fotomecánica
(< fotomecánico)
Conxunto de procedementos fotográficos e electrónicos empregados para reproducir ilustracións. A técnica empregada en offset é sensiblemente igual á utilizada no fotogravado, salvo que xeralmente se traballa con positivos do orixinal. Actualmente utilízanse analizadores cromáticos (escáners) que exploran a ilustración orixinal cunha técnica de varrido. Cada punto da imaxe explorada (píxel) reflite, se é opaco, ou deixa pasar unha certa cantidade de luz proporcional á súa luminosidade, se é transparente. Esta luz actúa sobre un dispositivo CCD que emite un sinal eléctrico que é tratado por un ordenador. A continuación o sinal pasa a modular un dispositivo láser que impresiona as tres películas a partir das cales podemos expoñer á luz, respectivamente, os clixés correspondentes a cada unha das tintas de imprenta (amarela, cian e maxenta). Na práctica, sen embargo, exponse á luz unha cuarta película, á que lle corresponde a cor negra, obtendo así unha reprodución en cuadricromía, que gaña en canto á saturación da cor negra e en definición da imaxe.