molibdeno

molibdeno

(< lat molybdaena < gr μολὑβδαινα ‘anaco de chumbo’)

Nome científico: [Mo]
s m [QUÍM]

Elemento metálico que pertence ao grupo VI A da táboa periódica, de número atómico 42 e peso atómico 95,94, que está situado entre o niobio e o tecnecio. Pode presentar as valencias +2, +3, +4 e +6, esta última a máis estable. É de cor branca agrisada. Foi descuberto en 1778 por Scheele e illado en 1872 por Hjelm. Atópase na natureza principalmente en forma de molibdenita e wulfenita, e na industria obtense por redución do seu óxido en corrente de hidróxeno, á temperatura de 1.050°C. O molibdeno existe en todos os seres vivos, de feito que o fungo Aspergillus niger non se pode desenvolver sen este elemento. Ademais, actúa como catalizador na fixación do nitróxeno nas fabáceas e na síntese da clorofila. Emprégase como compoñente na produción de determinadas aliaxes férricas e non férricas, ás que confire outro tempero e resistencia á corrosión. Os aceiros cun contido de molibdeno superior ao 1,1% empréganse na fabricación de ferramentas de corte rápido e para a produción de imáns permanentes. Tamén ten aplicacións en electrónica.

Palabras veciñas

Molho, Maurice | molibdato | molibdenita | molibdeno | molíbdico -ca | molibdoso -sa | molicie