Mitridates VI do Ponto
Mitridates VI do Ponto
Eupátor (Ponto 132? - 63 a C) Rei do Ponto (111-63 a C), fillo de Mitridates V Everxete. Como rei do Bósforo cimerio, aliouse con Nicomedes III e conquistou Paflagonia. Desde 89 a C, a invasión do Ponto abriu o gran período de guerras entre Mitridates e os romanos. En 87 a C, Lucio Cornelio Sula desembarcou en Grecia, someteu Atenas e obrigou ao monarca póntico a asinar a paz (84 a C). A guerra recomezou coa anexión de Bitinia feita polos romanos (74 a C) e, malia que no primeiro momento foi favorable a estes, reportoulle despois moitos éxitos a Mitridates (68-67 a C), ata que interveu Cneo Pompeio. Mitridates reuniu un exército no Bósforo e intentou apoderarse de Italia, pero a revolta do seu fillo Farnaces II levouno ao suicidio.