fotografía
(< foto- + -grafía)
-
s
f
-
[IND/ARTE]
Arte e técnica de obter, por medio da luz ou doutras radiacións electromagnéticas, e de substancias químicas, imaxes permanentes dun obxecto, sobre superficies convenientemente preparadas. Estas imaxes permanentes, chámanse, por extensión, fotografías. Os elementos imprescindibles para realizar unha fotografía son, esencialmente, o material sensible, a cámara fotográfica e o laboratorio fotográfico, que presentan características bastante variables. Segundo que o material sensible empregado permita a obtención de imaxes en cor ou simplemente en branco e negro, pódese falar de fotografía en cor e de fotografía en branco e negro, respectivamente. Unha toma de vista correcta, que ofrece unha imaxe clara e nítida, esixe unha serie de requisitos. Primeiramente, a elección dun material sensible adecuado aos resultados desexados; pódese escoller a presentación do material sensible (película, placa, disco, etc), o tipo de emulsión (película de branco e negro, de cor, instantánea), o tipo de película (negativo, se a imaxe recollida é inversa á real e ten que ser transmitida a un novo material sensible, ou invertible, se a imaxe rexistrada dese lugar, unha vez tratada, á imaxe final, como acontece coa diapositiva ou a transparencia). En segundo lugar, a elección dunha cámara fotográfica que se axuste ás necesidades, e do tipo de obxectivo adecuado (gran angular, ollo de peixe, zoom, teleobxectivo, etc). En terceiro lugar, pódense escoller as condicións óptimas da toma de vista: o enfoque do motivo obxecto, coa intención de que a imaxe formada sexa nítida; a abertura do diafragma, que determina, por unha banda, e xunto coa elección da velocidade de obturación do diafragma, a exposición correcta (calculada mediante un exposímetro ou fotómetro), e doutra banda, a profundidade de campo (alcance do campo obxecto que vai ser fotografado nitidamente). O resultado da toma de vista é o rexistro dunha imaxe latente no material sensible. O tratamento deste consta do revelado e da fixación, e consiste nunha serie de reaccións químicas entre os reveladores ou fixadores e a emulsión do material sensible. As operacións finais son unhas ou outras segundo a fotografía sexa en branco e negro ou en cor. Na fotografía en branco e negro, o material sensible consiste nunha emulsión ortocromática (sensible a todas as cores, agás o vermello e o laranxa) ou pancromática. O tratamento consta, basicamente, do revelado (inmersión da película exposta nun baño revelador), que transforma a imaxe latente nun negativo, e a fixación, que elimina as compoñentes da emulsión aínda sensibles á luz. A partir do negativo, obtense, por proxección mediante unha ampliadora, un positivo do negativo sobre un papel sensible á luz. O revelado e a fixación deste, como tamén o secado (e, nalgúns casos, esmaltado) posteriores, dan lugar á fotografía, que é o produto final de todo o proceso. A base da fotografía en cor é o feito que a mestura de tres cores, escollidos adecuadamente, permite reproducir unha cor calquera se se combina en certas proporcións. Aínda que inicialmente se empregou a mestura aditiva de cores, utilízase, actualmente, a mestura subtractiva de cores como o principio fundamental da fotografía en cor. O proceso subtractivo consiste, esencialmente, en obter dun obxecto imaxes monocromas en tres cores complementarias (amarelo, maxenta e cian), rexistradas sobre tres capas fotosensibles da película fotográfica. A superposición das tres imaxes dará lugar finalmente á imaxe en cor.
