Moaña

Moaña


Concello da comarca do Morrazo, situado ao O de Galicia e ao centro-oeste da provincia de Pontevedra. A súa posición xeográfica é latitude 42° 16’ N e lonxitude 8° 44’ O. Limita ao N co concello de Marín (comarca do Morrazo), ao L co de Vilaboa (comarca de Pontevedra), ao S coa ría de Vigo e ao O cos concellos de Cangas e Bueu (comarca do Morrazo). Abrangue unha superficie de 35,1 km 2 nos que acolle unha poboación de 18.587 h (2007), distribuída nas parroquias de Domaio, Meira, Moaña (San Martiño), Moaña (Virxe do Carme) e Tirán. A capital municipal, a vila de Moaña, localízase a 26 km ao O da cidade de Pontevedra e a 85 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Cangas do Morrazo.
Xeografía física
Moaña está situada na ría de Vigo, bañada polo Atlántico interior ao longo de todo o seu perfil costeiro de 19,5 km de lonxitude. Forma parte da península do Morrazo, que divide as rías de Vigo e Pontevedra. Ocupa a vertente S da serra de Domaio e presenta dúas áreas diferenciadas, o cumio e a ladeira. O concello disponse en sucesivas pendentes que forman montes e vales por onde circulan os principais ríos. Esténdese baixo a aba do monte Xaxán, lugar no que está situado o pico de Domaio, o cumio máis alto do Morrazo con 622 m. É un territorio xeograficamente accidentado, feito que permite en pequenas distancias pasar dunha paisaxe de mar á de monte, vales ou ríos. A liña de cumios é de formas chás e moi erosionadas e preséntase cortada por múltiples cabeceiras de val. O relevo suavízase a medida que nos achegamos ao mar, para rematar nunha accidentada liña de costa que dá abrigo a numerosas praias. Climaticamente entra dentro do dominio oceánico húmido. As temperaturas son temperadas ao longo do ano pola acción oceánica. A temperatura media anual é de 15°C. O mes máis frío é xaneiro con 9,3°C de media, mentres que o máis quente é xullo con 19,4°C. A oscilación térmica é de 10,1°C, unha débil variación a causa da influencia marítima. As precipitacións son elevadas, 1.423 mm anuais. A situación aberta ao mar favorece a entrada dos ventos húmidos do SO que, xunto á disposición dos relevos prelitorais, determinan chuvias frecuentes. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno, co 36,5% do total anual. A mínima rexístrase en verán, cunha media do 7,7% das precipitacións totais. Presenta un déficit hídrico estival nos meses de xuño, xullo e agosto pola protección que o relevo fai dos ventos do N. A rede fluvial é moi densa, e está formada por múltiples arroios e ríos. Os principais son o Pontillón, o Fraga, o Faro e o Muíño, que nacen no Faro de Domaio e no Chan da Gola e desembocan na ría de Vigo. A intensa ocupación humana do concello limita a extensión correspondente á vexetación natural. O mato crece na liña de cumios e nas abas predominan os piñeiros e eucaliptos de repoboación. Sobreviven exemplos de vexetación autóctona, como a carballeira de Bronlle. Tamén comparte cos concellos de Cangas e Bueu o espazo natural protexido da carballeira de Coiro.
Xeografía humana
O concello de Moaña contaba en 1900 cunha poboación de 6.091 h mentres que no padrón do 2007 alcanzaba os 18.587. Durante o s XX experimentou pois un forte crecemento do 190,3%. De feito, en todos os períodos intercensuais Moaña aumentou a poboación, coa única excepción do intervalo transcorrido entre 1940 e 1950 cando coñeceu unha recesión debida á posguerra e á crise económica desta época. Ata a Guerra Civil, unha forte natalidade explica o constante crecemento poboacional de Moaña, un incremento sostido polo desenvolvemento económico que permitiu relativizar o efecto da emigración. Entre 1950 e 1960, o concello volve aumentar a súa poboación debido a un movemento natural moi positivo. Entre 1960 e 1970 a poboación incrementouse nun 18,25% grazas ao desenvolvemento económico mediante a expansión pesqueira, o empuxe da construción naval e as oportunidades abertas polo crecemento da cidade de Vigo. Este crecemento demográfico mantívose, aínda que reducido, entre 1970 e 1981, pola crise industrial da segunda metade da década de 1970. Crise que se mantivo nos anos vindeiros, aínda que seguiu aumentando demograficamente pero de forma máis restrinxida. Esta dinámica de crecemento demográfico moderado mantense a comezos do s XXI, tanto por un movemento natural lixeiramente positivo como por un saldo migratorio favorable. O crecemento vexetativo do concello é do 1,3‰. A taxa de natalidade, seguindo o modelo galego, preséntase como baixa, do 9,5‰, pero o carácter pouco envellecido da poboación provoca que a mortalidade tamén sexa pequena, cunha taxa do 8,2‰. A poboación ata os 20 anos supón o 18,1% do total (superior á media provincial). Os maiores de 65 anos representan o 16,7% (menor á media provincial). O grupo dos adultos é o maioritario co 65,2%, no que predominan os adultos novos. A distribución por sexos amosa unha maioría de mulleres, que constitúen o 51,15% da poboación (os homes son o 48,84%). O hábitat humano caracterízase por un sistema de corredor á beira da ría xa que toda a costa moañesa está ocupada nun continuo urbanizado no que reside a maioría da poboación. A proporción superior das vivendas principais demostra a forte ocupación humana do concello, en especial da súa costa. As residencias secundarias xogan un papel menor, soen pertencer a moañeses que traballan en Vigo e manteñen a súa casa no concello. As vivendas baleiras sitúanse nas aldeas do interior do concello que non participaron do desenvolvemento económico de Moaña.