móbil

móbil

(< lat mobĭle)

  1. adx

    Que se move ou pode moverse.

    Ex: Avariouse a peza móbil e tiveron que pedir un recambio.

    1. adx

      Que se pode transportar dun lugar a outro.

      Ex: As unidades móbiles de televisión chegaron ao lugar do accidente.

    2. s m [TECNOL]

      teléfono móbil.

  2. adx

    Que cambia ou pode cambiar.

    Ex: Os prezos móbiles dos produtos provocaron flutuación no mercado.

  3. s m

    Motivo ou causa que impulsa a realizar unha acción.

    Ex: Están investigando o móbil do roubo.

  4. s m

    Obxecto de decoración ou xogo composto de elementos unidos por fíos ou varas articuladas, suspendidas ou en equilibrio sobre un soporte, que se move co impulso do aire.

    Ex: Regaláronlle un móbil artesanal feito por un pobo amerindio.

  5. s m [FÍS]

    Corpo en movemento.

  6. s m [ARTE]

    Realización plástica dotada de movemento constante ou alternativo e autoaccionada ou propulsada por un axente externo, que pode ser un factor natural aleatorio -o vento, por exemplo- ou o propio espectador. Non é en verdade unha estatua dotada de movemento, posto que, neste caso, os precedentes do móbil foron numerosos no manierismo e ao longo do s XVIII. Considérase a A. Calder (1898-1976) o autor dos primeiros móbiles propiamente ditos, que adoitan ir conectados cos ulteriores movementos da arte cinética e a arte tecnolóxica.

  7. [TECNOL]
    1. móbil perpetuo de primeira especie

      Máquina, imposible de construír segundo o primeiro principio da termodinámica, que, unha vez posta en marcha, proporcionaría indefinidamente traballo útil sen recibir enerxía de ningunha fonte ou ben proporcionaría máis enerxía da que consumiría para funcionar.

    2. móbil perpetuo de segunda especie

      Máquina, imposible de construír segundo o segundo principio da termodinámica, que realizaría un proceso cíclico que tería como resultado a extracción de calor dunha única fonte e a produción dunha cantidade equivalente de traballo.