Historia da fotografía
Os inicios da fotografía remóntanse á invención da cámara estenopeica e da cámara escura, esta última atribuída a Leonardo da Vinci, ou ben ás primeiras experiencias de obtención de imaxes causadas polo cambio químico dalgunha substancia fotosensible. Cómpre destacar, xa que logo, as contribucións do alemán Johann Schulze (finais do s XVIII) e dos británicos Thomas Wedgwood (1800) e Humphry Davy. Con todo, pode considerarse que a fotografía naceu en 1816 ao conseguir J. N. Niépce unha imaxe mediante o emprego dunha cámara escura e un proceso fotoquímico baseado na exposición á luz dunha placa impregnada de betume de Xudea; a palabra ‘fotografía’ foi tamén cuñada por Niépce. Pero o que realmente Niépce perseguía con este descubrimento, que chamou heliógrafo, era un procedemento para mellorar a calidade das litografías e non precisamente un novo medio de expresión. Foi Daguerre quen se percatou das posibilidades propias do novo procedemento, unha nova versión que foi rebautizada co nome de daguerrotipia, inventada entre 1837 e 1839, que deu paso á práctica do retrato. Os condicionamentos impostos pola primitiva tecnoloxía fotográfica determinaron que durante bastantes anos fose moito máis importante a achega técnica e científica na fotografía que nos avances estéticos. Foron os inventores, polo tanto, os que deron un impulso decisivo á fotografía: entre 1835 e 1841, o inglés W. H. Fox Talbot inventou a calotipia, tamén chamada talbotipia; en 1851 G. Le Gray e Scott Archer inventaron o colodión húmido (1851), que xa empregaba placas de vidro en lugar de negativos de papel translúcido. Foi precisamente co colodión que Roger Fenton fixo a máis completa reportaxe sobre a Guerra de Crimea (1855); seis anos despois, Mattew Brady e os seus axudantes fotografaron a Guerra de Secesión norteamericana. Este, sen embargo, arruinouse na empresa, posto que o fotogravado non se inventara aínda e á prensa da época resultáballe imposible publicar as fotografías. Ao mesmo tempo, os primeiros artistas fotográficos fixeron a súa obra: Julia Margaret Cameron, Gaspard-Felix Tournachon Nadar, Timothy O’Sullivan, etc. Os mesmos fotógrafos puxeron en perigo a fotografía como medio expresivo ao querer demostrar, imitando composicións pitóricas, que era unha arte (pictorialismo). Contra todo isto alzouse a voz de Peter Henry Emerson, que propugnou unha fotografía orientada cara á fiel representación da realidade, tal e como publicou no seu Naturalistic Photography (1889). Poucos anos antes (1882), iniciárase a fabricación de placas con material ortocromático sensible que xa pode ser clasificado como actual, xa que aínda se fabrican materiais negativos deste tipo. O principal progreso representado polo material ortocromático está na posibilidade de efectuar instantáneas cunha exposición bastante curta, xa que se trataba de placas moito máis sensibles á luz ca o colodión húmido. Outra mellora importante era que non se precisaba emulsionar a placa antes de facer o retrato e que se podía continuar facendo outros sen ter que revelar todas as placas impresionadas. Con todo, o equipo necesario para fotografar alixeirouse considerablemente e deu paso co tempo a unha auténtica división no traballo fotográfico, xa que a captación de imaxes coa cámara e o traballo de laboratorio quedaron claramente diferenciados (co colodión, o fotógrafo debía de levar todo un laboratorio de campaña cando realizaba fotografías fóra do seu estudio). Ao redor de 1884 o inventor norteamericano George Eastman patentou unha película que consistía nunha tira de papel recuberta dunha emulsión sensible. En 1889 creou a primeira película flexible e transparente en forma de tiras de nitrato de celulosa. Simultaneamente a estes progresos, apareceron as películas en rolo, que permitiron facer máis dunha fotografía sen ter que cambiar de película; perfeccionáronse tamén as máquinas e, sobre todo, experimentou un notable progreso a construción de obxectivos, principalmente dende que comezou a súa fabricación, iniciada por F. O. Schott en 1884, e construíuse o primeiro obxectivo anastigmático, o triplete de Cooke. Provistos destes novos elementos técnicos, os fotógrafos conseguiron levar xa a súa arte por un camiño propio e, a partir dese momento, en estreita colaboración co xornalismo e as imprentas. Jacob A. Riis, Johan Thomson, Adolphe Smith, Jean Atget, Jacques-Henri