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Moaña é do 57% (68,1% a feminina e 46,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 48,9% (60,8% a masculina e 37,9% a feminina); e a taxa de paro é do 14,2% (10,7% a masculina e 18,9% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos é bastante equilibrada. O secundario emprega a maior porcentaxe da poboación ocupada, un 41,3%,a mesma propoción que no sector servizos, e o primario o 17,3%, principalmente traballadores do sector pesqueiro (15,8% do total). Economicamente sitúase no ámbito de influencia de Vigo, especialmente desde a construción da ponte de Rande, que facilita o tránsito das persoas activas que traballan en Vigo. Ademais, esta cidade cobre as demandas comerciais e de servizos especializados dos moañeses. No ámbito funcional Moaña tamén presenta unha dependencia coa próxima vila de Cangas, ao tempo que os servizos máis básicos se localizan dentro do propio concello. Moaña conta cunha estrutura produtiva diversificada moi relacionada co mar. No sector secundario, a pesar dos efectos da crise industrial, atópanse industrias como estaleiros, fábricas de conservas ou cordoarías. No sector primario, a pesca emprega aínda unha importante proporción da poboación. A depuradora de moluscos, as bateas de mexillóns, os barcos da ardora ou nasas, os de conxelados e o marisqueo seguen a ser actividades económicas fundamentais. Os portos de Moaña e de Meira son os que articulan a actividade pesqueira. A agricultura é un complemento económico e conta con cultivos de invernadoiro destinados á comercialización nos mercados urbanos, e case desapareceu a gandaría. Por outro lado, o sector da construción coñeceu un forte desenvolvemento debido á expansión residencial do concello. Ten importancia o sector turístico, que se promocionou mediante a mellora das dotacións das numerosas praias do concello como pola construción dun campo de golf na parroquia de Domaio. A principal vía de comunicación é a estrada comarcal C-550 que circula pola costa de Moaña. A estrada local P0-313 e outras comunican ás entidades de poboación municipais. A autopista A-9, a través da ponte de Rande, une o concello coa cidade de Vigo e facilita a comunicación coas principais cidades de Galicia.
Historia
Os primeiros asentamentos humanos remóntanse á prehistoria feito que constatan numerosos restos datados durante o desenvolvemento da cultura megalítica. O lugar tamén experimentou a ocupación romana posterior. A súa situación estratéxica propiciou diversas invasións costeiras durante a Idade Media e Moderna, entre as que destacou a dos piratas turcos en 1617. A casa señorial de Soutomaior exerceu xurisdición sobre a parroquia de Tirán, e a de Valadares sobre Meira. En 1702 os moañeses participaron activamente na Batalla de Rande contra o invasor inglés. Ao establecerse os primeiros concellos constitucionais, o lugar onde se estende o termo de Moaña acollía os concellos de Meira, Domaio e Moaña. Coa división municipal de 1835 unificáronse no único concello de Meira, que contou coas parroquias de Meira, Domaio, Moaña e Tirán. En 1874 resolveuse cambiar o nome polo actual de Moaña, alegando que esta parroquia era a máis céntrica e nela se atopaba a maioría da poboación.
Patrimonio cultural>
Destacan os gravados rupestres da parroquia de Meira e os de Tirán, entre os que cabe sinalar o dos Remedios ou Os Castros, que foi declarado Ben de Interese Cultural (1975). Outros restos arqueolóxicos de interese son o dolmen de Chan de Arquiña, os castros das Cidades en Meira, o de Monte Alegre en Domaio, o da Devesa do Mouro na Seara e o dos Remedios en Tirán. Entre a arquitectura relixiosa destaca a igrexa parroquial de San Martiño Dumiense (s XII), e entre a arquitectura civil, o pazo do Real de Tirán e a Torre de Meira. Das instalacións para o ocio destaca o campo de golf de Domaio. Comparte con Cangas e Bueu o espazo protexido Carballal de Coiro. Destaca tamén o espazo da Enseada de San Simón, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas relixiosas, as máis famosas son as patronais da Virxe do Carme o 16 de xullo, que se celebran na ría de Vigo con procesións de barcas, e as de San Martiño. Tamén son destacables as romarías da Virxe dos Remedios e a de San Lourenzo, xunto coas gastronómicas de Chan de Arquiña e Bronlle. Na última semana de xullo celébrase o Festival Intercéltico do Morrazo, con actuacións musicais do xénero folk.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Morrazo, O
Extensión 35 Km2
Poboación Total 18587 h
Poboación Homes 9079 h
Poboación Mulleres 9508 h
Densidade de poboación 531.06 h/Km2

Parroquias

Domaio
Meira
Moaña
Tirán
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias