratala informaticamente, e posteriormente rexistrala nunha unidade de memoria de gran capacidade. O texto e as representacións gráficas almacenadas na memoria poden ser visualizadas selectivamente sobre unha pantalla gráfica de alta resolución onde se pode realizar a montaxe electrónica dunha páxina completa (compaxinación por pantalla) segundo o formato desexado. Unha vez memorizada pode ser posteriormente transferida á unidade fotográfica, que produce unha réplica da páxina completa sobre papel fotográfico ou directamente sobre película positiva, que serve para expoñer á luz o clixé; a información tamén pode ser directamente enviada a unha unidade de fotogravado, onde manda a modulación dun láser que impresiona unha placa metálica recuberta dunha película fotosensible, o clixé, que, tratado quimicamente, xa é apto para imprimir.