Lartigue, Alfred Stieglitz e Edward Steichen, entre outros, conseguiron, a cabalo entre dous séculos, o obxectivo proposto para a fotografía nun famoso editorial do British Journal of Photography do ano 1889: “Dar unha imaxe o máis completa posible do mundo no seu estado actual”. Este propósito precisaba a colaboración de diferentes puntos de vista, incluso opostos, polo que a fotografía se dividiu progresivamente en especialidades máis e máis diferenciadas. Fotógrafo deixou de ser sinónimo de retratista, xa que apareceron con personalidade propia diversas ramas como a fotografía industrial, a publicitaria, a de modas, a xornalística, a científica, etc. Con todo, o retrato seguiu a considerarse como unha especialidade, aínda que, desgraciadamente, a evolución do xénero non foi seguida por moitos retratistas, que ignoran o que vai dende Daguerre ata Jean-Loup Sieff, por exemplo, pasando por Disderi, Cameron, Carrol, Nadar, Stiegliz, Beaton, Ortiz Echagüe, Brandt, Halsman e Avedon, entre outros moitos. O triunfo do fotogravado nas artes gráficas ofreceu á fotografía un campo insospeitado de difusión, inaccesible por ela mesma, que representa para os fotógrafos unha importantísima demanda de traballo, centrada en tres apartados: xornalismo, ilustración de libros e publicidade. A continua mellora de aparellos e emulsións permite facer fronte ás esixencias dos consumidores. A introdución de material pancromático a partir de 1906, cunha mellor tradución en grises da escala cromática, como tamén o primeiro procedemento aceptable de cor en 1907, as placas autocrómicas dos irmáns Auguste e Louis Lumière, iniciaron unha etapa de progreso tecnolóxico na fotografía. A isto sumouse a chegada das máquinas de pequeno formato a partir dos satisfactorios resultados obtidos coa cámara Leica, deseñada por Oscar Barnack en 1914, culminou co éxito definitivo das cámaras réflex, iniciado en 1936 co sistema Exakta d’Ihagee, e a súa ampla panoplia de accesorios e obxectivos, dende os angulares ollos de peixe ata os superteleobxectivos catadióptricos de 5.000 mm de distancia focal, pasando por obxectivos especiais para a microfotografía e a macrofotografía, as cámaras telescópicas, etc. A aparición da película de cor Kodachrome en 1935 e de Agfacolor en 1936, coas que se podían obter transparencias e diapositivas en cor, marcou o inicio da fotografía en cor, que se confirmou coa chegada da película Kodacolor en 1941. O período de entreguerras (1920-1940), caracterizado polo nacemento de movementos vangardistas en todas as artes, deu en fotografía concepcións tan diversas como as de Man Ray e os seus fotogramas, John Heartfield e as súas fotomontaxes de propaganda política, Edward Weston e o seu paisaxismo timidamente surrealista, o naturalismo amable de Henri Cartier-Bresson, a fotografía testemuñal de Robert Capa, o subxectivismo de Otto Steinert, etc. Tamén neses anos viron a luz en EE UU as revistas Life e Look, e en Gran Bretaña Pic22ture Post, nos que foron aparecendo as firmas máis relevantes de todo o panorama fotográfico. No apartado técnico cómpre salientar a invención da cámara Polaroid Land, baseada nun sistema fotográfico descuberto polo físico norteamericano Edwin H. Land, co que se garantiza un revelado inmediato da fotografía poucos minutos despois de realizala. Ademais, os novos procedementos industriais permitiron elevar a velocidade e a sensibilidade á luz das películas en cor e branco e negro (de 100 ISO a 5.000 ISO). A Segunda Guerra Mundial deu prioridade á fotografía de reportaxe e á propagandística, algo que, posteriormente, continuou, coa mitificación popular do reporteiro (en filmes como The Window, de Ted Tezlaff, con James Steward, 1948), e do fotógrafo publicitario e de modas (Blow-up, de Antonioni, 1967; Qui êtes-vous, Polly Magoo?, de William Klein, 1967), que foron os que produciron a obra fotográfica que chega ao público. Richard Avedon, San Haskins, William Klein, Ed van der Elsken, Bob Adelman, Andreas Feininger, Pepi Merisio, Kishin Shinoyama, Jean-Loup Sieff, entre moitos outros, son nomes que resultan familiares para o público en xeral gracias ás publicacións ilustradas polos seus traballos. Outros fotógrafos relevantes deses anos e relacionados co periodismo gráfico foron Tina Modotti e Agustín V. Casasola. Con respecto a outros fotógrafos, a súa obra resulta anónima, traballan na industria e nos laboratorios de