mitilicultura
(< mitili- + -cultura)
Cría industrial de mexillón e de especies afíns, onde o home se limita a proporcionar un substrato artificial axeitado para a fixación das larvas planctónicas durante a época da reprodución (inverno). Diferéncianse tres modalidades de cultivo: sobre o fondo, sobre estacas cravadas ou sobre cordas de bateas flotantes. No primeiro caso, fíxase o animal directamente á area, o que é perigoso polo fácil acceso dos depredadores. No segundo método, os mexillóns fíxanse ás estacas, que se cravan na zona intermareal; este método é moi común en Francia. O método das bateas é o que achega mellores resultados, xa que o animal permanece sempre sumerxido e separado do fondo, de tal xeito que pode alimentarse cando quiera e ademais está fóra do alcance dos depredadores, e é o que se utiliza, entre outros, en Galicia. O proceso de cultivo do mexillón divídese en varias etapas: en primeiro lugar está a obtención da semente a partir das rochas do litoral, entre outubro e abril, ou mediante colectores, cordas que se colgan das bateas para captar as larvas, entre marzo e xuño; despois ten lugar o encordado, onde a semente, de 1-2 cm, se envolve sobre a corda cunha fina rede de raión, que se descompón aos poucos días, tras fixarse o mexillón ás cordas; posteriormente, aos 4-6 meses, ten lugar o desdobre, proceso durante o que se confeccionan novas cordas de menor densidade de mexillóns, de tal xeito que por cada corda de semente se obteñen tres cordas de desdobramento; por último, transcorrido aproximadamente un ano, ten lugar a colleita e selección dos mexillóns, que xa teñen o talle comercial. O período de colleita pode ser en verán, se o mexillón vai destinado á conserva e conxelados, ou durante o outono e inverno, se vai ser consumido fresco. O cultivo de mexillón en Galicia, tal e como o entendemos actualmente, remóntase a mediados do s XVIII, pero o seu gran desenvolvemento tivo lugar durante mediados do s XX, coa implantación do sistema de bateas, que se ben nun principio utilizaba materiais máis facilmente degradables, en poucos anos foron susbtituídos por outros de maior durabilidade. A produción do cultivo de mexillón en Galicia supón máis do 40% da produción europea, e máis da metade da produción mundial. En mitilicultura cultívanse diferentes especies de mexillóns segundo os diferentes países; en Galicia cultívase a Mytilus galloprovincialis, amparada baixo a D.O.P Mexillón de Galicia. OBS: Tamén se denomina miticultura.