fotoperíodo
(< foto- + período)
Duración relativa dos períodos de claridade e de escuridade diarios a que están sometidos os organismos. Nas plantas, o pigmento responsable da resposta ao fotoperíodo é o fitocromo. O fotoperíodo inflúe sobre moitos procesos fisiolóxicos das plantas, como na floración; así, as plantas que se denominan de día longo necesitan un mínimo de horas de claridade para que exista unha elevada proporción de fitocromo activo, que é o que lles permite a síntese da xiberelina; as plantas de día curto, por contra, non poden sobrepasar un máximo de horas de claridade, pois para florecer necesitan un baixo contido de fitocromo. O fotoperíodo tamén induce ou inhibe a xerminación das sementes na maioría dos casos. Nos animais o fotoperíodo inflúe sobre procesos fisiolóxicos como a cría, a madurez sexual ou a migración.