investigación realizando fotografías como un instrumento de observación e rexistro para a ciencia e a técnica e, ás veces, alcanzan resultados dunha gran beleza. Algúns conseguiron unha xusta fama, como o sueco Lennart Nilsson, coa súa documentación sobre o desenvolvemento do feto humano. A partir de 1960 introduciuse a película Itek RS, que permitía empregar produtos químicos máis económicos coma o cinc, o sulfuro de cadmio e o óxido de titanio, en trosques dos compostos de prata. O momento actual da fotografía caracterízase por un gran perfeccionamento técnico e polo feito de atravesar por un período de crise expresiva, eco da crise iniciada pola pintura e que tamén experimentou o cine. Diante disto, algúns fotógrafos adoptan unha actitude de investigación plástica, sobre todo polo que se refire á utilización da cor, pero que a miúdo queda nun puro formalismo. Por outra banda, a partir dun estudo serio da obra dos grandes mestres, tentar dar unha visión persoal do mundo. No campo da reportaxe, destacaron Fulvio Roiter, Ernst Haas, Cartier Bresson e J. Henri Lartigue, e no campo da fotografía publicitaria, Christian Vogt, Gruy Bourdin, Helmut Newton, David Bailey e François Guillet. Os avances no campo da informática facilitou, en gran medida, a resolución de problemas matemáticos no deseño das lentes. Nos últimos tempos, perfeccionáronse as técnicas fotográficas denominadas schlieren e magnética. Na primeira as fotografías realízanse a alta velocidade para tentar estudar os fluídos en movemento. A segunda é un rexistro e reprodución de imaxes análogo ao vídeo. Ao final dos anos oitenta do s XX, os fabricantes lanzaron ao mercado cámaras con detonador electrónico de velocidade variable continua. A fotografía creativa durante eses anos vese moi influenciada por todas as imaxes artísticas do pasado e tamén polo mundo visual procedente dos medios de comunicación e a publicidade. Abandonouse o documentalismo e o seguimento da realidade en favor dun subxectivismo exacerbado que tentaba romper os hábitos da visión. Nos últimos tempos a fotografía afirmouse como medio artístico e numerosos museos do mundo posúen importantes coleccións fotográficas, algúns deles especializados, como o International Museum of Photography de Rochester, en Nova York, o International Center of Photography de Nova York, o Museum of Photographic Arts de San Diego, en California, o Centre Pompidou de París e o Instituto Valenciano de Arte Moderno (IVAM). No eido cinematográfico, cómpre salientar a importancia dos directores de fotografía, encargados do control e definición de todo o que contribúe á calidade visual do filme. Entre os pioneiros figuran George Barnes, Karl Struss, Arthur Edeson, Karl Freund, Joseph H. August, Lee Garmes, Tony Gaudio, Bert Glennon, George Folsey, Charles Rosher, William H. Daniels e Vic22tor Milner. Co desenvolvemento do cine en cor destacaron William V. Skall, Ray Rennahan, Howard Greene, Ernest Haller e Gregg Toland. A mediados dos sesenta desenvolveron o seu labor unha serie de profesionais que viviron unha época de profundos cambios en Hollywood e entre os que cómpre subliñar a Robert Burks, John Alcott, John Alton, William H. Clothier, Jack Cardiff, Burnett Guffey, Russell Harlam, Winton C. Hoch, Milton Krasner, Joseph La Shelle, Ernest Laszlo ou Arthur C. Miller. Polo que se refire á fotografía de afeccionados, que durante moito tempo non se podía distinguir da profesional, o seu gran desenvolvemento arranca da máquina Kodak-100, de 1888. Deixando á parte a chamada fotografía familiar, actualmente a fotografía de afeccionados só se diferencia da profesional pola compensación económica, posto que os aparellos, os materiais e a calidade dos resultados son moi semellantes. -
Artigos fotográficos.
Ex: Abriron unha tenda de fotografía na miña rúa.
-
[IND/ARTE]
-
s
f
Reprodución dunha imaxe mediante o procedemento da fotografía, especialmente a copia ou positivo. OBS: Nesta acepción adóitase empregar a forma foto.
Ex: Garda as fotografías da viaxe no álbum.
-
s
f
Representación ou descrición de algo ou alguén que semella unha fotografía.
Ex: A novela é unha fotografía distorsionada deses acontecementos históricos.
-
fotografía aérea
[XEOG]
Fotografía vertical ou oblicua da superficie terrestre que se obtén dende un avión ou nave espacial. Tómase en bandas ou pasadas paralelas que se sobrepoñen para crear despois un mosaico.